Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'CANTOS NA MARÉ', ATÉ O 13 DE DECEMBRO

Pontevedra, capital cultural da lusofonía

Antes do concerto, que terá lugar o sábado, haberá documentais, encontros cos artistas e un networking para as empresas musicais.

Redacción - 12:05 09/12/2008

Esta semana en Pontevedra a música non entrará primeiro polos oídos, senón polos ollos. Cantos na Maré programa, en colaboración co Cineclube de Pontevedra, unha mostra de documentais que amosarán artistas e historias da música da lusofonía. As proxeccións, que terán lugar na Casa das Campás (rúa Don Filiberto, 9-11, ao lado do Teatro Principal) serán de balde. A mostra comezará o mércores ás oito da tarde con Tout refleurit, de Aurélien Gerbault, co barrio lisboeta de Fontainhas como protagonista; trátase dun documental sobre Pedro Costa e unha excelente preparación para ver Juventude em marcha. Seguirá o Brasileirinho de Mika Kaurismäki, o xoves ás oito, un filme sobre o "choro", a primeira corrente musical brasileira urbana que comezou a desenvolverse arredor do 1870. A mostra pecharase o venres á mesma hora con 'Non', ou A Vã Glória de Mandar, de Manuel de Oliveira, un filme sobre a guerra colonial portuguesa en África, que homenaxea ao realizador, que esta semana fai cen anos.

Un dos obxectivos de sempre de Cantos na Maré é achegar a música á sociedade, aos pontevedreses; a cultura non pode ficar de brazos cruzados agardando polo público, ten que ir a el. O encontro quere dirixirse, en especial, aos estudantes de primaria e secundaria, e mais aos alumnos de escolas de música. O xoves 11 o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, ás onde e media da mañá, o encontro cos estudantes de secundaria da cidade, que poderán asistir a un ensaio xeral e participarán nun coloquio cos artistas. O venres, ás sete e media da tarde, o público serán os nenos da escola folque infantil.

Un dos aspectos máis interesantes desta semana ao redor da música lusófona é o encontro de creadores e distribuidores, artellado ao redor da marca Cantos na Maré Rede. O encontro do 2007 deu lugar a proxectos como o MAC (Mercado Atlántico de Creación Contemporánea) e posibilitou así mesmo a presenza de artistas galegos en festivais de Brasil ou Mozambique. Nesta edición, a presenza de axentes culturais internacionais e outros perfís profesionais relacionados coa creación e produción artística, conformarán unha rede baseada nas experiencias do "networking" con vocación de se converter nunha axenda de contactos, nunha axenda comercial operativa, real e funcional. O encontro conta co apoio da Consellaría de Cultura e o Instituto Camões.

E, por suposto, a música. O sábado 13, ás nove da noite, o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o concerto de Cantos, coordinado un ano máis por Uxía e coa dirección musical de Paulo Borges. Este ano, coa presenza de Participarán Paulinho Moska (Brasil), Sérgio Godinho (Portugal), Sara Tavares (Cabo Verde), Waldemar Bastos (Angola) e Xabier Díaz (Galiza).

Le aquí toda a información sobre o concerto do sábado

Presentación no Porto
Unha das novidades desta edición é que o concerto se presentou no Porto, para a prensa portuguesa, buscando a difusión ao sur do Miño deste encontro, que si acadou nos últimos anos unha certa relavancia para os artistas e afeccionados brasileiros e africanos. No acto estiveron presentes dona Lola Dopico, Concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; Don Samuel Rego, do Instituto Camôes; Dona Mª Xesús López Escudeiro, delegada da Consellería de Cultura e Deporte, Xunta de Galicia e Uxía, directora artística de Cantos na Maré.

Lola Dopico salientou a importancia de crear unha rede para fomentar a industria musical dos países que integran a lusofonía: "Cremos que agora é o momento para establecer unha cita para os distintos profesionais da industria musical, un punto de encontro de produtores, artistas, xornalistas e outros axentes culturais para promover novos horizontes ás industrias culturais e creativas aportando un espazo de intercambio real".

Samuel Rego, do Instituto Camôes, fixo a súa chamada de atención á sociedade portuguesa para que os cidadáns compartan a necesidade de preservar e difundir a riqueza da nosa cultura. Amosou a súa satisfacción de colaborar con CNM, Festival Internacional da Lusofonía. "Durante 3 días, a lusofonía dispón dun epicentro en Pontevedra que contribúe á proxección da cultura lusófona, un dos obxectivos do Instituto Camôes, que se sente cómplice deste proxecto". Segundo o responsable desta institución, esta aposta xenuína de Galiza é unha oportunidade para a lusofonía en xeral, a cultura portuguesa ten moito que gañar e quere aproveitar a enerxía que está ofrecer CNM para fortalecer os lazos afectivos que existen entre Galiza e Portugal.


4.71/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Actuación de Uxía no Cantos na Maré 2006

'Brasileirinho', de Mika Kaurismaki

Presentación de Cantos na Maré no Porto
Presentación de Cantos na Maré no Porto
Uxía, na presentación do concerto
Uxía, na presentación do concerto
O encontro de creadores e distribuidores na pasada edición
O encontro de creadores e distribuidores na pasada edición