Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
27, 28 E 29 DE NOVEMBRO NA SALA NASA

Os replicantes tamén bailan

O espazo cultural compostelán acolle o espectáculo de danza de Branca Novoneyra e Iria Pinheiro, con base en 'Blade Runner'.

Redacción - 11:38 27/11/2008

Danza, teatro,cabaret e audiovisual van da man neste espectáculo dirixido e ideado pola coreógrafa Branca Novoneyra, que aposta pola mestura de linguaxes para lanzar unha mensaxe poética que nos faga sentir e reflexionar. Nexus 6 é un dos proxectos máis ambiciosos da coreógrafa e bailarina. Estará na sala Nasa o 27, 28 e 29 de novembro ás 21:30h. Ademais de Iria Pinheiro e a propia Novoneyra, que interpretan a obra, Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada ocúpanse da música e dos audiovisuais.

Dúas replicantes da órbita de Blade Runner bailan, cantan e contan sobre o desexo como desobedencia, perigo, castigo ou desaparición; tamén como transformación, como manifestación da liberdade. Dúas replicantes en escena, encarnadas pola bailarina Branca Novoneyra e a actriz e cantante Iria Pinheiro. Dúas visións críticas sobre o axfisiante control social no actual mundo globalizado, sobre a imposibilidade de desexar fóra do permitido. Como pano de fondo, amosado só puntualmente durante a peza, o sufrimento e a inxustiza das mulleres do Terceiro Mundo, obrigadas a vender os seus corpos a cambio dunha supervivencia incerta.

A escolla das replicantes non é gratuíta. As personaxes do filme son androides semellantes aos humanos, escravos en rebelión fronte á imposibilidade de vivir con data de caducidade, sen desexos, sen recordos, sen liberdade. E iso mesmo representan as dúas personaxes en escena: a violencia de desexar de xeito disfuncional.

"Elas na súa ansia de pracer non coñecen límites
na súa busca da explosión final observamos
unha quietude inconcibible que pertence
á conciencia do autoexterminio
á persecución das últimas fases
case transparentes, carentes de son
cegadas por unha luz que penetra e fractura a alma.
Xuntas foxen feridas da masacre
buscan refuxios temporais ata o seguinte inverno
condenadas a vagar sempre polos bosques roxos
perseguidas por un cálido vento que as maldice
"

A Nasa segue adiante

A Sala Nasa, referente cultural de todo o país, e un dos espazos escénicos privados cunha traxectoria máis sólida (veñen de cumprir 16 anos) continúa coa súa programación. Ademais das tres sesións de Nexus6, o domingo 30 acollerá o concerto de Fernando Sauders, baixista de Lou Reed. O mércores 3 chegará unha nova entrega das sesións vibracionais da Orquestra Omega, nesta ocasión protagonizada por Tsukiko Amakawa. Tony Lomba e Elio dos Santos ofrecerán un concerto o venres 5, e o 6 terá lugar a 'Festa pola Liberdade', organizada pola plataforma cidadá 'Que Voltem a Casa!', e na que participarán formacións tan destacadas como A Quenlla ou Skárnio.

Este xoves o pleno do Concello de Santiago debaterá unha moción do grupo municipal do PP que solicita que se lle retire á Sala Nasa a subvención que recibe do Concello pola promoción de artistas novos e pola promoción cultural da cidade de Santiago. O grupo de goberno, formado por PSdeG-PSOE e BNG, expresou o malestar pola organización no concerto, aínda que recordou que o convenio que mantén coa Nasa non se refire a unha programación concreta senón ao seu funcionamento como espazo cultural. O alcalde, Sánchez Bugallo, declarou que o concerto "irrítao" e "indígnao", mentres que dende o BNG afirmouse que están "a favor da liberdade de expresión" pero en contra das "homenaxes a persoas que acaban de ser condenadas por un acto terrorista".


4.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: