Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'NA FRONTE UNHA ESTRELA'

Un documental para o poeta do pobo

O filme, realizado por Rivadulla Corcón, estreouse este mércores na Coruña e emitirase o sábado pola tarde na TVG.

M.S.P. - 17:05 22/01/2009

O 2 de abril de 1908, ás 3 da tarde, tivo lugar o enterro de Curros Enríquez na Coruña ao que acudiron unhas corenta mil persoas. Un número que sería rechamante mesmo hoxendía, pero que o é moito máis se temos en conta que daquela a cidade contaba con ao redor de cincuenta mil habitantes. O poeta morrera o 7 de marzo no Centro Asturiano da Habana por un problema cardíaco. O 10 de marzo a Asociación da Prensa da Coruña, que presidía Manuel Casás, lanzou a idea do traslado do cadáver á cidade. Antes do enterro houbo unha dura polémica entre partidarios dunha cerimonia civil e outros dun enterro relixioso, que finalmente conseguiron facer un rito católico, como quería o seu fillo Adelardo. O 12 de abril houbo tamén no Teatro Circo da Coruña un novo acto en honor de Curros e en protesta polo seu enterro católico, organizado por entidades republicanas.

Curros era un poeta popular, moi ligado ao pobo e moi coñecido polos seus contemporáneos. A resposta dos coruñeses no seu enterro é unha proba incontestábel. "Hai unha serie de poetas que pola súa obra e o seu compromiso, son tomados como referente polo pobo", di Xosé H. Rivadulla Corcón, que vén de presentar un documental de 25 minutos sobre Curros Enríquez. Na fronte unha estrela, unha iniciativa da Real Academia Galega, estreouse este mércores na Coruña e o sábado pola tarde (a partir das catro) poderá verse na TVG no programa Galicia Documental. O filme, segundo o seu autor, "trata de dar as claves do apoio popular a Curros, a partir da asistencia masiva ao seu enterro".

"Na fronte unha estrela" (no bico un cantar) forma parte do poema que Curros lle dedicou a Rosalía, "ese mesmo verso poderíamolo usar para definir a Curros", di Rivadulla, que destaca que foi precisamente o seu carácter combativo e, por exemplo, o seu anticlericalismo, o que o achegou ao pobo. "Era un poeta, non podemos esquecelo, por iso é tan sobresaliente a súa popularidade, pero é que xa naquel tempo a súa poesía estaba moi difundida, mesmo a través de cancións, que compoñían o repertorio de moitas corais e orfeóns", explica Rivadulla, que salienta igualmente que o carácter contestatario de Curros movíao a identificarse cos explotados de calquera país. Esta vocación universalista e internacionalista fixo por exemplo que en Cuba tomase unha decidida postura a prol da independencia da illa, o que o enfrontou coa comunidade galega.

Rivadulla Corcón traballa agora nunha serie de programas para a TVG, titulados Salitre, nos que visitará todos os portos galegos, para coñecer as historias da xente que alí traballa. O programa, que se emitirá a partir da primavera en prime time, segue o ronsel do documental Redeiras, tamén realizado polo autor.


4.96/5 (25 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: