Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROGRAMACIÓN

CGAC 2009: Dende a arte galega dos 70 até María Ruido

O 27 de xaneiro o museo abrirá a mostra 'Galicia anos 70', que repasa as creación culturais daquela década no país.

Redacción - 12:25 18/11/2008

As identidades 'diferenciais' nuclearán boa parte das propostas expositivas do Centro Galego de Arte Contemporánea para 2009, que continuará na procura de "xerar un estreito diálogo entre o contexto galego e o exterior, propoñendo unha equilibrada presenza de temas e artistas locais xunto con proxectos asinados e chegados desde fóra". Segundo os responsábeis do centro a programación "garda coherencia co traballo desenvolvido no centro desde hai tres anos, se ben abre novas vías para traballar coa colección propia do museo". Entre o máis destacado do ano figura, por exemplo, unha exposición de Juan Vicente Aliaga, continuadora, en certa forma de A batalla dos xéneros, e que afondará na historia da arte de xénero GLTB.

O 27 de xaneiro inaugúrase a exposición Galicia anos 70, unha mostra colectiva que dará conta da actividade artística e cultural (inclúese ademais de arte, a produción musical, literaria, a banda deseñada, etc) dunha década decisiva na que se fraguan, por unha banda, os alicerces da creación contemporánea e, por outra, un activismo cívico que facía da arte unha ferramenta de loita nos estertores da ditadura franquista para conseguir xerar unha nova dinámica social e cultural.

Seguirá a mostra Pequena historia da fotografía (12 de marzo), comisariada por Manuel Segade, a partir das coleccións do CGAC e ARCO. Tamén o 12 de marzo abrirá a exposición Arte conceptual na Colección CGAC, coa que a comisaria alemá Ellen Blumenstein presentará dun xeito novo obras realizadas a partir de metodoloxías conceptuais.

En maio chegará outra das citas importantes do ano, coa mostra En todas partes, de Juan Vicente Aliaga. A partir do punto onde remataba A batalla dos xéneros do 2007, a investigación sobre prácticas de xénero na arte contemporánea de Aliaga continúa referíndose a historia da arte de xénero GLTB como unha historia da arte de xénero máis radical na que se resitúan como prácticas fundamentais na expansión do marco artístico.

No verán chegará unha mostra do mexicano Sebastian Romo, unha reflexión sobre a escultura e as súas relacións co espazo e co cotián. E xa en setembro será o tempo de revisitar a Escola de Boston, que transformou a práctica normal da fotografía artística para incorporar medios de produción amateur, os defectos técnicos como parte da linguaxe e novas modalidades como a Polaroid. Dentro dun ano dedicado á produción de subxectividade e a certas fórmulas de sociedade paralelas ao normativo, esta exposición céntrase nos núcleos familiares creados a partir da atmosfera punk e a bohemia artística en Boston a finais dos anos 70. Entre os artistas desta xeración están: Nan Goldin, Philip-Lorca diCorcia, Jack Pierson ou Mark Morrisroe.

En outubro, poderemos ver no CGAC a obra do polaco Artur Zmijewski, un artista radical que na última Documenta de Kasel presentou un traballo sobre a tripla sociedade da Varsovia actual: a católica, a moderna e a comunista e, a través dun experimento social, mostra como unha suposta sociedade rebenta polas súas tensións internas.

O ano pecharase coa exposición individual de María Ruido, que antes de ser amosada no CGAC será presentada en México. Realizadora e investigadora, María Ruido desenvolve desde 1995 -fundamentalmente a través do vídeo e a escritura- proxectos interdisciplinares sobre a elaboración social do corpo e sobre a súa localización nos imaxinarios do traballo, asi como sobre os mecanismos de construción das memorias e a súa relación coas formas narrativas da historia. Nesta mostra, que pechará 2009 no CGAC e permanecerá nos primeiros meses de 2010, comisariada por Andrés Hispano e Carles Guerra, dará conta dos seus traballos audiovisuais e dos seus ensaios documentais.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A obra de María Ruido pechará o 2009 no CGAC
A obra de María Ruido pechará o 2009 no CGAC
A obra  de David Wojnarowicz está incluida na expo 'En todas as partes'
A obra de David Wojnarowicz está incluida na expo 'En todas as partes'