Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'La Voz de Galicia' e 'Telesalnés', os galardoados

Entregados no Barbanza os premios 'Borrasca' e 'Anticiclón' á promoción do idioma

Un informe sociolingüístico da Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización detecta un alarmante descenso da transmisión da lingua.

Redacción - 18:25 17/06/2008
Imaxe da conferencia de prensa

Imaxe da conferencia de prensa

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza detectou unha alarmante desgaleguización entre a mocidade da comarca. Segundo os datos dunha análise sociolingüística efectuada nos centros de ensino dos catro concellos da beira norte da ría de Arousa, produciuse unha fenda na transmisión interxeracional da lingua, principalmente nos concellos da Pobra do Caramiñal e de Ribeira.

O estudo analizou tres variábeis: o hábitat (máis castelán canto máis urbano), a idade (máis castelán canto máis novos) e os prexuízos lingüísticos (que se dan, paradoxalmente, en familias galegofalantes en zonas como Palmeira).

A elas sumáronse preguntas para detectar a actitude cara á lingua, que deron uns resultados que poderían parecer superficialmente positivas. Así, o alumnado e os pais amósanse conformes con que a aprendizaxe de varias linguas enriquece e co feito de que se poidan dar matemáticas en galego, pero non ven tan ben a aprendizaxe bilingüe cando unha das linguas é o galego, nin están dispostos a recibir máis clases na lingua propia.

O informe cualifica os resultados de preocupantes polos prexuízos que se manifestan nos galegofalantes, que se ven estigmatizados pola súa lingua. Con todo, os castelanfalantes teñen unha consideración igual ou peor de cara á lingua. A conclusión dos equipos de normalización é que o único xeito de mudar os usos é actuar sobre a imaxe que a poboación ten do idioma.

Premios Anticiclón e Borrasca
Co obxectivo de pular pola normalización lingüística, a coordinadora barbancesa outorgou este ano, por primeira vez, os premios simbólicos Anticiclón e Borrasca as entidades que destaquen polo seu apoio ou rexeitamento á promoción da lingua.

Desta volta, a distinción negativa (Borrasca) recaeu na edición local de La Voz de Galicia, medio do que recoñecen algunhas medidas a prol do galego, como o suplemento cultural Barbantia, pero no que atopan eivas como un uso anecdótico e residual do idioma ou a cobertura parcial de actos como o Correlingua. Por iso, animan o xornal a non traducir ao castelán as declaracións dos galegofalantes da comarca e a ampliar o espazo do galego nas súas páxinas.

O premio Anticiclón outorgóuselle á televisión local Telesalnés, polo seu uso cotián e normal do galego na produción propia e pola súa fidelidade lingüística


4,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: