Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza en Lisboa con Sócrates

Malia os antecedentes de 2008, Touriño garante o TAV Vigo-Porto para 2013

O organismo transfronteirizo leva meses advertindo do risco en que está sumido o proxecto. O presidente da Xunta, porén, salienta a súa "boa marcha".

F. A. - 18:00 12/01/2009
O Eixo Atlántico dúbida da data

O Eixo Atlántico dúbida da data

"Todo o proxecto de alta velocidade está algo encallado e nunha grande penumbra. Non se coñece a súa solidez e, xa que logo, tampouco a consistencia dos prazos que se prometeron". O presidente do Eixo Atlántico, Luís Filipe Menezes, manifestaba as súas dubidas en abril pasado sobre a execución do proxecto de alta velocidade entre Galiza e o Norte de Portugal.

Poucos meses antes, o primeiro ministro portugués, José Sócrates, e o seu homólogo español, José Luis Rodríguez Zapatero, comprometéranse a cumprir os prazos do TAV Lisboa-Madrid, aínda que non facían o mesmo no caso da liña Porto-Vigo.

Neste senso, o goberno luso sacaba a concurso público, en xuño de 2008, a construción do primeiro tramo da conexión ferroviaria entre a capital lusa e a española. E tamén desta volta o tramo atlántico peninsular ficou marxinado.

Este luns, malia os antecedentes, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientaba en Lisboa a "boa marcha" do proxecto do TAV entre Galiza e o Norte de Portugal "polas dúas partes", e aseguraba que, en xuntanzas anteriores, "sempre" se optou por dar "a mesma prioridade" á conexión Porto-Vigo cá de Lisboa-Madrid.

Logo dunha entrevista con Sócrates onde se concretou o contido da cimeira Hispano-Lusa do vindeiro día 22 na localidade española de Zamora, Touriño comprometeuse a que en 2013 a conexión estará finalizada. "Mantéñense prazos, horizontes e compromiso", afirmou.

De ser así, o groso dos investimentos deberase de executar a partir de 2010, xa que nos Presupostos Xerais do Estado para 2009 apenas se reservan 500 mil euros para esta obra que Touriño considerou este luns en Lisboa ten "interese estratéxico".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: