Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTADA A NOVA TEMPADA

O CDG cumpre 25 anos unindo a Manuel Lourenzo e Quico Cadaval

'As dunas', obra na que traballan conxuntamente os dous autores estrearase o 6 de marzo. Antes, en outubro, chegará 'A boa persoa de Sezuán'.

M.S.P. - 14:35 19/09/2008

"Unha viaxe pola Mariña luguesa, da man dunha tropa estrafalaria", di Manolo Lourenzo; "Un cabaré sobre o paraíso perdido", engade Quico Cadaval. Así definen os dous autores As Dunas, a obra do Centro Dramático Galego que conxuntamente estrearán o 6 de marzo de 2009 no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O texto é de Lourenzo, autor residente da tempada no CDG, e será posto en escea por Cadaval, "unha estrana parella", comentaba Cristina Domínguez, directora do Centro, pero seguramente os dous nomes de maior categoría no teatro galego actual.

As Dunas será o prato forte da nova tempada do CDG, presentada este venres, e na que o Centro celebrará (nos primeiros meses de 2009) o seu 25 aniversario. Chegará en marzo, pero antes, o 24 de outubro veremos a estrea da outra produción propia do CDG, A boa persoa de Sezuán, a obra de Bertold Brecht dirixida polo portugués Nuno Cardoso e representada por un destacado elenco de profesionais e técnicos galegos e lusos, como Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Toni Salgado e Hugo Torres. A música corre a cargo de Fran Pérez Narf, que asume a responsabilidade de se converter nunha caste de particular Kurt Weill galego.

A obra estrearase o día 24 de outubro no Salón Teatro, onde ofrecerá dúas funcións máis os días 25 e 26 antes de iniciar a xira por distintos escenarios galegos, comezando pola Coruña (do 5 ao 8 de novembro), Tui (14 e 15) e Vigo (27 e 28). A boa persoa de Sezuán regresará ao espazo compostelán o 26 de novembro onde permanecerá ata o 14 de decembro.Brecht escribiu a obra hai xa 65 anos en California. Trátase dunha fábula amarga onde a bondade é detestada ao límite nun mundo desprovisto dela e, no cal, a "boa persoa" en cuestión adquire interpretacións cada vez máis distantes daquilo que, botando man do sentido común, se entendería como bondade ou persoa bondadosa. Noutro momento Brecht escribiu aquilo de "por desgraza, nós, que queríamos preparar o camiño para a amabilidade, non puidemos ser amábeis".

Outras obras
En abril estrearase Eco, unha coprodución da Cia Iván Marcos co CDG, que chegará ao Salón Teatro os días 17, 18 e 19. A obra, multidisciplinar, investiga o momento en que unha figura, un son ou un ente se libera dunha superficie e acada a súa propia independencia. Faino desde a exploración de diferentes formas de percepción sensorial e mediante unha linguaxe teatral que combina unha multitude de elementos. Enriba do escenario unha plataforma xiratoria ocupa o centro do espazo, artificio propio do kabuki. Tamén en abril, Teatro do Morcego celbrará o seu vixésimo aniversario cunha coprodución con Seiva Troupe e coa colaboración do CDG.

En maio chegará o Wake up de Nut Teatro, en coprodución co CDG, e dirixida por Carlos Neira. Nesta obra Nut Teatro continúa a liña de traballo estabelecida nas súas tres propostas escénicas anteriores: Corpos Disidentes, 4.48 Psicose e A Mirada de Pier, onde apostaba por obras experimentais que combinaban fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á arte realizativa ou de acción. Finalmente, en xuño estrearase Ovay, coproducida por Quique Peón Cia e o Centro Coreográfico Galego

Abrir as fiestras do teatro
A nova tempada do CDG foi presentada cun espectáculo no que un gran número de actores e actrices foron saíndo do Salón Teatro até a Rúa Nova, abrindo as fiestras e portas do espazo, e convidando ao público a entrar no teatro. Tanto para Cristina Domínguez como para Ánxela Bugallo, ese debe ser o gran reto do CDG: "abrir o teatro a todos os lugares, a todos os ollos, saír á rúa, achegarse ao público", en palabras da conselleira de cultura. Para animar aos afeccionados a encher os espazos de representación, o Salón Teatro ofrece, entre outros atractivos, abonos económicos que se porán a venda a vindeira semana, e que permitirán ver catro espectáculos por tan só vinte euros.


4.4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A nova tempada do CDG foi presentada nun espectáculo público na Rúa Nova de Compostela
A nova tempada do CDG foi presentada nun espectáculo público na Rúa Nova de Compostela