ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XAVIER SIMÓN, UNIVERSIDADE DE VIGO

"Os parques eólicos espoliaron o rural galego e deixaron contados beneficios"

Un estudo demostra que os propietarios dos montes galegos só reciben unha media do 1,2% da facturación que xera esta enerxía.

Redacción - 14:15 31/03/2009

Que a facturación das empresas que explotan os parques eólicos galegos supera en moito o pagado aos propietarios dos montes era un segredo a voces. Porén, agora un estudo científico cifra esas plusvalías, que deparan uns beneficios moi rentábeis para as compañías eólicas. Os investigadores do Grupo de Economía Ecolóxica e Agroecolóxica de Universidade de Vigo están a traballar nun informe sobre o impacto socioeconómico da enerxía eólica en Galiza, que revela a desigual redistribución da renda.

Os datos son contundentes: en 2006, os 130 parques eólicos que hai en funcionamento facturaron un total de 650 millóns de euros. Sen embargo, tan só o 1,2% desta cantidade tivo como destino o propio mundo rural. Así o asegura Xavier Simón, profesor responsábel da investigación: "a maneira en que se desenvolveu a enerxía eólica en Galiza foi socialmente inxusta e contribuíu á deterioración de algúns espazos de alto valor ecolóxico". Tal foi así, que Simón asegura que todo o proceso se converteu "nunha espoliación dun mundo rural que xa estaba en decadencia".

Propietarios enganados
Na actualidade non existen fontes documentais sobre como se ocuparon os espazos nos que se situaron as torres eólicas, polo que o único xeito de coñecer esta información é achegarse aos parques eólicos un por un. Iso foi o que fixo este grupo de investigación: realizaron 70 visitas por toda Galiza para coñecer as condicións económicas e sociais estabelecidas entre os produtores de enerxía eólica e os propietarios da terra. "Temos que agradecer a colaboración das Comunidades de Montes", di Simón, "atopamos con xente moi disposta a axudarnos e que nos aseguran que é a primeira vez que alguén se interesa en coñecer como foi o proceso".

Destas visitas, o estudo conclúe que "no 95% dos casos as empresas enganaron aos donos dos terreos: sorpréndense cando lles dicimos que os propietarios daquel parque facturaron por exemplo dez millóns de euros mentres a eles lles están a pagar 150 mil". Segundo nos explica Xavier Simón, na meirande parte dos casos, as empresas do sector empregaron a ameaza da expropiación para ocupar o territorio: "a xente atopouse desamparada, a cada zona acudía unha soa empresa, polo que non había competencia nin capacidade de negociación algunha".

O proceso viuse agravado por outros factores, tales como a especulación dos megavatios: "algúns empresarios fixéronse titulares simplemente para volver a vender sen ter investido nada, algo que a Xunta debera ter limitado, mais non o fixo". Así, Simón considera que "tanto os sindicatos, coma os partidos políticos, coma as organizacións profesionais, e mesmo as organizacións ecoloxistas, non estiveron a altura das circunstancias para frear o impacto negativo que tiña este tipo de acordos en termos de renda".

Novo decreto eólico
Sobre o futuro do sector logo da posta en marcha do plan eólico o profesor maniféstase con prudencia: "non tivemos acceso á documentación, mais os indicios que temos logo de falar cos propietarios dos montes apuntan a prezos pactados moi por enriba dos actuais". Dunha banda, "estabeleceuse un método de concorrencia competitiva entre os distintos promotores, algo que até o de agora non existía: no concurso recibían máis puntos aqueles empresarios que xa tiveran un bo preacordo cos propietarios e iso facilitou que houbese prezos que cuadriplican aos anteriores".

Ademais, "limítase o desenvolvemento eólico nos espazos con valores ambientais e abriuse a posibilidade dunha maior participación social pública, tanto dos propietarios dos terreos como da Xunta". Co novo decreto houbo promotores que ofreceron á Administración até o 15% da facturación total, o que demostra que "se na actualidade o negocio pode ser lucrativo malia cuadriplicar o prezo que se lle paga aos propietarios, iso quere dicir que os parques xa instalados poderían deixar beneficios moito maiores no rural".


Ligazóns

4,79/5 (19 votos)

Comentarios (16)

Telleiro #1 31/Marzo/2009 Telleiro
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mañá,día 1,ás 10:30,concentración a favor do galego diante do parlamento.

Creador #2 31/Marzo/2009 Creador
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

¿Quen convoca?

AfonsoDaniel #3 31/Marzo/2009 AfonsoDaniel
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

¿Sobre a nova?

