Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN EN CAIXAFORUM

Vlaminck, cores puros e violentos ao servizo da pintura

Nestas datas varias exposicións monográficas mostran as creacións dos fauvistas de hai un século. A que vén este interese?

Joan Mitjans e Lito Caramés - 17:45 13/07/2009

Caixaforum de Barcelona abre a primeira exposición monográfica que se fai en España sobre este fauvista (Maurice de Vlaminck) con obras procedentes de 18 museos e mais de coleccións privadas. Antes estivo instalada en París, no Musée du Luxembourg. O azar é ben pouco azaroso, como se comproba a diario. Nestes meses hai na Thyssen (Madrid) unha ampla mostra de Matisse (xefe da tropa fauvista nos seus anos mozos) e no Museo Picasso de Barcelona hai outra de Van Dongen (tamén a primeira mostra doutro membro do grupo de fauvistas parisienses). Tres fauvistas exhibidos, será para compartir a sinceridade das súas brutais propostas?

Antes de dedicarse á pintura, Vlaminck foi ciclista e músico. Logo tampouco viviu só da pintura: publicou novelas, foi gravador etc. Os ciclistas andan nestes días cumprindo o ritual estival do Tour de France e, falando de ciclistas, cómpre lembrar aquelas dúas fotos de Lee Miller (que estiveron no MACBA, na mostra “Sota la Bomba”) e nas que uns ciclistas pedalean, non para subir o Alpe d'Huez, senón para finalidades máis urbanas. E, recuando nos azares que non son tal, bo é saber que Vlaminck tivo que deixar a bicicleta por unha enfermidade, e Chillida foi porteiro titular da Real Sociedad de San Sebastián até que unha lesión o apartou do fútbol profesional e foi quen de crear un universo abstracto de seu en ferro. O deporte e a arte tamén poden ter vieiros ben concordantes.

Enerxía fauvista

Os biógrafos contan que Maurice de Vlaminck era unha persoa con gran fortaleza física, con moito temperamento e irascible (baste recordar os enfrontamentos con Picasso). Estas condicións persoais -sumadas á súa ideoloxía anarquista- acaían moi ben a un fauvista (nome dado por un crítico como alcume, que tamén foi ben adoptado polos artistas implicados) e fixeron de Vlaminck un dos máis radicais do grupo, cousa á que tamén axudou que fose autodidacta na pintura e que sempre tivese a cor como a esencia da pintura. Vlaminck atacaba as telas con violencia na espontaneidade e nas cores. Como bo fauvista defendeu (e practicou) o uso das cores puras, directamente dos tubos que a industria química xa lles proporcionaba aos pintores. En 1901 coñeceu a obra de Vincent Van Gogh nunha ampla exposición que del se fixo en París (en vida non lle mercaran unha soa obra e ao pouco de morrer (1890) xa o consideraron un xenio; paradoxos ou pura especulación?), e impresionoulle moito a enerxía e o uso das cores de Van Gogh. O prioritario para Vlaminck sempre foi o uso de cores puros e bastante arbitrarios, é dicir, seguiu os vieiros de Van Gogh e mais de Gauguin, entre outros.

Vlaminck achégase ás formas

Seica os tempos mudan e a arte canda eles. Cando Vaminck coñeceu a pintura de Cezanne no Salon des Independants (1907), na primeira retrospectiva que se dedicaba a este artista, a súa obra cambiou de rumbo. Os cadros do fauvista ordenáronse e as formas gañáronlle terreo ás cores. Pero a Vlaminck -sempre fiel a el mesmo- éralle demasiado difícil afastarse dos tons puros e da natureza. Por tanto neste novo período coexiste a violencia das cores cun, por dicilo dalgún xeito, principio de cubismo. É o que se chama a etapa cezanniana do pintor, que na mostra vai de 1907 a 1915. Anos máis tarde, despois desta experimentación, a personalidade de Vlaminck enfrontarase ás propostas do cubismo e aos seus autores, mormente a Picasso, quen até entón fora amigo seu. A obra Flores (1910) é unha perfecta mostra deste período. Apréciase como o pintor xoga coas perspectivas e desmembra o espazo, características cubistas, pero sempre conservando a intensidade das cores. Ademais, o tema é naturalista, non cubista. En Caixaforum está tamén o cadro As bañistas (1907-1908), unha interpretación libre da famosa obra As grandes bañistas, de Cézanne.

Cerámicas e escultura negra

Coa idea de ofertar unha visión máis completa do universo de Vlaminck, a exposición recolle unha serie de pezas de cerámica pintadas polo propio artista e varias esculturas negras da súa colección particular. Sábese que Vlaminck empezou a vivir da pintura grazas a Ambroise Vollard, un marchante de arte que vendeu todas as súas primeiras obras. O mesmo Vollard introdúceo no mundo da cerámica e recoméndalle traballar nos fornos de André Metthey, polos que pasaron as mans de xenios como Matisse ou Picasso, entre outros. Vlaminck, pola súa personalidade, foi dos que durante máis tempo se dedicaron á cerámica. Nas salas de Montjuïc exhíbense xerros e pratos decorados polo artista, nos que destacan sobre todo as combinacións de cores e motivos, desde xeométricos até naturais: animais e vexetais.

Vlaminck é unha figura importante como introdutor da escultura africana en Europa. Foi un dos primeiros en coleccionar esta arte antiga (até entón case descoñecida) e que tanto influíu nos autores das vangardas (fauvismo, cubismo, arte abstracta...) polo seu simplismo e redución das formas. Para pechar a mostra, unha colección de esculturas e máscaras de África e mais de Oceanía que no seu día pertenceron a Vlaminck.


EXPOSICIÓN: Maurice de Vlaminck, un instint fauve. Pintures de 1900 a 1915

Caixaforum (Montjuïc)

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.

Até o 18 de outubro.

Entrada de balde.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vlaminck. "Paisaxe do val do Sena" ou "Paisaxe de outono", 1905
Vlaminck. "Paisaxe do val do Sena" ou "Paisaxe de outono", 1905
Vlaminck. "Na horta do pai", 1905
Vlaminck. "Na horta do pai", 1905
Vlaminck. "As bañistas", 1907-1908
Vlaminck. "As bañistas", 1907-1908
Vlaminck. "Flores", 1910
Vlaminck. "Flores", 1910
Vlaminck. "Xerro", 1906-1910
Vlaminck. "Xerro", 1906-1910