Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO MNAC: Duchamp, Man Ray, Picabia

Re-visitar o Dadaísmo. A Fonte de Duchamp está en Montjuïc

A comezos do novo milenio seguen interesando os postulados do movemento Dadá. Cómpre a transgresión nesta sociedade que só busca obediencias? Algunhas das iconas artísticas ou anti-artísticas chegan a Barcelona.

Bernat Almirall e Lito Caramés - 23:00 29/07/2008

O Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC) -esa institución que medra e medra en calidade e en diversidade de ofertas- vén de abrir ao público unha exposición que xa estivo na Tate Modern de Londres, ofrecendo no seu seo materiais diversos (pinturas, fotografías, escritos, esculturas, obxectos, etc.); en total máis de 300 obras dos tres artistas creadores do dadaísmo: Duchamp Man Ray Picabia. O dadá e mais o surrealismo non envellecen. As súas propostas artísticas e de vida seguen a ser atractivas pola rebeldía que militaron e a que fomentan. Proba diso é a recorrencia coa que cada pouco se recuperan creadores, e a persistencia dos postulados de hai oitenta anos nos artistas actuais. Non hai moitos meses tamén no MNAC, puidéronse ver conxuntamente dúas mostras moi interesantes sobre o surrealismo, unha da obra e a vida de Yves Tanguy (artista íntegro e consecuente), e a outra sobre obxectos inventados polos surrealistas, obxectos nos que traballa e moito lle agradan a Pepe Cáccamo.

E agora visítannos símbolos da arte do século XX: un urinario, unha Mona Lisa con bigote, a roda dunha bicicleta, o Gran Vidro... Atractivo conxunto.

Amizade e transgresión

A mostra, montada e comisariada por Jennifer Mundy -directora de investigacións das coleccións da Tate- arranca da amizade que os tres artistas mantiveron toda a vida, alimentada en Nova York, en París, en Cadaqués. Tal afinidade foi posible polas súas fidelidades ao espírito dadá, á transgresión, á rebeldía. Man Ray é o fotógrafo do surrealismo, aínda que tamén pintou e fixo pezas que se poden identificar coa escultura. Francis Picabia -francés de orixe cubano e pai galego- está a ser re descuberto ultimamente coas súas elaboracións arredor das máquinas e mais das transparencias. O máis coñecido é Marcel Duchamp. A meirande parte da súa obra está concentrada no Philadelphia Museum of Art. O fondo que se percibe, xa que logo, en todo o que está exposto en Montjuïc (máis alá de diferenzas e tratamentos) é iso: os paralelismos entre as traxectorias dos tres amigos e a súa frescura, nacida desa rebeldía de raizames anarquistas.

A fidelidade ás formulacións anti-mercado e anti-arte pódese exemplificar nas actitudes de Duchamp. Comezou a criticar a arte, a rir dela e de quen a facía, até que a abandonou por completo (consecuencia loable), e acabou dedicando o seu amplo intelecto ao xadrez, sendo nalgúns campionatos representante por parte de Francia. Facía os ready mades como divertimento e como parte da súa loita anti-arte, e así como os elaboraba, esquecíaos. Por iso, para seguir provocando e burlando, encargou ao artesán Artur Schwarz a réplica de 13 ready mades (no ano 1964). Fixo 8 copias de cadanseu e foron vendidas axiña. Duchamp inventou un heterónimo, Rose Selavy (verdadeiro xogo mordaz de palabras), co que presentaba obras moi provocadoras. Para rematar, nos últimos anos da súa vida estivo traballando nunha obra (Étant donnés, 1946-1966) da que non deu noticias, e deixou instrucións para vela despois da súa morte.

Todas estas cousas son visibles agora no MNAC. Que curioso... Vén de abrirse en Santiago de Compostela (na outra banda desta península) unha exposición sobre Joseph Beuys, algo así como o “alter-ego” de Duchamp). Un argumento máis para viaxar cara o oeste, facer o camiño, buscar a fin antes que ela, de por si, vaia chegando.

Ready mades e máquinas

Entre as pezas instaladas nas salas do MNAC destacan os traballos de Picabia con máquinas. Pódese explicar este interese por mecanismos e motores polo engado que a industria exercía sobre persoas abertas a calquera faceta do tempo que viviron, e tamén porque esas pezas industriais (case ready mades, na conceptualización de Duchamp) dábanlle moito xogo para exercitar o humor e as ironías corrosivas que sempre ían diante deles. Títulos como “Filla que naceu sen nai” (1916), dado ao que perece un motor de explosión, exemplifican o antedito.

Moito máis coñecidos son os ready mades de Duchamp, a súa aposta anti-arte. Na montaña de Montjuïc atópanse este verán varios dos máis coñecidos e importantes. A Fonte, por exemplo, (Duchamp, 1917) foi considerada a comezos do novo milenio como a obra de arte (se iso é arte) máis influínte de todo o século XX (a Fonte non é máis ca un urinario, deses que se poden ver e usar en moitos retretes para homes). En segundo lugar quedou a non menos transcendental obra de Picasso Les Demoiselles d'Avingon (1907), seguida de pezas de Andy Warhol.

Este verán son moitos os ready mades de Duchamp -e recreados por Schwarz- que se poden contemplar en Montjuïc.

Os artistas e Cataluña

Por motivos diversos e distanciados no tempo, os tres provocadores viviron tempadas xa en Barcelona, xa en Cataluña. Man Ray percorreu Cataluña (inclusive Cadaqués) facendo fotos para ilustrar un libro de Dalí. Picabia tiña familia (por parte do seu pai galego) en Barcelona, e aquí se refuxiou durante a Gran Guerra (1916-17), expuxo, publicou en revistas e quedou moi impresionado polas pinturas románicas que, xa daquela, baixaran do Pirineo para Barcelona. O que mantivo relacións longas no tempo foi Marcel Duchamp. Casualmente expuxo por primeira vez en Barcelona (galería Dalmau, 1912) a súa importante obra Nu baixando unha escaleira (1912) -da que Eugeni D'Ors dixo pestes-, e logo pasou longas tempadas en Cadaqués.

Con todo, a exposición non é perfecta. Bótase en falta un trato do humor máis amplo, sendo este un dos motores que movía a estes tres provocadores e revolucionarios. E logo, falta Nu baixando unha escaleira (1912), obra de Duchamp inspirada polo cinema, fronteira do cubismo e premonitoria do futurismo. O que son as cousas, cando esta exposición estaba na Tate Modern de Londres si que estaba esta obra, pero aquí non chegou, fuxiu para Filadelfia. Non é a primeira vez que suceden cousas similares. Quere dicir que Barcelona segue a ser praza de segundo orde?

EXPOSICIÓN: Duchamp, Man Ray, Picabia.

MNAC, Montjuïc.

Até o 21 de setembro.
 
Horario: de martes a sábados, de 10 a 19 h. Domingos, de 10 a 14.30 h.


4.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Duchamp, "Fonte", 1917
Duchamp, "Fonte", 1917
Ray, "O equilibrista acompañase das súas sombras",1916
Ray, "O equilibrista acompañase das súas sombras",1916
Picabia, "Filla nacida sen nai", 1916
Picabia, "Filla nacida sen nai", 1916
Duchamp "LHOOQ", 1919
Duchamp "LHOOQ", 1919
Ray, "Érotique voilée", 1933
Ray, "Érotique voilée", 1933
Picabia, sen titulo, 1927
Picabia, sen titulo, 1927