Lembremos, "Porque Galiza é potencia".

Ou "Porque Galiza é 1.2/100*potencia"?.

Cada quen que pense o que é lexítimo. Nin facía falta producir máis do que necesitamos, nin facía falta que sexan outros os propietarios do patrimonio natural, que é de todos. Iso non é facer patria.

moledo #4 31/Marzo/2009 moledo
[Valora este comentario Positivo -4 Negativo]

OK. Mas olha, Xavier Simón, tu e os da tua pandi do departamento também espoliais bem espoliados aos alunos para o vosso exclusivo lucro curricular. Especialização da espoliação, vamos.

maruxo40 #5 31/Marzo/2009 maruxo40
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

"tanto os sindicatos, coma os partidos políticos, coma as organizacións profesionais, e mesmo as organizacións ecoloxistas, non estiveron a altura das circunstancias para frear o impacto negativo que tiña este tipo de acordos en termos de renda"

Pois moitos deses colectivos estiveron ben atentos para torpedear todo o que puideron o actual decreto eólico que, na opinión do director do traballo, propicia prácticas moi diferentes ás que se viñan observando. Prácticas favorábeis á sociedade tanto dende o punto de vista económico como medioambiental.

En fin...

ecoe #6 31/Marzo/2009 ecoe
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

É importante que se fagan este tipo de estudos, que amosan o que quedaba ben ás claras: apenas beneficio ningún no rural!

E logo cómo se entende tanto interese oficial do goberniño no asunto hai apenas uns meses? Era polo rural?

ecoe #7 31/Marzo/2009 ecoe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

En canto ós xeitos de instalación -na lingoaxe marxista deberamos dicir MODO de realización (??)- non nomeades para nada ó axente local executor dos plans de cada monte, os CONCELLOS e nomeadamente o partido do €mpr€$ariado (liña dura), o mal chamado PP!

fidalgogaliza #8 31/Marzo/2009 fidalgogaliza
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Vese que non ledes ben, en fin, o que sospeitaba.

Co decreto eólico do bipartito:
"limítase o desenvolvemento eólico nos espazos con valores ambientais e abriuse a posibilidade dunha maior participación social pública, tanto dos propietarios dos terreos como da Xunta"

Máis:
Co novo decreto houbo promotores que ofreceron á Administración até o 15% da facturación total, o que demostra que "se na actualidade o negocio pode ser lucrativo malia cuadriplicar o prezo que se lle paga aos propietarios, iso quere dicir que os parques xa instalados poderían deixar beneficios moito maiores no rural".

Non hai peor cego que o que non quere ver. En fin, pero acousa é clariña: co novo decreto eólico máis recursos para os propietarios e máis recursos para o público.

fidalgogaliza #9 31/Marzo/2009 fidalgogaliza
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ademais de que vincular o aproveitamento da enerxía eólica á actividade industrial no País.

volvebreogan #10 31/Marzo/2009 volvebreogan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

rapaces equivocádesvos!! o bo non é repartiren as cousas, e que todos tenhamos un salario xusto, vivenda digna etc etc iso é de comunistas! o bo é que uns poucos leveno todo! que a UE aumente a xornada laboral,que boten a xente a rúa por culpa da crise feita por ZP e as súas políticas sociais, a culpa é do aborto!!!! o melhor e felicidade de 4, e infelicidade de 6 mil millóns!! iso é bo! viva o PP!!!

vivan as súas mentiras e as mentiras de 4 infelices que pensan que as persoas somos mercancía!!! vivan as teses neoliberais! si home sí!!

con mentiras é como ganhan os capitalistas!!! PERO QUE XENTE MÁIS BOA!!!

seguro que xa tenhen ganhado o ceo!!!!

tiEsMoito #11 31/Marzo/2009 tiEsMoito
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

O malo do decreto eólico foi permitir os retrasos de última hora. E o xeito pouco claro no que se xestionaron os últimos dias que lle deu moito pá á Coz a ao PSOE para perpetrar o seu ataque. A Coz saíuse coa súa e a Pachi Vázquez lucíulle o pelo. E déronlle unha medalla por boicotar ao bloque. Éche o que hai, peor era Carlos Príncipe.

AfonsoDaniel #12 31/Marzo/2009 AfonsoDaniel
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿Explotación eólica?

Non quero entrar a discutir se as condicións do Plano Eólico incrementan a participación pública na explotación do vento, ou se aumentan as porcentaxes de rendemento que obteñen os propietarios das parcelas afectadas. Non quero entrar niso porque nin no mellor dos casos coido que fora compensable o proveito que se lle saca a este recurso: se fornecesen un 100% de participación pública, logo se non houbera beneficiados privados e donos das concesións, cousa que só ocorriría de vivir nunha coxuntura ben distinta do neoliberalismo semiaceptado polas forzas de esquerda, entón ata nese caso non quero entrar a discutir a conveniencia de ese "xeito". Porque o desenvolvemento económico non é unha excusa sempre, nin moito menos cando afecta só a exclusivos grupos sociais (sexan importantes industrias, sexan algúns propietarios).

Porque co tema do Plano Eólico ocorre o mesmo que co Plano Acuícola e coa explotación forestal baseada no eucalipto. Hai xente ao mando que entendeu que os instintos de explotación de recursos naturais propios do "analfabetismo" rural debían trasladarse á acción de goberno. Non vale con ter o país que temos. Debemos sacar todo o rendemento a todas as nosas parcelas. Se podo plantar eucalipto, planto, e cómpre potenciar a súa plantación porque é un proxecto para o ben común. Todos os propietarios gañan. ¿Que facemos coa costa e co mar? Pois igualmente, explotámolo intensivamente porque non chega con ser herdeiros dese patromonio cultural, natural e paisaxísitico. Debémolo arrasar e explotalo, porque iso é potenciación da industria. ¿Co plano eólico? Outro tanto, se na parcela fai vento, igual é mellor instalar muíños que plantar eucaliptos. Porque iso vai reportar uns cartiños aos propietarios.

Non paso por iso, síntoo, teño visto fotos da nosa terra de vai un século e non comprendo cómo pode estar agora neste estado. Non comprendo cómo, se é certo que houbo un desenvolvemento real, se é certo que desapareceu o analfabetismo, que hai educación obrigatoria, cómo é posíbel que ninguén, mesmo os nacionalistas, perderan o amor pola súa propia terra.

¿Enerxías alternativas? ¿U-la desaparición das contamintantes co Plano Eólico?

alpabarda #13 31/Marzo/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

QUE AS EMPRESAS ENGANARON AOS SEUS DONOS? POR FAVOR¡¡¡ PERO AINDA ESTAMOS CO CONTO DE SEMPRE?

Os propietarios non quixeron contratar a un avogado ou a un economista que soubera da productividade de estos parques e así aplicalos no contrato. Pasou o que pasa sempre. Os galegos queren aforrar e ao fin acaballes saindo máis caro o negocio.

Nin que decir ten QUE ME ALEDO PROFUNDAMENTE. A VER SE ASÍ APRENDEN.

Eso sí...nas vindeiras festas patronais gastarán 6000.- Euros ou máis en foguetes. QUE GRAN PAIS.

alpabarda #14 31/Marzo/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non entanto, eche o mesmo. Se a xente de aldea tivera ingresos estarían metidos en pisos de Vigo ou A Coruña, ou o que é pior, en coches tuneados de grandísima cilindrada dos netos.

signatus #15 31/Marzo/2009 signatus
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

O problema com o concurso eólico nom foi que tivesse umha percentage tal ou qual, o que os ecologistas denunciárom foi que se fijo um concurso sem um plano prévio de ordenamento, sem respeitar espaços naturais de interese, sem critério ambiental nengum.

moledo #16 31/Marzo/2009 moledo
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

oi que caralho, que me apagam a negativos o post #4 os compis chahis de Xavier Simón, boas gentes de Vieiros, valei-me!!

Já agora, XS não é "Universidade de Vigo", a sua encarnação ou representante, é um professor da universidade de Vigo mas não é a universidade a que fala, que não é o mesmo. Sei que é um jeito jornalístico de redigir a noticia, mas a ver se nos deixamos de paifocadas em estas questões com estes "cheas" da uni. Saudações.

Como me apagueis o post #4...vou-me enfadar e vou ir a Gago e...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O estudo revela que na meirande parte dos casos os empresarios empregaron a ameaza das expropiación para ocupar os terreos
O estudo revela que na meirande parte dos casos os empresarios empregaron a ameaza das expropiación para ocupar os terreos
No marco do decreto eólico, os prezos preacordados cos propietarios cuadriplican os pagados actualmente
No marco do decreto eólico, os prezos preacordados cos propietarios cuadriplican os pagados actualmente
Aeroxeradores, nesta imaxe tirada do Flickr de paraquenoseolvide
Aeroxeradores, nesta imaxe tirada do Flickr de paraquenoseolvide