Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CURSOS DO ILG

O galego, polo de atracción para estranxeiros

Alumnos de todo o mundo achéganse no verán a Galiza para aprender e perfeccionar o seu coñecemento sobre a nosa lingua. Vídeo no interior.

Redacción - 09:00 17/07/2009

De Grecia, de Polonia, de Rusia, de Chile ou de Albacete. As orixes daqueles que queren aprender galego son moi variadas, tanto como os seus motivos. Dende aqueles que se achegan á nosa lingua dende as filoloxías estranxeiras, até aqueles que o fan para comprender máis a nosa música, ou os que atopan no galego unha ponte de unión cos países lusófonos. No Instituto da Lingua Galega (ILG) levan 22 anos ofrecendo esta posibilidade aos estranxeiros por medio de cursos de verán nos que se profunda no idioma, mais tamén na cultura, a literatura ou mesmo a paisaxe e xeografía galegas.

Nunha clase con acentos dos máis diversos puntos do mundo, na que se conxungan todo tipo de culturas, técense amizades e espértanse conciencias a prol da defensa da nosa lingua. Vieiros quixo compartir unha xornada cos alumnos do curso máis avanzado, na que se achegaron á pegada de Santiago de Compostela no noso imaxinario literario. Con eles conversamos sobre o seu interese polo galego, sobre a súa experiencia en Galiza, sobre as súas expectativas futuras con respecto á nosa lingua e mesmo nos deron a súa opinión sobre o tan manido conflito lingüístico que ocupa acotío as primeiras páxinas dos medios de comunicación (ver vídeos).

Aprendizaxe do galego en tres niveis
A meirande parte dos que toman parte nestes cursos, repiten ano tras ano, co obxectivo primeiro de mellorar a súa fala e segundo de volver compartir experiencias cos compañeiros de curso, xa amigos. Ademais das clases teóricas e prácticas de lingua, prográmanse leccións sobre literatura, historia, xeografía ou arte, entre outras, ademais de excursións a lugares de interese cultural ou paisaxístico. A isto hai que engadir a frenética rutina dun verán en Compostela, unha cidade "moi festeira", segundo nos confesa unha das alumnas.

Os niveis son tres. O primeiro é elemental, de iniciación que, á súa vez, se divide en dous grupos segundo o grao de comprensión da lingua, logo da realización dunha proba. O segundo é un nivel medio, destinado a quen xa realizou o primeiro e que posúa un coñecemento básico do idioma. E finalmente, existe un curso superior para quen xa acredite un coñecemento elevado do galego.

Cun dominio da nosa lingua case perfecto, sorprendidos ante a decisión daqueles que optan por falar castelán e censuran aos que falan galego, moitos destes alumnos xa pensan en facer da nosa fala unha opción laboral máis. Dar clases nos seus países natais, en Grecia, en Polonia, en Rusia, alá onde o interese polo que sucede nesta beira do mundo é crecente. Sería un xeito máis, din, de transmitir a súa querenza por Galiza e pola lingua que esta afastada terra lles ofreceu.


Ligazóns

4.79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Varios alumnos dos cursos de galego explican os seus motivos para estudar a nosa lingua

Vídeo 2: Falan do conflito lingüístico e do seu futuro con respecto á nosa fala