Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
GALAXIA DIXITALIZA OS SEUS FONDOS

Google convértese en escaparate da cultura galega

Na rede pode verse a cuberta, o índice e unha mostra de até o vinte por cento das páxinas de todas as obras publicadas pola editorial.

Marcos S. Pérez - 20:00 11/02/2009

Hai uns meses Galaxia anunciou que chegara a un acordo con Google para a dixitalización de todo o fondo (tanto o histórico, que se atopa descatalogado, como o actual) da editorial. O obxectivo era poñer a disposición dos lectores e as lectoras de todo o mundo a literatura galega, clásica e contemporánea, así como importantes obras de ensaio, e a propia revista Grial, de xeito que se puidese acceder a eles parcialmente, para así axudar á súa máxima difusión.

Así, dende Google Books pódese ver a cuberta das obras, índices, características do libro e unha mostra reducida (nunca máis do vinte por cento, límite legal) das súas páxinas. A comercialización do libro farase sempre a través da propia editorial ou das librarías ás que Galaxia dirixa as solicitudes dos internautas. "Google será un grande escaparate da cultura galega", dicía Freixanes hai uns meses nunha entrevista concedida a Vieiros, onde destacaba a importancia de estar presente na rede: "Galaxia vai seguir poñendo en valor o seu patrimonio literario. O primeiro é entrar no mundo da rede, o mundo dixital". Freixanes repetiu esta idea na presentación que tivo lugar este mércores, lembrando as palabras de Neil Postman "cada tempo histórico ten a súa tecnoloxía", e animou á cultura galega a poñerse á altura deste desafío.

Os resultados están á vista: Google Books ten dixitalizados ao redor de sete millóns de libros en máis de cen idiomas. Un traballo que inclúe o recoñecemento de caracteres e o indexado de palabras, de xeito que se buscamos en Google "xa antes de aquil houbera outro, cántas veces o contaban, o Perfeutiño" (comezo de Xente ao Lonxe), o sistema devolverá o rexistro da novela. Os clientes desta inmensa libraría son centos de millóns de internautas en todo o planeta, o que dá lugar a audiencias masivas. Só en xaneiro os libros de Galaxia aloxados en Google Books tiveron máis de 23 mil visitas. O obxectivo é ofrecer o mesmo servizo que as librarías físicas lles ofrecen aos lectores, a posibilidade de ver a cuberta, os índices, a contrapa, as lapelas, os paratextos que acompañan ao libro, para que dese xeito o lector poida decidir mellor se lle interesa ou non.

Para acceder a este fondo só hai que entrar na páxina de Google Books (http://books.google.com), e alí buscar, por exemplo "Xente ao lonxe"; chegaremos automaticamente á novela de Blanco Amor, da que se poden ler (non descargar), a cuberta, o prólogo, e un bo feixe de páxinas do libro. Ademais, poderemos escribir unha reseña, procurar a obra en librarías (por exemplo en Amazon ou na Casa do Libro) ou encargalo directamente a Galaxia, que remitirá esta petición a un libreiro. Podemos facer a mesma procura cunha obra máis recente, como o Made in Galiza de Sechu Sende, ou con algún número da revista Grial, ben un número antigo e difícil de atopar, como o nº 23 de 1969, ben un número máis recente, como o nº 160, de 2003.

No acto de presentación desta caste de 'biblioteca dixital', celebrado na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, participaron Luis Collado, responsábel de Google Book Search España, Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro. O profesor Arturo Casas, despois de destacar a importancia que para a proxección exterior da cultura galega poden ter iniciativas como esta, realizou unha análise da influencia que as novas tecnoloxías poden ter na relación entre o home e os textos. Fíxoo a través dos tres niveis nos que tipificou esta relación: o máis básico, de lectura ou consulta, que sae moi beneficiado da introdución das novas tecnoloxías; o de estudo, que tamén gaña coa "democratización do acceso ao saber"; e o da crítica, que para o profesor Casas se pode ver prexudicado pola rede, que pode xerar unha "ausencia de discurso propio e unha complacencia nesta situación; unha mimetización textual que dá paso a unha mimetización intelectual, estética e ideolóxica".


4.79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da presentación
Unha imaxe da presentación
Dúas imaxes da presenza das obras de Galaxia en Google Books
Dúas imaxes da presenza das obras de Galaxia en Google Books