Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Catro anos de veráns musicais

Cal é o teu ghit 2009?

Deica o mércores 12 de agosto aínda estará aberto o prazo para votar. Aproveitamos para facer repaso da traxectoria de A Polo Ghit.

Redacción - 09:30 08/08/2009

Esvaera xa o verán de 2006, mais as temperaturas musicais aínda se mantiñan altas. O A Polo Ghit zoupaba duro na internet galega na procura do enxeño e a capacidade creativa dos músicos do país. Acabando setembro, aquela primeira peneira musical chegaba á fin a meta. Un xurado formado por Nonito Pereira, Xil Ríos, Mónica Ares e Pía de Tolomei, declaraba gañadora da primeira edición a peza In the Ocean, tema en galego con retrouso en inglés interpretado polo músico coruñés Pulpiño Viascón. Todo o que de si deu aquela experiencia pioneira na rede galaica poden atopalo condensalo no CD de libre descarga A Polo Ghit 2006.

De alí a un ano, e desta volta en plena cima das calores de agosto, o A Polo Ghit 2007, peneiraba outra vez as creacións musicais propostas. Daquela, o favor do xurado ía parar ao tema Biocultivos, da formación debutante Sacha na Horta, un grupo de mulleres afincadas na compostelá rúa das Hortas que entraban así con forza na escena musical. "Vivo na terra do sol, aínda que chova aquí vai calor", cantaban. Poden lembrar a participación daquel ano na vella web de A Polo Ghit 2007.

Xa consolidado, en 2008 o A Polo Ghit elixía gañador o tema Planeta 19, dos ferroláns Boy Elliott and The Plastic Bags. A eles corresponderíalles xa que logo cumprir coa obriga dos triunfadores do ghit dese verán, encamiñárense no outono até as terras laponas de Luleå para participar no eurofestival Liet-Lavlu. Aquí poden descargar tamén de balde o CD A Polo Ghit 2008, cun total de 82 temas.

E chegamos a 2009... A primeira peneira chega o próximo sábado 15 de agosto, día no que coñeceremos os dez finalistas desta ocasión. Até daquela, poden seguir escoitando, opinando e gozando da paixón creativa que agroma vizosa nas leiras musicais do país. Longa vida ao A Polo Ghit!


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: