Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ LUÍS RIVAS, 'MINI'

"A vitoria de Feijoo é unha volta atrás, propia dun país suicida"

Mini e Mero foron recoñecidos recentemente co Pedrón de Ouro. En colaboración co Museo do Pobo colgarán na rede centos de pezas musicais recollidas durante anos.

Redacción - 10:00 02/05/2009

"O Pedrón de Ouro é un premio moi serio, moi importante para nós, que nolo concedan invítanos a reflexionar". Mini non deixa de recibir chamadas. É venres 17 de abril e acaba de facerse público o recoñecemento do Pedrón de Ouro. Felicitacións e solicitudes de entrevistas, que atende dende Boimorto, onde vive e dá clase no colexio dende hai anos, coa mesma amabilidade e ánimo co que acode a calquera lugar ou iniciativa onde o chamen para colaborar. É un premio a case corenta anos de traballo de recuperación e difusión do patrimonio inmaterial; "fixemos o que nos gusta -di-, hai moita xente que fai o mesmo ca nós, pero son menos coñecidos seguramente porque non teñen a oportunidade de cantar en directo".

"Somos unha correa de transmisión; só intentamos devolver o que o pobo nos deu a nós. Este premio que nos recoñece a nós, entendémolo como un recoñecemento ao país, á súa riqueza". Na Terra Cha, no Courel, en Boimorto, en Mesía..., Mini e Mero recolleron centos, milleiros quizais, de pezas musicais, de cantigas, de versos, de melodías. Agora queren asegurar que este tesouro estea organizado e dispoñíbel para que calquera o poida coñecer e usar.

Dende hai un tempo traballan co Museo do Pobo nun proxecto para colgar na rede este patrimonio de todos. Nos vindeiros meses poderanse ver os primeiros resultados, ao redor de cen cortes de audio que se irán ampliando no futuro con moitas máis pezas e outros materiais, como fotografías e vídeos. "Hai cancións galegas e cancións de fóra que chegaron nalgún momento e callaron no pobo: está o que a xente nos contou", di Mini, que se laia de que agora os músicos galegos que comezan achéganse a este saber popular de xeito mediado, viciado a través das reinterpretacións que fixeron uns grupos e outros".

O futuro da lingua
A nova da concesión do Pedrón de Ouro chega dacabalo da elección de Alberto Núñez Feijoo como presidente de Galiza e na véspera da súa investidura pública, en Compostela. "A vitoria de Feijoo é unha volta atrás, propia dun país suicida, propia dun país que se odia a si mesmo", fala claro Mini, que engade "ódiase a si mesmo porque non se recoñece, non se valora. Non somos mellores que ninguén, pero tampouco somos peores; somos valiosos". Mini agoira que na lingua se vai producir un "retroceso": "Estes tipos van conseguir que nos desgaleguicemos todos, impoñéndonos unha lingua que pode que sexa irmá, pero que nos é allea, e canto máis se nos impoña, máis allea nos vai ser".

Mini, como mestre, coñece ben a cuestión da lingua no ensino: "O outro día no Parlamento alguén xa lle deixou claro a Feijoo que nos poucos centros nos que durante estas décadas se cumprira a Lei de Normalización, os rapaces saían con plena competencia nas dúas linguas; nos que non se cumpre, saían só con competencia en castelán. Quen incumpre, pois a normalización, quen incumpre ese bilingüismo do que eles tanto falan?". "Como vexo o futuro? Véxoo como o vía hai corenta anos", conclúe Mini: "Hai que traballar".


4,59/5 (44 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: