Os sindicatos agrarios entenden que a decisión de Leite Río de non mercar ás cooperativas obedece a unha estratexia para abaratar os prezos.
"Estannos levando á situación que sempre soñou a industria: a do gandeiro desprotexido e sen marxe de manobra". Estas son as palabras coas que define Marcos Louzao, do Sindicato Labrego Galego, a situación actual das explotacións. A escalada de protestas vai en aumento e os produtores aseguran estar xa no límite das súas posibilidades. Este mércores un cento de gandeiros deitaron uns 300 litros de leite fronte á Subdelegación do Goberno en Lugo para protestar contra a importación masiva de Francia realizada polas industrias afincadas en Galiza. Ao tempo, en Santiago de Compostela, os traballadores das cooperativas da comarca do Deza tiraron outros dous mil litros perante a Consellaría de Medio Rural en protesta pola decisión de Leite Río de recoller só a aqueles gandeiros que vendan a título individual e non a través das cooperativas.
Aos produtores si, ás cooperativas non
Os tres sindicatos (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) están de acordo en afirmar que a situación é xa crítica. O último episodio desta longa historia é a decisión da empresa de Xesús Lence de non recoller ás cooperativas. "Se aceptamos estas presións as asociacións perderían o seu sentido, precisamente xorden pola necesidade de defender os nosos dereitos conxuntamente", di Francisco Bello (XXAA). A ameaza de Lence fíxose efectiva e por primeira vez os 65 mil litros diarios que comercializa Indega (segunda cooperativa de Galiza en produción que conta con 225 asociados) quedaron sen recolller.
A pregunta clave é ¿a que responde esta esixencia desta empresa láctea? Segundo explican os sindicatos, é unha forma de presión que busca dunha banda a "desmembración e desunión do sector" e doutra "sementar un clima de terror" ante o que os gandeiros non poidan máis que vender ao prezo que lles ofrecen. "Trátase dunha estratexia planificada da propia industria: primeiro foi Puleva na zona de Forcarei, agora Leite Río no Deza... a cuestión é ameazar con non recoller o leite para que no futuro o gandeiro asine un contrato que, polo menos, lle garanta que o seu produto sairá da explotación, sen poder exixir un prezo xusto". Neste sentido tamén se manifesta Marcos Louzao (SLG) quen engade: "queren meter medo a xente evitando que se negocie de xeito colectivo". Ante esta situación, Xabier Iglesias (UUAA) fala mesmo dun "acordo tácito" entre as empresas xa que, de non querer venderlle a Lence non teñen máis opcións, porque ningunha outra industria acepta ese leite rexeitado por Río.
Contra as importacións
Outro dos problemas que está a afectar gravemente ao sector é o das importacións masivas procedentes de Francia e Portugal. Os gandeiros consideran "inadmisíbel" que as empresas falen de rebaixas no prezo mentres que as compras no estranxeiro medraron até un 25% no que vai de ano. "Os empresarios aseguran que teñen que baixarnos o prezo porque teñen moito produto almacenado, pero o certo é que ese leite é francés ou portugués". Dende os sindicatos interpretan este tipo de accións nunha nova estratexia para pagar menos de cara á sinatura dos contratos homologados.
Que actúe Medio Rural
Unha vez máis as protestas dirixíronse tamén cara a Administración. Piden á Consellaría de Medio Rural que exerza algún tipo de mediación, dunha banda para evitar o peche das cooperativas, e doutra para que rematen as exportacións masivas de leite de fóra. Representantes dos tres sindicatos entrevistáronse co director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca, quen dixo que este é un problema "puntual". Dende a consellaría piden "diálogo de cara a achegar posturas e acadar unha solución", ao tempo que lembran que "a Administración non pode impoñer as condicións de transacción económica entre as diferentes partes". Con todo, Medio Rural asegura que "está a levar a cabo unha labor de mediación" e avoga pola futura sinatura dos contratos homologados para darlle estabilidade ao sector lácteo.
Pois que viva contrato homologado "hitórico" de D. Alfred . Todos sabían que lles ía a favorecer as industrias. Ou non? Os sindicatos agrarios asinaron ise contrato moi ledos, agás o S.L.G. que se decatou que era un contrato "trampa". Noraboa ao S.L.G.
En lugar de estar queixandose deberian de facer o que fixeron as cooperativas catalanas, xuntarse e crear unha marca de leite que les repercuta os beneficios directamente a eles. Sinceramente, estan perdendo o tempo, cando podrian aproveitalo e salir gañando.
Que se aclare o SLG! Nas suas "feiras sustentábeis" e "mercados transparentes", avogan pola desaparición dos intermediários na cadea de consumo, pero no leite defenden aos primeiros compradores (intermediarios), como é o caso desta cooperativa da miña zona, que o único que fai e "intemediar" para que, por unha banda, alguns traballadores xustifiquen o seu emprego e, pola outra, cobrar para pagar eses empregados. Rio será un "sirvenguenza", pero aqui hai moito aproveitado.
En moitas ocasións leo comentarios, supoño que con moito máis apaixoamento que coñecementos do que acontece na realidade. E vou por un exemplo que é bastante clarificador: o ano pasado, cando as empresas leiteiras pactaron baixarlles o prezo aos gandeiros, que non aos cidadáns que o mercan, a cooperativa Feiraco fixo unha declaración de que non ía baixarlles aos seus productores posto que non había ningún motivo que o xustificase. Só o interese por gañar cada vez máis das grandes empresas. Naquel momento desatouse un boicot total a Feiraco, e houbo puntos de venda como a cadea Día que retiraron os productos de Feiraco. O ataque a calquera forma de autoorganización é bestial por parte das empresas. Por desgraza, actualmente o presidente actual, declarado activista de UUAA e do Psoe e apoiado pola Consellería do Medio Rural, anda noutras leas, que non son apoiar precisamente a producción en Galiza. Pero esa é outra historia. Por outra parte, unha cousa é pensar que as cooperativas non deben ser outro intermediario máis entre os gandeiros e as empresas, cousa que eu tamén comparto contigo e constame que con xente do SLG, e outra que non esteamos ante a "doma e castración" do sector gandeiro galego, coas industrias nunha estratexia de medo, ameazando á xente con deixar leite sen recoller, forzando prezos míseros cos custos actuais para continuar as recollidas, tentando ir a todo custo a negociacións individuais (rompendo calquera colectivo organizado) e facendo isto en grupos moi visibles como as cooperativas de Lugo, de Frades e do Deza. Isto, como as execucións na praza pública, para que os outros vaian aprendendo. É onde está o conselleiro? Pois dicindo que é algo puntual, que se debe tan só a axustes na recollida. Mexan por nós e temos que dicir que chove
Non entenderé xamais que para defender os precios aos consumidores e aos gandeiros, se teña que tirar o leite, como moitas veces os tomates, a carne, etc.... Pero isto que é? Tanto liberado sindical e non poden organizarse durante vintecatros horas, se fose necesario, por turnos para repartilo leite? Vergoñento, quedan sen argumentos.