Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NA FUNDACIO VILA-CASAS: Irmáns Santilari

Neorrealismo a catro mans: a luz e a maxia do sentir cotián

Despois das vangardas todas do século XX, os irmáns Santilari pintan como querendo ser veciños de Vermeer e de Tiziano. Que ten o figurativismo que os creadores recuncan nel?

Lito Caramés - 20:30 23/10/2008

La Fundació Vila-Casas, institución que está a medrar continuamente e que logo abre un novo e fermoso espazo en Poblenou, vén de inaugurar na rúa Ausias March unha antolóxica de Josep Santilari e Pere Santilari, Realisme Contemporani. Son xemelgos, comparten o mesmo obradoiro e mesmo pintan cadros a medias. A mostra recolle traballos dos últimos vinte anos, con tres grandes temas como invitación á provocación: a paisaxe urbana, o bodegón e a figura feminina. Provocación contida en paisaxes que non son como seguramente espera, en bodegóns que non repiten temática barroca, e en corpo de muller (sempre a mesma modelo), captada en quefaceres novidosos. E todo isto feito desde o máis ortodoxo figurativismo; un neo-realismo parello ao dos López. O resultado pictórico non pode ser máis atractivo.

Barcelona Post-olímpica.

Desde Montgat (onde viven e teñen estudo os Santilari), Barcelona é unha escala de grises. Desde os metálicos claros do ceo (sempre con esa “calitja” --brétema-), pasando polos intermedios de terrados e superficies expostas ao sol, até os escuros de “obaga” (avesedo).

Pere e Josep, amantes do formato pequeno, recorren a telas de dimensións máis grandes para recrear as vistas e o “sky line” da Barcelona actual desde o seu lugar de traballo. Logran tal cantidade de matices de grisalla que as transicións -leves variacións de tonalidade- son imperceptibles. Hai que dicir que os Santilari pintan con lupa. Usan lupas para poder dar as mínimas pinceladas que lles permitan a meticulosidade de ourives. Contan eles que na obra “El Port de Barcelona” (2003), feito polos dous en comandita, deron unhas 30.000 pinceladas. Tamén recorren á fotografía para ter referentes de luz. De luz a diversas horas do día (ou da noite), en varios días, para ao final poder eles sintetizar a paisaxe que desexan. O seu realismo non é fotográfico, é luminoso. A luz é o eixe de produción, a ditadora do traballo, a mestra que lles di cando remataron a obra. Nas súas panorámicas urbanas non hai xente, a humanización maniféstase nas obras que imos deixando nas paisaxes.

Frugalidade monacal e alimentos

O pequeno formato (entre 30 e 50 cm. a mor parte deles) alberga os bodegóns. Bodegóns (aos que habería que denominar impresións de luz) que seguen a estética que lles chega desde o ascetismo de Sánchez Cotán e de Zurbarán. Os fondos brancos, limpos, só habitados por algunha sombra, son brancos Zurbarán. E o obxecto pictórico é o contido das compras diarias: bolsas de plástico con botellas de cervexa, embutidos ao baleiro, bandexas de aluminio, etc.

E no medio deste hiperrealismo de supermercado, o Pere Santilari ten dúas composicións que mesmo semellan homenaxes a artistas que tanto valora. O primeiro, Bodegó de Tardor (1993), é un berro a Caravaggio. Os pámpanos por enriba das uvas e do froiteiro branco, son unha actualización da primeira natura morta, que fixo Merisi (Caravaggio). E a luz que entra por unha fiestra que -sen verse- está á dereita, é a mesma luz que acompaña a Pedro e Cristo na tela “A Vocación de Mateo”. E a parede de cor indefinida e múltiples gradacións de cor, rachada en claridade/escuridade, é o fondo próximo e desconcertante da mesma obra.

En Codonys (Marmelos), de 1992, talmente se pode un deixar ir até atoparse naquel patio de casa madrileña que ese mesmo verán do 92 permitiu a Antonio López e mais a Víctor Erice filmar a marabilla de El Sol del Membrillo (1992). Coincidencia de datas ou identificación en estilo e motivos pictóricos?

Modelo e tecnoloxía

Hai nos traballos de corpo feminino que vén facendo o Josep Santilari desde hai vinte anos, e sempre coa mesma muller, choscadelas á historia da pintura europea moderna. O que acontece é que agora a muller non ten unha carta nas mans, a mensaxe recíbea polo teléfono móbil (SMS: posar-li memòria al temps, 2005), tampouco se lle ve lendo libros, pero un mando a distancia semella garantir a relación do ser humano co entorno (La son, 2004).

On-Off (2006)

Esta obra hai que vela repousados, deixando que penetre a quietude que habita a tela, a potencia vital que súa esa epiderme tan particular e global ao tempo. Xa sentados, acoden imaxes da memoria. Tiziano: a escena ten a sensualidade que o pintor veneciano deitaba como xarope nas tonalidades da súa pintura. Manet, o recato provocador da nova Olympia que se nega a mirarnos, que nos manipula. Velázquez: un espello actual e a Venus que se mira-agocha nesa superficie plana, azul, da televisión.

Téndonos por acougados, asaltan as dúbidas. Misterio ou evidencia? O misterio está na man que manipula o mando a distancia. Que busca? Ou está na fermosa anatomía. Que precisa? A evidencia de todo rebenta nos ollos de quen mira ese fondo brutal, poético e negador.

Acción/contemplación. Desde o sosego, relaxados, é doado crer que o dedo gordo da man esquerda vai activar o reloxo da vida. E cando prema, ela erguerá, nós ergueremos. E ese azul de pantalla grande (que importa que non se vexa? Está aí), ese azul é promesa doutras vidas vividas, da historia que queres ver neste intre.

Aló no fondo, máis aló do corpo da muller, Vermeer segue dando capas de pintura indefinida, infinitas, obsesivas, para que nós acabemos penetrando ese burato negro da tela: penetrarnos violentamente e facernos a pregunta. Si, a pregunta. A única pregunta pertinente consentida cando chegamos ao final, a nós. A única que Rothko provoca coas súas telas, grandes e monocromas: On ou Off?

EXPOSICIÓN: Pere i Josep Santilari, Realisme contemporani.

Fundació Vila Casas

Ausiàs Marc, 22

Horario: de martes a venres, de 17 a 20,30 h., sábados, de 11 a 14 e de 17 a 20,30 h.

Entrada de balde.

Até o 15 de novembro de 2008.


3.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pere Santilari. "La Ciutat Dibuixada I", 2003 (detalle)
Pere Santilari. "La Ciutat Dibuixada I", 2003 (detalle)
Pere Santilari. "Bodegó de Tardor", 1993
Pere Santilari. "Bodegó de Tardor", 1993
Pere Santilari. "Codonys",1992.
Pere Santilari. "Codonys",1992.
Josep Santilari. "La Son", 2004 (detalle)
Josep Santilari. "La Son", 2004 (detalle)