Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ALPHONSE MUCHA EN CAIXAFORUM

Sedución, Modernidade, Utopía: o gran cartelista d'Art Nouveau na cidade do Modernismo

Chega a Barcelona unha escolma de obras de Alphonse Mucha, un dos máximos representantes do Art Nouveau, Modern Style, Jugendstil ou Modernismo.

Lito Caramés - 18:00 13/10/2008

2008-10-02 A Fundació La Caixa vén de inaugurar no seu edificio modernista Casaramona (Caixaforum) unha extensa mostra da creación artística d'Alphonse Mucha (Moravia, 1860), posiblemente o artista europeo máis netamente modernista (Art Nouveau). Ofrécese baixo a denominación Alphonse Mucha (1860-1939), Seducció, Modernitat, Utopia. Máis de 200 pezas entre debuxos, pinturas, fotografías, carteis, alfaias, libros, litografías, etc. A exposición -comisariada por Àlex Mitrani e organizada pola Fundació LaCaixa e mais pola Mucha Foundation de Praga- estrutúrase en catro grandes bloques de contido: o Teatro, a Beleza, o Misterio, a Modernidade. Como todas as exhibicións artísticas de CaixaForum esta mostra de modernismo ten como engadido que o seu acceso sexa de balde.

Algúns cartaces de Mucha xa se puideron ver en Barcelona hai un ano na antolóxica que, sobre o cartel moderno, organizou o MNAC (Museu Nacional d'Art de Catalunya) a partires dos seus propios fondos. Agora máis.

O teatro como fonte de inspiración

Alphonse Mucha estudou debuxo e pintura, e percorreu Europa central facendo de todo. Mormente actividades relacionadas co teatro, a súa gran paixón: escenografías, decorados, dirección artística e mesmo de actor afeccionado.

E, dando pinchos, reviravoltas e ceavogas, chega a París onde sigue estudando e traballando no que atopa. Até 1894. No Nadal dese ano recibe o encargo da imprenta Lemercier para facer con urxencia un cartel para a obra Gismonda, que a compañía da diva Sarah Bernhardt (actriz predilecta de Victor Hugo e mais de Oscar Wilde) ía re-estrear inmediatamente no Théâtre de la Renaissance. O encargo fixéronllo a el porque os artistas de primeira fila estaban todos de vacacións de Nadal. Gustou tanto o cartel que, desde entón, Sarah Bernhardt só quixo que fose Mucha quen lle fixese a publicidade das súas escenificacións. Logo chegaron máis encargos teatrais, e doutras facetas comerciais e industriais.

As orixes da publicidade moderna

Dise que Mucha pasa por ser o primeiro artista en comprender e usar a publicidade de xeito industrial e masivo. Adiantouse un século ao "merchandising". As súas creacións impresionaron Europa en botellas de licores, en anuncios de bicicletas, de papel de fumar, chocolates, festas, cervexas, etc. Até el mesmo puxo no mercado un xabón coa marca "Mucha".

Esta é razón tamén pola que se lle considera o pai do deseño moderno. A época (finais do XIX-comezos do XX, a segunda revolución industrial, o imperialismo europeo) prestábase a que novas técnicas de venda xurdisen na sociedade industrial. Mucha é contemporáneo de publicistas como Toulouse-Lauttrec, Casas, Gual, etc. que xa foron presentados en Barcelona hai un tempo no MNAC.

Esa mesma concepción publicista -xunto coa súa devoción teatral e o amor pola Moravia natal- semellan as razóns que o moven a querer crear unha imaxe, unha iconografía eslava. Precisamente será detido e interrogado polos nazis porque a eles non lles agradaba o nacionalismo eslavo de Mucha. Nacionalismos excluíntes?

Os cartaces son perecedoiros na súa propia concepción, e de rúa. Pero eficaces. O fenómeno do graffiti actual, terá algo que ver coa "ilustración de rúas" que comezou hai máis dun século? Cando Picasso proxectou o Guernica como obra efémera e mural, tiña presente o cartel publicitario?

O Modernismo nace como reacción á sociedade industrial. Ven sendo un neo-romanticismo, amante da artesanía e de xeitos antergos de facer. Como é, logo, que os artistas do Art Nouveau acaban sendo os creadores dos logotipos e imaxes públicas das empresas e, xa que logo, os encargados de fomentar o consumo industrial? Ou os cartaces de firmas comerciais teñen algún outro propósito que non sexa a venda masiva?

A muller, musa e icona

O tema favorito de Mucha na súa fasquía publicista é a figura feminina. Figura que el adorna con motivos celtas, esotéricos, masóns. Mucha foi Gran Comendador Checoslovaco da francmasonería.

Como xa se comentou noutras ocasións, a utilización da figura feminina como eixo central das imaxes das marcas industriais ten máis dunha lectura. Presentar á muller como membro da sociedade "moderna", unha muller que fuma, bebe, conduce, etc. pode ter o efecto positivo de querer afirmar que as mulleres participan da vida activa. Pero, esa mesma imaxe feminina, romántica, lánguida, sensual, que acompaña cervexas, papel de fumar, tabaco, licores, tamén pode insistir na imaxe "muller-floreiro". A percepción do corpo feminino como canon de beleza morreu coas Demoiselles d’Avignon, o expresionismo alemán e todo o cubismo. E os modernistas continuaron dando a mesma visión feminina. Desgraciadamente, os medios de comunicación social actuais non están ceibes destas retrógradas valoracións. Así nos vai.

EXPOSICIÓN Alphonse Mucha (1860-1939), Seducció, Modernitat, Utopia.

CaixaForum, Montjuïc

Horario: de 10 a 20 h.
Entrada de balde.

Até o 4 de xaneiro de 2009.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartel para a "Gismonda" (Sarah Bernhardt), 1894 (detalle)
Cartel para a "Gismonda" (Sarah Bernhardt), 1894 (detalle)
Chocolate "Amatller", Barcelona, 1900
Chocolate "Amatller", Barcelona, 1900
Cartel para o papel de fumar "Job", 1898
Cartel para o papel de fumar "Job", 1898
Mucha nunha escada, traballando, París, 1896 (detalle)
Mucha nunha escada, traballando, París, 1896 (detalle)