Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MISHA BIES GOLAS, ARTISTA

A abstracción que habita no real

A última exposición do lalinense Miguel Calvo, 'Artefactos' pode verse na Galería Metro de Compostela até o 13 de maio.

M.S.P. - 12:30 26/04/2009

Un fondo de papel milimetrado e imaxes do real, fotografías tiradas de fontes diversas, aínda que maioritariamente de elementos da cultura popular (o gusto polas revistas e os patróns de moda) e a imaxinación e o azar para combinalas. Eis os instrumentos que dan lugar aos 'Artefactos' de Miguel Calvo, Misha Bies Golas, obras que malia partir do real e da figuración absoluta acaban convertidas en imaxes puramente abstractas. O construtivismo e Rodchenko andan detrás de todo isto nos formatos e mecanismos empregados, e a obra resultante achégase moito ás creacións surrealistas. Xa dicía o propio Rodchenko que "se se desexa ensinar ó ollo humano a ver dunha forma nova, é necesario mostrarlle os obxectos cotiáns e familiares baixo perspectivas e ángulos totalmente inesperados e en situacións inesperadas".

"En moitos casos non é algo que estea previsto, intervén moito o azar, depende dos materiais que vaian caendo nas miñas mans", di o fotógrafo e artista lalinense, que hai uns meses expuxo na Galería Sargadelos de Compostela a mostra 'Patróns', na que traballaba a partir das coñecidas revistas de patróns. Estes elementos preexistentes axúdanlle, di, a dar o primeiro paso: ao igual que o papel milimetrado que "potencia os volumes e facilita o traballo: serve de primeiro paso, axuda a loita contra ese abismo do papel en branco". Noutra obra foron un conxunto de postais de Leningrado dos anos cincuenta o punto de partida; era o catálogo 'Leningrad', que publicou canda ao Ronseltz Xoan Carlos Rodríguez, nunha iniciativa do Verbum que tamén se puido ver no Granell compostelán.

Lonxe de calquera afán de pretenciosidade, Miguel Calvo quere, en calquera caso, "desmitificar, restarlle importancia, quitarlle ferro á arte". Vén de Lalín, onde nese núcleo artistico que constitúe o Barriga Verde colabora con autores de moitas disciplinas distintas. O nome artístico, Misha Bies Golas, procede dunha tradución mal feita do seu propio nome: "Misha é o diminutivo de Mijail, sería algo así como Miguelito. E o Bies Golas debería ser o meu apelido, Calvo, pero como o amigo meu ao que se lle ocorreu e que sabía algo de ruso, non sabía dicir 'calvo', puxo 'sen pelo'".

Artefactos. Misha Bies Golas. Galería Metro, até o 13 de maio


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: