Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por estaren no paro

A Fiscalía rebáixalle a multa aos dous independentistas acusados de queimar unha imaxe do rei

O xuíz quedou visto para sentenza. Un dos acusados, Alexandre Bolívar, admitiu ser autor dos feitos e exculpou o seu compañeiro, Santiago Mendes.

Redacción - 18:28 04/02/2009
A imaxe do monarca español ardendo, ao finalizar a manifestación en Vigo

A imaxe do monarca español ardendo, ao finalizar a manifestación en Vigo

O fiscal da Audiencia Nacional, Pedro Martínez, decidiu rebaixar á metade a súa petición de multa para os dous independentistas galegos acusados de queimar unha efixie do monarca español o pasado 6 de decembro de 2007, ao terminar unha manifestación organizada pola plataforma soberanista Causa Galiza, en Vigo.

O fiscal rebaixa as multas á metade, pero mantén a acusación de "inxurias á coroa"
Martínez pedira, nun primeiro momento, a imposición dunha multa de 3.600 euros para Mendes, por transportar, durante toda a mobilización, a imaxe do rei español nun carriño; e a imposición dunha multa de 5.400 euros para Bolívar, por ser, segundo a Fiscalía, o autor da queima da imaxe, a tamaño real, do monarca. Ámbolos dous estaban acusados de "inxurias á coroa". Porén, no xuízo, o fiscal quixo ter en conta as "circunstancias persoais" dos dous acusados, que están desempregados. Finalmente mantivo a acusación, mais baixou a contía das multas, solicitando para Mendes o pago dunha sanción de 1.800 euros, e para Bolivar unha multa de 2.700 euros.

"Unha loita contra o Estado Español e a monarquía"
Durante o xuízo, Bolívar admitiu ser o autor da queima, exculpando a Mendes, e asegurou que tamén foi el, en solitario, quen agochou e transportou o boneco, xa que, segundo dixo, considérase "independentista e republicano" e polo tanto exerce "unha loita contra o Estado Español e a monarquía". Porén, Bolívar engadiu que non obrou deste xeito por ter un odio persoal cara o rei español: "se se chamase Xosé Lois había facer o mesmo; actuei contra a monarquía, non contra unha persoa en concreto", destacou o militante independentista.

Polo seu lado, Mendes negou a súa participación directa nos feitos e indicou que transportou, durante a marcha, o carriño coa efixie do monarca oculta que lle deixara Bolívar, mais descoñecendo o seu contido: "Alexandre díxome que era unha sorpresa". As testemuñas presentes no xuízo corroboraron a súa declaración. Ningún dos dous acusados respondeu ás preguntas da Fiscalía.

Un acto de "crítica política, non un intento de menosprezar a integridade do monarca"
No seu informe, o avogado defensor, Guillerme Presa, apelou á integridade política dos acusados, sinalando que ámbolos dous mozos actuaron baixo a protección da liberdade ideolóxica sen a que "non serían posíbeis os valores xurídicos nin a constitución do Estado de Dereito". Destacou, ademais, que no caso de Mendes "non existe proba suficiente" para considerala culpábel dos feitos, e pediu a absolución para ámbolos dous independentistas.

O xuíz do Penal, José María Honrubia declarou, declarou o xuízo visto para sentenza, de xeito que a resolución hase coñecer nos vindeiros días.

Causa Galiza expresa a súa solidariedade cos dous independentistas
A plataforma soberanista Causa Galiza expresou a súa solidariedade cos dous independentistas que foron xulgados esta terza feira en Madrid.

Alén diso, un grupo de persoas, mobilizados por Ceivar e por Nós-UP (partido no que militan os dous acusados) trasladouse a Madrid para acompañar os dous acusados no día do xuízo. Mentres os dous independentistas estaban no predio, os desprazados despregaron, ás portas, unha faixa na que se podía ler "Galiza non ten rei" e corearon lemas a favor da República Galega.


Ligazóns

4.56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: