Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RECOÑECEMENTO

Marcos Valcárcel, premio do PEN clube

O acto de entrega será en Compostela coincidindo coa presentación do libro de homenaxe que varios amigos do escritor están a elaborar.

Redacción - 16:30 13/01/2009

O escritor e historiador Marcos Valcárcel foi galardoado co Premio P.E.N. Galiza 2009, segundo fixo público a sección galega deste clube internacional de escritores. O premio destaca a unha personalidade da literatura galega que teña despuntado na defensa dos dereitos de expresión e de opinión recollidos na Carta Fundacional do International P.E.N. O galardón, que non ten dotación económica, consiste nunha peza artística “única e irrepetíbel” dun artista galego. Está previsto que o acto de entrega se celebre en Compostela coincidindo, de ser posíbel, coa presentación do libro de homenaxe que varios amigos de Marcos Valcárcel están a elaborar.

O xurado do PEN Galicia 2009 reuniuse onte e decidiu, por unanimidade, entregarlle o premio ao dito escritor e escultor. O xurado estaba integrado por Luís González Tosar, Gonzalo Navaza Blanco, Mª do Camiño Noia Campos, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xesús Fraga e Xabier Castro Martínez. Segundo apuntaron, Valcárcel foi seleccionado pola súa defensa da liberdade de expresión e de opinión a través do blog As uvas na solaina.

Neste sentido, o xurado tivo tamén en conta o traballo desenvolvido polo galardoado na cidade de Ourense e en todo o país a prol dunha maior promoción e difusión da literatura galega. Os membros do xurado tamén quixeron salientar que a figura do profesor Marcos Valcárcel, xa que "constitúe un exemplo de compromiso coas letras galegas e moi especialmente na proxección e difusión exterior dos autores ourensáns", afirmaron.


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da homenaxe que se lle tributou a Marcos Valcárcel en Ourense hai uns meses
Imaxe da homenaxe que se lle tributou a Marcos Valcárcel en Ourense hai uns meses