Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entrevista a Silvia Ayala, deputada hondureña

"Non imos recoñecer ningún Goberno que non sexa o legalmente electo"

Falamos cunha das representantes do partido de esquerda Unificación Democrática. Honduras vive este luns unha xornada de paro nacional en protesta polo golpe de Estado.

Fernando Arrizado - 19:35 29/06/2009
A deputada Silvia Ayala

A deputada Silvia Ayala

Á primeira hora da tarde deste luns (hora galega), as noticias sobre a situación de César Ham eran confusas. A axencia de noticias Notimex informaba de que o líder do partido da esquerda Unificación Democrática de Honduras (UD), cuxos representantes no Congreso apoiaron a consulta popular proposta polo presidente Manuel Zelaya, fora asasinado na súa casa cando ía ser arrestado.

Unha das súas compañeiras parlamentarias, a deputada Silvia Ayala, confirma en conversación telefónica con este xornal que, aínda que foi obxecto dunha intensa persecución, Ham conseguiu abandonar o país e refuxiarse na embaixada dunha "nación amiga", na República de Guatemala.

Ayala contesta con rapidez as preguntas. Ela e outros membros da UD van de camiño á capital para participar nas accións de resistencia nas rúas de Tegucigalpa, enmarcadas na xornada de paro nacional en protesta polo golpe de Estado, e di que non poden permanecer parados durante moito tempo porque teñen coñecemento de que a Policía os está a buscar.


Vieiros: A información é confusa. Está vivo ou morto César Ham?
Silvia Ayala
: Estou en capacidade de confirmarlles que está vivo. Falei hai 15 minutos co compañeiro César Ham, que xa está na embaixada dun país amigo, a República de Guatemala. Tivemos que sacalo onte mesmo e acolleuno unha embaixada dunha outra nación amiga, dende onde xestionaremos o seu traslado a un lugar seguro. Foi obxecto dunha persecución intensa no día de onte, mais coa colaboración dos nosos compañeiros campesiños do sector organizado e de moitas outras persoas que colaboraron para lograr a súa integridade física, foi quen de saír do país.

Cal é a situación en Honduras neste momento?

A situación é difícil. Agora mesmo estámonos a trasladar dende San Pedro Sula (a segunda cidade máis grande do país) cara á capital (Tegucigalpa) con outros compañeiros para reforzarmos as diversas accións que se van levar a cabo na vía pública e coordinarse coas centrais que xa iniciaron a execución do paro nacional convocado onte polo Movemento Popular organizado (organizacións sindicais, agrarias, etc.) en defensa da orde constitucional e da restitución do presidente Manuel Zelaya.

Que seguimento está a ter o paro?

Neste momento todas as escolas e colexios estatais están parados porque o maxisterio decretou folga xeral. Tamén na gran maioría das diferentes institucións do Estado. E estase a concretar a posibilidade de que os traballadores da empresa privada se poidan sumar nas vindeiras horas. Agora estamos vendo as accións de resistencia que se van desenvolver.

Neste momento as principais estradas do sector occidental do país están tomadas pola poboación que se mantén en desobediencia civil. Esta noite non se respectou o toque de queda. A liberdade de expresión está restrinxida porque o Exército tomou pola forza os poucos medios de comunicación alternativos que estaban a transmitir información, incluída unha emisora radial do xesuítas.

O obxectivo final é a restitución de Zelaya ...

O importante que teñen que entender vostedes en Galiza é que nós como membros do pobo hondureño, como deputados e deputadas do partido Unificación Democrática non imos recoñecer ningún Goberno que non sexa o legalmente electo polo pobo.

Non imos recoñecer nunca unha persoa como (Roberto) Micheletti (o presidente imposto), caracterizado pola súa intolerancia, pola súa incompetencia e sobre todo polo seu servilismo aos grupos de poder. Leva 30 anos de deputado, na actualidade era presidente do Congreso, sempre usando a vía da forza nos conflitos, intolerante, pechado nos seus plantexamentos, ...

Como é que se chega a esta situación en Honduras?

Chega polo temor que estes grupos teñen de que o pobo hondureño poida ser tomado en conta na toma de decisións neste país, a raíz da proposta do presidente da República e por sectores do pobo. Para que nas eleccións xerais de novembro se colocase unha cuarta urna e consultar á poboación se quería que se convocase unha Asemblea Nacional Constituínte para elaborar unha nova Constitución.

A simple posibilidade de que o pobo hondureño fose consultado xerou un nivel de rexeitamento nos grupos de poder que comezaron unha campaña de temor entre a poboación. Mais como non o lograr disuadir, tiveron que facer uso da ilegalidade, da forza para impor este personaxe.

Cónstalle que houbese máis detencións ou tentantivas de as facer?

Hai varios funcionarios detidos. Nós logramos manternos até este momento nun lugar seguro porque temos coñecemento de que se nos está a buscar para nos deter tamén os deputados da UD, que foi a única bancada no Congreso que apoiou o proceso de convocatoria da Constituínte e a única que onte non estivo presente para non amparar este golpe de Estado. Igualmente temos coñecemento de que produciron persecucións dalgúns dirixentes populares na cidade capital, e na zona do litoral atlántico. Ademais, dous nosos compañeiros foron feridos durante a represión dunha manifestación pacífica por parte do Exército.

Que valoración fan das reaccións dos dirixentes doutros países, en especial dos da UE e dos EUA?

Valoramos positivamente o rexeitamento que o golpe provocou nos estados membros da UE. Tamén celebramos o expresado onte polo Goberno dos EUA no sentido de que non recoñece gobernos que chegan como produto da forza e que agardan que se restabeleza a orde constitucional. Pero neste momento a situación é moi complicada e téñome que mover do lugar no que estou.


4.64/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: