Vieiros

As linguas suman
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O vello carboeiro baixas das montañas

Aí vén o apalpador!

Esta cuarta feira sairá polas cidades galegas, apalpando os bandullos das crianzas e traéndolles agasallos. Unha recuperación firme da nosa tradición que os centros sociais galegos fan visíbel.

Redacción - 12:45 24/12/2008
Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

Detalle do calendario 'O Apalpador cos movementos sociais'

O pasado ano o CS O Pichel de Compostela recuperaba o traballo de investigación de José André Lôpez Gonçâlez sobre un vello carboeiro que baixaba das montañas luguesas a traerlles presentes aos nenos, moito antes de que o Papá Noel ou Santa Claus chegasen importadoas doutras latitudes.

Para que neste tempo de présa e consumo non se perda este persoeiro autóctono, os Centros Sociais do país xuntáronse para facelo visíbel nas rúas. Este ano o Apalpador camiña, por primeira vez, só. Haberá pasarrúas protagonizados polo vello barrigán en Ponteareas (sairá esta cuarta á tardiña, da Baiuca Vermelha), Compostela (17:00 horas desta cuarta), Vigo (na sexta feira, 26, ás 18:30 horas), Pontevedra, LugoA Limia, Ourense (a segunda feira que vén, día 29, ás 17:00 horas) e Ferrol (o día 30).

Ademais, dende o programa da Radio Galega Aberto por reformas, dirixido por Xurxo Souto, levan semanas argallando unha campaña para que a xente achegue lendas, anécdotas, contos e outras informacións sobre este personaxe, ademais de cantigas, versos e mesmo ilustracións. O primeiro debuxo deste home chegou da man de Leandro (na imaxe), mais a lenda medra e con ela unhas festas de inverno máis galegas, humanas e menos consumistas.

O Apalpador quer ser o teu amigo... en Facebook
A intervención e participación nas redes sociais contribuíu altamente á divulgación desta personaxe. Co apoio da plataforma ridiculista Sei o que nos Figestes, creouse mesmo un grupo no Facebook chamado O Apalpador quer ser o teu amigo. Tres semanas despois da súa creación, xa conta con máis de 300 membros.

O Apalpador
O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben mantidos. Logo de desexarlles que no ano vindeiro non pasasen máis fame e vivisen con fartura, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A tradición, recollida por Lôpez Gonçâlez nas comarcas do Courel, Lóuzara e o Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Hai quen cre que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

Ademais, nos últimos días sóubose dun outro nome que leva esta figura no sur do país: O Pandigueiro. Este baixaba da Cabeza Grande pola banda de Trives e de que se agochaba na Raíña Loba pola banda do val do Salas. A cantiga chamábao: "Pandigueiro na noitiña, Pandigueiro vén axiña".

A cantiga de Amadora de Galego

Vai-te logo meu ninín/niniña,
marcha agora pra camiña.
Que vai vir o Apalpador
a palparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande,
día do noso Señor.

Xa chegou o día grande,
E virá o Apalpador.

Mañá é día de cachela,
que haberá gran nevarada
e ha vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo
.

Cantiga de Amadora de Galego, labrega de 79 anos en Romeor do Courel
(Recollida en 1994 por José André Lôpez Gonçâlez)


4,86/5 (28 votos)

Comentarios (22)

piorno #1 24/Decembro/2008 piorno
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Esta figura nom é outra cousa que o Pai Natal galego.

Como diz umha minha amiga, apalpadores também os há sem serem de barbas, ;).

Que o Apalpador ou Pandegueiro vos traia serenidade, reflexom e a maior das felicidades!

mansdodemo #2 24/Decembro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Que o apalpador nos traia a todos,as........moito,moito agarimo.

ferreirogz #3 24/Decembro/2008 ferreirogz
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Na Rádio Filispim, de Ferrol, entrevistárom ontem o Apalpador. Um documento que vale a pena conhecer:

http://agal-gz.org/blogues/ind...

galeguzo #4 24/Decembro/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

E não há jeito melhor de começar 2009 que com um genuíno calendário do Apalpador, obra de Leandro Lamas e o magnífico pessoal da Fundaçom Artábria.

Ligação ao calendário e algumas outras questões, no PGL: http://pglingua.org/index...

megoxe #5 25/Decembro/2008 megoxe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Que o Apalpador este ano, por fin, esmague as corruptelas que dende fai anos se cernen sobr eo Courel,

Apertas para toda a xente de ben

bcngz #6 25/Decembro/2008 bcngz
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

'O apalpador'... o nome e o seu aspecto síntoo moito pero dá medo... Máis que traer agasallo ten pinta de pederasta... Jajajaja!

frebaster #7 25/Decembro/2008 frebaster
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Pois eu aporto outro persoeiro que me consta anda polas terras de Celanova.....O San Roque Cú de Pote. Un vello vestido de cor preta con barba moi longa e que tén o cú do mesmo material ca un pote, por iso, cando baixa polas chemineas e doado escoitalo chegar. Cónstame que xa se contaba eso hai tres xeracións pola banda de Ramirás.

galego83 #8 25/Decembro/2008 galego83
[Valora este comentario Positivo -4 Negativo]

Pero qué queren?? isto é unha copia do Olentxero de Euskadi.

galeguzo #9 25/Decembro/2008 galeguzo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

#8 Cópia do Olentzero? Buf, que atrevida é a ignorância!! Seres como o Apalpador (ou mesmo o Olentzero) existem em muitos lugares montanhosos da área cantábrica, da Galiza ao País Basco passando por Astúrias, Leão ou Cantábria.

anacleto #10 25/Decembro/2008 anacleto
[Valora este comentario Positivo -4 Negativo]

Sequera chamádelle "Pandigueiro", porque o de "Apalpador"...vaia, vaia.Moito máis sonoro, galego e mesmo máis extendido, creo.
Eu dubido bastante das fontes desta tradición, porque resulta que todas veñen dunha mesma fonte: a Xentalha do Pichel.
Outra característica do Apalpador é que falaba galego-portugués padrao, cun sotaquiño lisboeta, segundo as ancestrais crónicas.

megoxe #11 26/Decembro/2008 megoxe
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Hai moita envexa, cando se trata do Courel, hai que desvirtuar e ridiculizar co asunto da pederastia,...porén, ninguén se escandaliza cando o Noel ou os reises bican, abrazan e sentan nos xeonllos a nenas e nenos, pero cando se trata do Apalpador do Courel, .... je je je je.

A Historia foi recollida e gravada no Courel,pero na TVG trabúcanse e sitúana nos Ancares, casualidade???

http://www.agalega...

megoxe #12 26/Decembro/2008 megoxe
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

A historia do Apalpador, recuperouse grazas a investigación de Andrés López González, e pódese mirara o artigo en

http://www.pglingua.org/images...

Reburro #13 26/Decembro/2008 Reburro
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Seguramente Anacleto, agente secreto como sabemos, tem muitas e mais boas fontes.
Quando eu era nino, aló pola banda do Caurel que dá as aguas ao Sil, no Bierzo, antes do Pai Natal (ou como o queirais traduzir); incluso antes da Gentalha do Pichel ter gente e picheleiros, daquela já me amentavam o Apalpador, que baixava do monte e traia um saco com doces e cousas para os rapazes; aquele era dia de comer tudo porque o Apalpador punha-che a mão na barriga por ver se estavas bem mantido e, tal como essa noite a tivesses, assim havia ser resto do ano.
Tinha saco e nom era o homem-do-saco, nunca me contárom como era e nunca eu perguntei. Podesdes crer ou nom, a mim trouxo-me umha vez um conto de "El Jabato" que bem que me gostara.
As cousas som (ou eram) o que som e nom o que a muitos lhes gostaria que forem. E nom há copia nem remedo de outros similares, som o mesmo todos, ou todos venhem do mesmo, dalgum velho Apalpador que antes de que se escrevesse o Evangelho já lhes apalpava a barriga aos ninos e ninas quando um ano morria e outro vinha de nascer. Menos mal que alguém viu para nos falar dele!!, eu já nem me lembrava.
O apalpador é nosso, mas também nos lembra que somos parte dumha cultura que vai, hoje, além das fronteiras administrativas.
É nosso. Quem o queira que o devolva à sua vida galega, quem nom que use outro de fora, já sabemos que o de fora é sempre melhor que o nosso.
Bom a todo o mundo!

Garrano #14 26/Decembro/2008 Garrano
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Eu penso que este personaxe ten un problema que ainda é posible amañar dado que non está moi popularizada a imaxe. O Apalpador, tamén chamado Pandegueiro ou Pandigueiro, é descrito na Limia e nas terras do barroso coma un xigante que leva coroza. O certo é que á hora de caracterizalo baseáronse nun deseño que lembra moito o Olentzero vasco. Non vai percibir boa parte da sociedade galega a este personaxe coma unha mala copia do Olentzero? Por que non leva unha monteira, das moitas que hai de diferentes tipos todo ao longo e largo da xeografía galega? Por que non leva tamén unha coroza? Que é esa recua de elfos vestidos de verde coma se foran os ananiños de Santa Claus? Se era carboeiro, como vestian os carboeiros, que facían antano carbón de leña nos bosques galegos? que ferramentas usaban? Ollo, que isto non deixa de ser unha critica constructiva a iniciativa, que se non chega a ser pola Gentalha do Pichel, o Apalpador/Pandigueiro, seguiría a durmir no bosque do esquecemento. Así que parabéns para Gentalha na parte que lles toca.

Por outra, ainda estamos a tempo de redeseñar a icona do natal galego.

Hermerico #15 26/Decembro/2008 Hermerico
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Concordo contigo em que a imagem reconstruída é pouco galega e damasiado contemporánea. Um pucho em vez dumha monteira era melhor, e umha roupa que lembrasse algo as variedades do traje tradicional nessas comarcas. Sem parecer um gaiteiro o umha imagem estereotipada pode trabalharse o assunto para que seja mais nosso

Indixenanoapartheid #16 26/Decembro/2008 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

Eu non podo entender o rexeitamento que lle causa a algunhas persoas todo o que cheire a galego. Xa levo lido cousas como que o Apalpador é unha "invención del nazionalismo gallego","personaje pederasta"...un cachondeo, seica.
Polo que se ve, ten moito máis interese para os nosos fillos un personaxe vermello vestido polos da Caca Cola; este tipo si é moito máis noso, como toda a estética Disney. Agora ben, que se trate de espallar unha tradición mantida dende a noite dos tempos no noso territorio, esperta entre a xente críticas de todo tipo. Entre algúns galegos e tamén entre españois. Hoxe mesmo, só por querer recuperar a tradición do carboeiro do Caurel, lin noutra páxina insultos dirixidos cara a nós como hijos de puta, nazis, radicales ou paletos, e cousas como que "hay que echarlos ya", pois segundo eles estamos a inventar unha historia para diferenciarnos aínda máis.
Somos malos malísimos. Temos que ser coma eles. Temos que gustar dos touros, da paella, da jota aragonesa, e deixar morrer o noso. Quérennos moito, pero eso sí, ó seu xeito.
Eu non é só que me queira ir de España; ademáis bótanme eles.

mansdodemo #17 27/Decembro/2008 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

E o Apalpador, di forte e claro, esta cantiga:
"Eu son libre como as aves
e paso a vida a cantar.
Corazón que nace LIBRE
non se pode encadear".

Erasmo #18 27/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Apalpador antes de volver á Devesa da Rogueira -agora con pista- faime o favor de pasar pola canle 'privada' de QuinTV a apalpar un vídeo e ver se está o bastante gordo coma para pasar o inverno que chega da man da Avaricia e da mala cabeza dalgúns... que sempre son os mesmos, os que miran para outro lado...?

Apalpador non vaias travestirte de roxo e barbas brancas montado no teu catro por catro ou -ogallá nunca suceda- nun quad...

Apalpador de Soños, apalpa ben ós que levan O Courel no corazón..!

http://quin.tv/video/146-o-cou...">http://quin.tv/video/146-o-cou...

Boas Festas e ogallá o novo ano traia mellores novas para O Courel, seica xa temos un Parque Eólico, unhas cuantas Canteiras, e só nos fai falla unha Autovía desas que axudan a pasar de Quiroga ata Becerreá nun abrir e pechar de ollos...

APALPADOR... faime o favor de APALPAR ben a algúns antes de irte!

http://quin.tv/video/146-o-cou...">http://quin.tv/video/146-o-cou...

Erasmo #19 27/Decembro/2008 Erasmo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

http://quin.tv/video/146-o-courel-existe">http://quin.tv/video/146-o-cou...

Se non podes APALPAR de frente podes APALPAR de costas:

http://quin.tv

E unha vez dentro vai ó buscador e pregunta polo Courel...?

bertus #20 29/Decembro/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Agora resulta que o imperilista travestido de Santa Klaus ten un homólogo galego. Despois de sabermos que Hallowed tamén é galego xa logo nos dirán que senón a Coca Cola polo menos a Pepsi éche galega.
Eu quédome cos reices e o ir roubar os carros.

galleto #21 29/Decembro/2008 galleto
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Imperilista travestido?[sic] Ostia... E os reices [sic] qué son...? Monarco-marxistas? Tamén teñen o seu "dress-code", en calqueira caso.

bertus #22 29/Decembro/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

"Imperilista travestido?[sic]" Éche unha Santa ou un Santo? Talvez temos que chamar ao Apalpador pra que nolo diga...

"E os reices [sic] qué son...?" Os reices son Magos e de Oriente, e non sei moi ben por que (talvez porque en Galicia o Antroido xa empeza a se facer presente no Nadal) pero a noite de reices é a de ir roubar carros e outras falcatruadas.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: