Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS EN BARCELONA

Leiro, Valdés, as Meninas: arte na rúa, nos museos e mais nas galerías

En Barcelona as mostras artísticas agroman por toda a cidade. Andar con tino, as obras están por todas partes.

Lito Caramés - 20:30 05/06/2008

O Retaule, de Leiro.

Co gallo do centenario do Palau de la Música Catalana, Francisco Leiro inventa un retablo (retaule) na parte nova do palau, nese muro de vidro que instalou Tusquets. Concibida expresamente para a súa instalación no Palau modernista, a proposta do escultor de Cambados xoga co concepto histórico de retablo (aquela estrutura escultórico-escenográfica tan querida polo barroco). Leiro inclúe, gabeando alturas, pezas en bronce, poliéster e madeira, reptadoras de fachadas. As figuras suxiren personaxes insólitos, metade humanos e metade animais, como o astronauta, o esquiador ou un enorme gaiteiro.

Toda esta oferta, monumental e xenerosa, ten máis da querenza románica ca da hipérbole barroca. É austera, elemental nas liñas, mitolóxica e cotiá, hierática nos contidos. Leiro busca na monumentalidade a versión irónica, na estraña ubicación a racionalidade, na concepción plástica dos personaxes o humor do Salnés. Unha reflexión sobre a condición humana e unha ledicia para os sentidos.

O xenio de Francisco Leiro vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Cultura na categoría de Artes Visuais, polo seu prestixio internacional e a súa forza creativa, que parte dunha tradición e dunha iconografía vinculada a Galicia e que se proxecta a través de novas linguaxes e soportes.

Meninas na Rambla, Meninas no Museu.

A Fundació La Caixa vén de chantar dezasete esculturas de Manolo Valdés na Ramba de Catalunya. A exposición itinerante chega agora ao corazón de Barcelona. O motivo principal da mostra son recreacións monumentais da obra de Velázquez, Las Meninas.

Cómpre lembar que xa o ano pasado a Fundació La Caixa encheu o mesmo espazo coas míticas propostas do escultor polonés Igor Mitoraj.

En bronce e en ferro, Manolo Valdés convídanos a pasear por entre as figuras e mais tocar e gozar das formas redondas, rugosas e sensuais. Tamén hai referencias a obras de Ingres, unha versión da Dama de Elche e colosos en ferro. Lonxe quedan os días do Equipo Crónica que Valdés fundara, pero non as propostas simplificadoras e debedoras do cubismo.

Paralelamente (e non sei se en comandita) o Museu Picasso presenta unha exposición que trata o mesmo tema: Oblidant Velázquez. Las Meninas. Un título ben suxestivo para repasar as teimas que Picasso tivo con esta obra, e de paso mostrar que non foron só cismas do pintor do Gernika, senón que moitos outros artistas de varias centurias recuaron polas voltas da obra de Velázquez. E, como non!, no museo hai obras de Valdés, do Equipo Crónica, de Dalí, de Hamilton...

Fín, que non final.

Na Fundació Vila Casas, esa casa que na rúa Ausiàs March vai ampliando espazos, móstranse agora pinturas de Fín (1916 – 1969) baixo o título Fín a les col·leccions de Barcelona. Este nome tan rotundo e definitivo agocha en realidade a personalidade do pintor José Vilató Ruíz (o de Fín vén de Josefín, nome familiar).

Hai unha razón de autonomía persoal para optar pola máscara de Fín. José Vilató é fillo de Lola Ruíz Picasso e sobriño dun que pintaba, un tal Pablo Ruíz Picasso. E sempre quixo fuxir desa sombra anuladora e familiar.

Con todo, a obra de Fín ten moito de cubista, debedora ou non do tío. E tamén doutras etapas de Picasso. Aínda que logo despois (nos anos cincuenta e sesenta) sexan as propostas informalistas as que máis lle chisquen o ollo. A case totalidade das obras expostas proveñen de coleccións particulares, de aí o título da mostra.

Blanco y Negro.

Na mesma Rambla de Catalunya, a galería Lassaletta presenta unha escolma de obras de autores ben coñecidos, baixo un denominador nada común: o branco e o negro.

Con esta proposta é doado contemplar (e mercar) pinturas e debuxos de artistas como Antonio Saura, Benjamín Palencia, Manuel Millares, Gonzalo Goytisolo, Luís Feito, etc.

O resultado é diverso dentro dese mundo sen cor, que ás veces esvara polos trazos da caligrafía oriental e outras inclúe formas e estéticas figurativas, cando non apostan polo pesimismo e o conflito permanente de formas e conceptos, tal como leva tempo facendo Antonio Saura.

Viladecans: Malalties i Memoria.

O Palau Moja alberga as últimas producións de Pere Viladecans. Alí hai dúas series de pinturas, unha é Símptomes i malalties, na que o artista reflexiona sobre o ciclo vital, as enfermidades e o ciclo vital. A outra serie, Patrimoni i Memòria, sírvelle máis para indagar na memoria colectiva e mais no paso do tempo, nesa propiedade efémera que ten a vida dos humanos.

O resultado resulta atractivo, o que primeiro semella ser un xogo ou exercicio de ciencias naturais, remata por ser unha proposta moi fonda e racional.


EXPOSICIÓNS:

Retaule, de Leiro.
Palau de la Música Catalana
Até o 29 de xuño.

Las 'meninas', de Valdés
Rambla de Catalunya
Até o 15 xuño.

Fín a les col·leccions de Barcelona
Fundació Vila Casas, Ausiàs March, 22
Até o 28 de xuño

Blanco y negro
Galería Lassaletta, Rambla Catalunya, 47
Até o 25 de xuño

Símptomes i Malalties - Patrimoni i Memòria, de Viladecans
Palau Moja, Portaferrissa,1
Até o 26 de xuño


1,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Submarinistas", Francisco Leiro
"Submarinistas", Francisco Leiro
"Aniñado", Francisco Leiro
"Aniñado", Francisco Leiro
"Meninas", Manolo Valdés
"Meninas", Manolo Valdés
Goytisolo
Goytisolo
Pere Viladecans
Pere Viladecans
"Composició", Fín
"Composició", Fín