A falta de tempo era unha das escusas, pero malia descartarse o adianto electoral, o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, non ten présa en priorizar a reforma do voto emigrante.
O vicesecretario xeral do PSOE non quere unha reforma electoral que se limite soamente a garantir o voto emigrante en urna. Esta petición conxunta de todos os partidos do Parlamento quédase pequena para as aspiracións de Blanco, quen non quere que a modificación desta lei sexa "froito dun arrebato ou impulso". O dirixente socialista avoga por unha reforma máis "global", que a mude integramente para adaptarse mellor ás necesidades actuais do proceso electoral.
Ademais, Blanco defende unha reforma de consenso e di que "xamais se modificará a normativa electoral sen o consentimento do Partido Popular. Nesta liña, recorda que o tema está a ser estudado polo Consello de Estado, polo que aínda é cedo para coñecer as posturas das diferentes formacións políticas ao respecto.
No referente á petición do voto en urna para a emigración nas vindeiras eleccións galegas, asegurou que "é un procedemento que ten moitas complexidades", derivadas na súa maior parte ás distancias que separan a electores e consulados. "Cremos que hai que buscar mecanismos para facilitar o voto en urna, pero que sexan compatibles co voto por correo, porque se non estariamos a minguar os dereitos dos emigrantes", dixo o vicesecretario xeral do PSOE.
Penso que antes de falar sobre votar ou non en urna, do que deberían falar os políticos e do escándalo que supón que un fillo ou un neto de emigrantes, que en moitos casos non puxo un pé en Galicia en toda a súa vida, decida con seu voto o alcalde da miña vila ou o Presidente da Xunta.
Pero claro, disto non lle interesa falar aos políticos porque se lles acabarían as viaxes a América para trapichear cos votos.