Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reaccións ao golpe de Estado en Honduras

O BNG en Bruxelas: "A UE debe suspender as negociacións comerciais previstas con Honduras"

A voceira nacionalista en Bruxelas e futura europarlamentaria, Ana Miranda, pide que a comunidade internacional rexeite "inequivocamente" a lexitimidade de Roberto Micheletti.

Redacción - 20:30 29/06/2009

Ana Miranda, voceira do BNG en Bruxelas e futura europarlamentaria, condenou "firmemente" o "derrocamento militar antidemocrático" do presidente electo de Honduras, Manuel Zelaya, e pediu que a comunidade internacional rexeite "inequivocamente" a lexitimidade do xefe do Executivo imposto, Roberto Micheletti.

A tamén vicepresidenta da ALE, afirmou que os "recentes eventos rememoran os días escuros dos golpes de Estado militares do pasado en América Central". "Non se poden repetir os derramamentos de sangue acontecidos en Honduras na década de 1980", declarou.

Ademais, Miranda sinalou que se debe garantir a investigación dos observadores, e pediu que a Unión Europea cancele as negociacións comerciais con Honduras previstas para a próxima semana. "Os acordos de colaboración da UE teñen cláusulas democráticas que foron claramente violadas pola nova Administración", argumentou.

Unasur e Mercosur amparan o presidente constitucional
Por outra banda, tanto a presidencia de Unasur como a de Mercosur condenaron o golpe de Estado. Este domingo, o presidente de quenda deste último organismo multinacional, Fernando Lugo, anunciou que os países membros non recoñecerán "ningunha outra autoridade" no país, que non sexa o presidente constitucional Manuel Zelaya.

No mesmo senso tamén se pronunciou a Unión de Nacións Sudamericanas (Unasur), que mediante un comunicado difundido este luns rexeitou enerxicamente o golpe de Estado e deu o seu amparo ao Goberno constitucional de Zelaya. Unasur exixe na declaración o restabelecemento da democracia.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: