Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XORNADAS '70 ANOS DESPOIS'

O exilio alén da literatura

O Pazo de Mariñán acolle o encontro, coordinado por Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Díaz Pardo, Gregorio Ferreiro e Charo Portela.

Redacción - 09:00 10/03/2009

Os días 12, 13 e 14 de marzo celebraranse no Pazo de Mariñán as xornadas '70 anos despois. Congreso para o estudo da cultura do exilio republicano'. O congreso está organizado polo comité formado por Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Isaac Díaz Pardo, Gregorio Ferreiro Fente e Charo Portela Yáñez, que idearon este programa de tres días de duración coa pretensión de lembrar o setenta aniversario do inicio do exilio republicano, e de afondar nas múltiples actividades que desempeñaron os exiliados nos seus países de acollida. Até o momento, si se investigou a vida e obra dos escritores e poetas exiliados, mais foise obviando ás persoas que tamén destacaron noutros eidos.

O congreso estará dedicado a diferentes ámbitos da cultura e da ciencia no exilio: a prensa e a edición, as artes plásticas, o cine e a ciencia e a investigación; contando con diferentes conferencias e mesas redondas. Así, o xoves 12, Manuel Aznar Soler falará de teatro no exilio, e celebrarase unha mesa de debate dirixida por Inma López Silva e formada por Manuel F. Vieites, Damián Villalaín, e Juan Antonio Hormigón. Esta mesma xornada estará dedicada pola tarde á prensa no exilio, contando coa conferencia de Fernando Salgado, e ao deseño no exilio con dúas mesas de debate: a primeira coordinada por Gregorio Ferreiro Fente, e X. L. Axeitos; e a segunda formada por Manuel Aznar, Isaac Díaz Pardo, Abelardo Linares e José Esteban.

O venres 13 Antonio Garrido Moreno falará sobre as artes plásticas no exilio, para posteriormente coordinar unha mesa redonda. No apartado dedicado ao cine, Miguel Anxo Fernández impartirá unha conferencia titulada "Carlos Velo", pechando esta xornada unha mesa redonda moderada por Margarita Ledo Antión, xunto ás proxeccións 'Liste, pronunciado Líster', 'Sierra de Teruel', 'Homenaje a León Felipe' e 'María Casares'.

O derradeiro día, o sábado 14, estará dedicado á ciencia e investigación, cunha intervención de Emilio Grandío Seoane sobre o proxecto de investigación 'As vítimas, os nomes e os lugares', e Carlos Etcheverría coa exposición titulada 'O Ateneo republicano de Galicia e o exilio', para rematar coa conferencia de clausura a cargo de Xesús Alonso Montero 'Aníbal Otero e a lingüística galega no exilio'. Ao longo das xornadas, desenvolverase como actividade paralela, un ciclo de cine do exilio do CGAI.


Ligazóns

3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: