Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BALANCE DUN ANO DE HOMENAXES

Laxeiro, o anovador que uniu xeracións

Carlos Reigosa presenta este xoves en Vigo o seu libro de conversas co artista, 'Cen anos de Laxeiro', acompañado de Lamazares e Patiño.

M.S.P. - 13:00 11/12/2008

Coa presentación do libro de conversas péchase un ano de homenaxes: cen anos do nacemento de José Otero Abeledo, Laxeiro no lugar de Donramiro, en Lalín. E cómpre facer balance. Para Carlos Reigosa, se ben neste ano falouse moito de Laxeiro en Galiza, coa organización de dúas grandes exposicións na Coruña e en Vigo e a celebración dun acto multitudinario en Lalín, non se cumpriron en cambio os obxectivos de proxectar a súa obra no resto do Estado: "Botei en falta a organización dunha exposición antolóxica no Reina Sofía, que é o gran miradoiro da arte contemporánea, unha exposición na que se poderían incluír autores que estiveron moi relacionados con el. Dende Galiza errouse en non concentrar os esforzos neste obxectivo, que sería fundamental. E despois tamén penso que algunha das exposicións que se fixeron aquí se poderían intercambiar con outras doutros lugares do Estado. A celebración quedou moi limitada nese aspecto".

As homenaxes neste 'Ano Laxeiro' arrincaron o 23 de febreiro en Lalín, coa presenza de máis de douscentos persoeiros da cultura galega. O acto comezou no cemiterio onde se atopan os restos do pintor, coa música dun só gaiteiro. Un e só un, pois o propio Laxeiro deixara moi claro que non quería unha banda e mesmo dixéralle ao propio Xosé Crespo que "se no meu funeral vexo máis dun gaiteiro, levántome do féretro e douche unha patada". Unha mostra do seu xenio e teimosía.

A presentación do libro Cen anos de Laxeiro contará coa presenza do propio Reigosa e de Manuel Bragado, ademais dos artistas Antón Lamazares, Antón Patiño e Antón Pulido. Será este xoves ás doce e media no Centro Social Caixanova. A maior parte do libro é a conversa que Reigosa e Laxeiro mantiveron en Lalín en 1983. "Non tiña problema en facer unha entrevista, pero non lle convencía a idea do libro; tiña medo de que fose moi revelador, pero despois sentiuse moi cómodo", di Reigosa, "o que pasa é que seguimos unha orde cronolóxica e como quedamos en facer conversas posteriores que nunca fixemos, o libro conta os seus primeiros anos. Pero creo que esta é a parte máis interesante; pode que falando dos anos posteriores da súa vida puidesen saír datos moi importantes, pero sería unha historia menos inédita".

Un anovador que uniu xeracións
Laxeiro foi, canda a outros artistas, como Maside ou Seoane, o protagonista dunha renovación plástica que superaba o rexionalismo imperante, e situaba a identidade estética galega en consonancia coas tendencias europeas. Laxeiro soubo atopar a súa definición máis precisa na síntese das raíces e dos modelos que rexían a conflictividade dun mundo de vangardas constantes durante a primeira metade do século XX. Unha síntese que abranguería tódolos rexistros e tódolos mitos, a densa antropoloxía espiritual e material de Galiza.

Nos anos trinta e corenta a súa obra adoptou unha estética 'granítica', caracterizada por uns acabados texturados que lle daban á obra un aspecto escultórico, na mellor tradición da escultura galega, inspirada polo Pórtico da Gloria, e debedora en xeral do románico e do barroco relixioso. É unha pintura xenuinamente galega e popular. Á sociedade rural galega gustáballe o barroco, máis próximo á figuración que se atopaba nas formas naturais. Contaba Otero Pedrayo en Unha ducia de galegos, publicado por Víctor Freixanes en 1976, que os integrantes da Xeración Nós, europeístas e modernos, non apreciaban a fachada da Catedral de Santiago, preferindo a sobriedade das igrexas góticas; até que se decataron de que aos labregos si lles gustaba, porque a sentían próxima ao seu canon estético. Algo así sucede coa obra de Laxeiro, que calquera persoa en Galiza, mesmo sen formación artística ningunha, recoñece.

En 1951, xa recoñecido en España, Laxeiro trasladouse a Bós Aires para presentar unha exposición colectiva, e o éxito acadado animouno a permanecer alí, moi relacionado con pintores da vangarda arxentina. Estas vangardas seguían movementos que proceden de Francia (Art Brut ) e Centroeuropa (Grupo COBRA), e defenden unha renuncia á pintura académica, buscando a inspiración na pintura paixoal e espontánea do mundo dos tolos, dos nenos e das culturas primitivas.

Outra das características da obra de Laxeiro é o seu horror ao baleiro, que lle levaba á acumulación de elementos nas súas obras, e un tratamento da luz moi próximo ao claroscuro barroco, materializado nunha paleta cromática composta por negros, terras e ocres, próximo ao 'negrismo español' traballado por Goya. A temática tamén enlazaba con Goya, pero sobre todo coa obra de Valle-Inclán ou de Cunqueiro, cos seus esperpentos e fábulas, e cos personaxes populares que nelas aparecían. "Laxeiro non era un gran lector, pero era unha esponxa. A ese respecto, non creo que fixese unha gran lectura de Valle, ou de Cunqueiro, pero coñecía a súa obra. Era tamén un gran tertuliano. Sempre dicía que 'aprendera a aprender' nos faladoiros, e por exemplo era un habitual das que se organizaban nos inicios da República en Madrid. Alí coñeceu a Valle", comenta Reigosa.

Ignorado por El Paso, reivindicado por Atlántica
Ao seu regreso ao Estado Español, en 1968, parecía lóxico que estabelecese unha boa relación artística cos integrantes do grupo El Paso. A súa exposición na Galería Biosca, coas súas obras máis destacadas, obtivo un éxito notábel. Fixo contacto, efectivamente, coa xente de El Paso (Rafael Canogar, Manuel Millares, Antonio Saura...), que se reunían no propio Café Gijón, pero non encaixou con eles. Laxeiro non os valoraba, e o desprezo artístico acabou sendo mutuo; representaban o máis moderno da arte española, pero para Laxeiro o seu informalismo era algo xa visto por el, moi superado por algúns dos artistas cos que convivira en Arxentina. Reigosa salienta que "só Millares" soubo ver o valor da obra do lalinense, e máis recentemente Canogar, que este mesmo ano escribiu un artigo recoñecendo a calidade de Laxeiro. "Laxeiro era un tipo moi dedicado á pintura, moi competitivo, moi consciente. Por exemplo vai ver a Picasso a París, primeiro por admiración, pero tamén como desafío; e de feito a partir aí ten o que se coñece como fase picassiana. Noutros momentos desafía a Goya, a El Greco, a Rembrandt...", di Reigosa.

Nos anos setenta Atlántica reivindicou unha pintura do xesto, coincidindo con movementos internacionais como 'Os Novos Salvaxes' que en Alemaña recuperaron o primitivismo como expresión dun proxecto de renovación da pintura. "Os rapaces de Atlántica víanse a si mesmos como renovadores, o mesmo que o fora Laxeiro. Por iso admiraban tanto ao de Lalín, porque constituía unha ponte entre os primeiros renovadores: a xeración de Laxeiro, Colmeiro, Maside, Seoane..., e eles mesmos. Lamazares fíxoo de xeito directo, tamén Patiño, aínda que se identificase máis con Lugrís", conclúe Reigosa.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: