Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UN BLOG É UN LIBRO?

Retíranlle o 'González Garcés' a Eduardo Estévez

Xavier Lama, en quen recae agora o premio, impugnou o fallo do xurado por considerar que a obra gañadora xa fora publicada en enconstrucion.blogspot.com.

Marcos S. Pérez - 18:40 23/09/2008

O 27 de maio Eduardo Estévez gañou o premio de poesía González Garcés, que convoca cada dous anos a Deputación da Coruña. Ese mesmo día nunha entrevista en Vieiros recoñecía que o libro comezara a escribirse no blog enconstrución, onde aínda se poden atopar os traballos previos, o work in progress da obra, ""o obxectivo era amosar en directo a evolución do libro, o proceso creativo, que a xente fose lendo os poemas e participase coa súa opinión", dicía daquela Estévez. Con todo, o autor deixaba claro que "no blog está apenas unha parte pequena do poemario e do proceso, porque deixei de escribir nel nun momento dado, cando comecei a pensar na posibilidade de publicar o libro".

Porén, o finalista do premio, Xavier Lama, impugnou o fallo do xurado por considerar que a publicación previa que Estévez fixera neste blog supuña o incumprimento de dous dos puntos das bases: o carácter inédito das obras presentadas ("obras inéditas e non premiadas con anterioridade", base primeira) e o anonimato dos autores (base terceira). Tres meses despois o xurado do premio, formado por Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández, Gonzalo Navaza, Luz Pozo Garza e Medos Romero, ademais da responsábel da área de Cultura da Deputación, Caridad González, e do propio presidente do ente provincial, Salvador Fernández Moreda, aceptou a impugnación de Lama por catro votos contra un.

No texto da impugnación, Xavier Lama denunciaba que "o texto do poemario premiado titulado 'Construccións' está nun blog de Internet desde o ano 2006". O xurado, na súa acta, salienta que "unha grande parte da devandita obra estivo publicitada en formato de edición electrónica e recibiu numerosas visitas e lecturas públicas coa agravante de figurar expresamente vencellada ó nome real do seu autor, durante un longo periodo temporal, feito que o propio autor recoñeceu en declaracións públicas".

Eduardo Estévez
queda, polo tanto, desposuído do premio, que recae no propio Xavier Lama, que leva os 6.500 euros do premio, e verá publicada a súa obra, Cabalos do Alén. Estévez anuncia que non recorrerá a decisión, malia a considerarse no seu dereito a interpoñer un recurso contencioso-administrativo perante o TSXG contra a resolución da Deputación. Así mesmo considera que "a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido". Eduardo Estévez presentou alegacións á impugnación, baseadas no argumento de que non se pode considerar que a súa obra fora publicada previamente, en ningún caso como obra completa, posque que no blog "é posíbel consultar borradores de algúns dos textos que compoñen a obra, pero non todos os textos nin as súas versións finais".

Ademais, Estévez aclara que "a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufríu moitas correccións". Eduardo Estévez parece ter unha maldición con este premio, no que antes desta ocasión quedara finalista dúas veces, a primeira en 1997 con Só paxaros saíron desta boca.

Apoio de Fran Alonso, Miro Villar e Fernán Vello
Estévez apoiou as súas alegacións en tres informes técnicos remitidos por Fran Alonso, Miguel-Anxo Fernán-Vello e Miro Villar. Fran Alonso afirma que "en ningún caso pode entenderse o blog 'En construción' como un libro dixital. En primeiro lugar, un blog non responde ao que desde o punto de vista profesional os editores entendemos por 'edición dixital'". Pola súa banda, Fernán Vello considera que ao non incluír as bases "xunto á denominación "obras inéditas", as especificacións "na súa totalidade" ou "no seu conxunto", enténdese que a obra presentada puidera permitir a inclusión de textos poéticos parciais anteriormente "recitados" en público ou mesmo, como é o caso, reproducidos, parcialmente, através dun formato electrónico en Internet".

Finalmente, Miro Villar conclúe que "só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro", polo que os poemas publicados por Estévez no seu blog non incumprirían as bases. Ademais, puntualiza que "as versións anteriores á edición definitiva ou testamentaria por parte do autor teñen a consideración de material de traballo para a crítica textual, mais en ningún caso se chegan a considerar como textos definitivos do autor".

"Un debate necesario"
Dende a área de Cultura da Deputación, asúmese a "boa fe", tanto de Eduardo Estévez, como de Xavier Lama, como dos membros do xurado, que descoñecían a existencia do blog no momento en que concederon o premio. Así mesmo, consideran que con isto se abre "un debate necesario" e que as súas consecuencias van ser positivas "vainos facer reflexionar sobre os novos soportes de publicación e vaino obrigar a actualizar as bases dos concursos literarios". Ademais, subliñan que a obra de Xavier Lama que finalmente levará o premio "ten unha calidade literaria contrastada", e que por iso foi considerado "finalista" polo xurado.


4,31/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: