Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O SÁBADO 3

Galiza Non Se Vende abre unha caravana de actos cun concerto en Vigo

A actuación musical será a primeira dunhas actividades reivindicativas que culminarán o 15 de febreiro cunha manifestación en Compostela.

Redacción - 13:55 02/01/2009
Cartel do concerto

Cartel do concerto

Galiza Non Se Vende abre este sábado en Vigo unha caravana de actos que percorrerá oito cidades e vilas do país. A primeira actividade será un concerto na Fábrica de Chocolate da cidade do sur. A partir das nove da noite actuarán Nenö, Dakidarría e Dsskartes Band e haberá proxeccións audiovisuais e paneis informativos.

A plataforma culminará todos estes actos o 15 de febreiro, en Compostela, cunha manifestación nacional. Segundo informa nun comunicado, Galiza Non Se Vende pretende denunciar a actitude continuísta do Goberno con respecto ás "viciadas e denostadas políticas anteriores", "caendo nas mans do capitalismo máis depredador en vez de apostar decididamente por estudar e aplicar modelos" sustentábeis.

Segundo explica Galiza Non Se Vende, a actual crise está a poñer de manifesto a febleza deste sistema económico "que socializa as perdas das grandes empresas e privatiza as ganancias". As mobilizacións convocadas pola plataforma xorden como unha reacción contra a destrución da paisaxe, do patrimonio cultural e da biodiversidade, contra o urbanismo caótico e as infraestruturas irracionais.

A rede esixe un cambio de rumbo inmediato "que poña a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social no centro das políticas" co obxectivo de construír "unha Terra viva e unha vida digna para todos".


4.65/5 (26 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: