Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
E. NICANOR, DIR. DO FESTIVAL DE CINE DE OURENSE

"A política audiovisual de Galiza debe considerar ter un festival de referencia"

O certame ten 114 filmes na súa sección oficial, e proxectará un total de trecentas películas entre o 11 e o 18 de outubro.

Marcos S. Pérez - 09:30 10/10/2008
Emrique Nicanor

Emrique Nicanor

O Festival Internacional de Cine de Ourense é o festival, o único que pode merecer ese nome entre os certames xeneralistas en Galiza. Este sábado arrinca unha nova edición, a décimo terceira, con importantes novidades. Cambia de datas, de novembro a outubro, de ubicación na propia cidade de Ourense, concentrando as súas actividades canda ao Auditorio municipal, e cambia tamén de equipo xestor.

É certo que xa Enrique Nicanor dirixiu o festival no 2007, pero só a partir de setembro, polo que non puido ocuparse do deseño das seccións ou a selección dos filmes. Pode considerarse, polo tanto, que este é a primeira edición da nova etapa do festival, que o pasado ano apostaba por 'reinventarse'. Ourense faise máis ambicioso, ofrecendo non só proxeccións, senón tamén procurando estabelecerse como un espazo de intercambio comercial, de formación de mercados e de axuda ás novas producións.

A que comeza estes días é realmente a primeira edición que coordina na súa totalidade. A do ano pasado tivo que collela en marcha...

Si, evidentemente. O ano pasado tivemos que resolver a papeleta como puidemos.

Conseguiuse 'reinventar o festival', como afirmaba o leit motiv da pasada edición?
Eu estou moi satisfeito da selección que fixemos, creo que é un conxunto de películas moi orixinal e moi auténtico. E estou moi satisfeito porque este é un festival moi libre; con isto refírome a que todas as organizacións teñen moitos compromisos con unhas empresas ou institucións, mentres que o festival de Ourense aínda non os ten, xa chegarán, pero polo de agora non os ten. As películas que participan a concurso son unha selección das que se presentaron. É unha selección rica en contido, unha programación útil e divertida, e moi conectada aos temas que preocupan á sociedade.

Seccións especiais sobre migración, América Latina, Cuba... A cinematografía cubana tócalle moi de perto, non si?
Home, é que é unha cinematografía moi rica e moi vencellada a Galicia, á emigración galega e ao cinema galego actual, e de feito estanse a facer moitas coproducións.

Cre que até o de agora o festival de Ourense non recibiu todo o recoñecemento social, institucional e mediático que merecería?
Creo que non, pero nestes anos foise poñendo unha semente, o festival estaba aí. Agora só se trata de aboalo ben, de darlle auga para que creza. Este é un festival internacional e xeralista, e non hai tantos festivais deste tipo en Galiza; hai festivais especializados en curtametraxes, en documentais, mais non xeralistas. A política audiovisual de Galiza debe considerar que ten que haber un festival, un, un festival de referencia. Este é o primeiro ano que o Festival de Ourense vai ter todas as características que definen a este tipo de certames, con actividades paralelas de tipo profesional, e tocando todos os temas, mesmo o dos novos medios, con profesionalidade.

Ourense coincidía con Cineuropa. Algún dos dous tiña que mudar as súas datas, e fíxoo Ourense. Era imprescindíbel, non si?
Si, era evidente que non podía haber esta coincidencia no tempo entre os dous festivais. Pero sobre todo, non podiamos coincidir cos festivais de Turín ou Salónica. E alguén aínda hai que pregunta se realmente son tan importantes eses festivais, que non teñen tanto nome, e teñen moita importancia, claro que a teñen. A xente ten que estar enterada de que non só existen Venecia ou Berlín, e de que se non estás en Turín ou Salónica, non podes facer negocio, e non estás no mundo. O Festival de Ourense debe servir, entre outras cousas, para que os galegos poñamos as pilas, e nos decatemos de que hai outras cousas, e de que temos que telas aquí, e de que nós temos que saír. Ourense non só debe proxectar filmes, senón que debe abrirlle os ollos á xente.

E Ourense cambia tamén de espazos...
Si, instalámonos nos arredores do Auditorio. O obxectivo é ter un espazo único, de referencia, que permita que quen vaia ver un filme poida no mesmo espazo falar cunha distribuidora, negociar unha coprodución. E que os estudantes, as escolas, poidan acudir a debates, e falar cos realizadores e técnicos que estarán por aí. O obxectivo é facilitar o que antes tiña que facerse en distintos lugares da cidade.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: