Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Carlos Núñez, músico

“Brasil garda a esencia da cultura galega en clave urbana e contemporánea”

Ao gaiteiro de Vigo estalle a sentar moi ben a súa nova aventura musical. Falamos con el da influencia galega no Brasil.

Moisés Álvarez - 17:00 19/08/2009
Portada do disco "Alborada do Brasil"

Portada do disco "Alborada do Brasil"

O bisavó de Carlos Núñez era un músico que emigrou ao Brasil e alí desapareceu. Seguindo ese rastro, o gaiteiro vigués comezou a investigar sobre a pegada galega no país sudamericano. A viaxe desembocou no disco Alborada do Brasil, unha nova volta na súa carreira que parece gustar na capital do celtismo, Irlanda. Esta semana recibiu o Ireland's Music Award na categoría que premia ao artista europeo non irlandés con mellor directo.

Carlos Núñez fala con entusiasmo do papel que pode xogar Galiza como conexión entre o celtismo e o latino e amósase convencido de que a influencia galega no Brasil é moito máis ampla do que alí poden imaxinar: “esa maneira dos brasileiros de mesturalo todo é moi galega”. Cre que Brasil pode ser unha gran porta para a música e a cultura galegas.

Esta semana premiárono en Irlanda polo seu directo pouco despois de triunfar en Lorient diante de máis de catro mil persoas. É o directo o medio onde mellor se move?
O directo é seguramente o que che ofrece unha resposta máis inmediata, explora máis a túa parte animal. En cambio, a gravación discográfica é un esforzo a longo prazo no que invisto moitísimo tempo: en Alborada do Brasil dediquei tres anos á investigación e un á gravación.

É curioso que o premien no berce da música celta no momento en que publica o disco que máis se afasta do celtismo. En Irlanda buscan tamén novos camiños para a música folk?
Dalgún xeito Irlanda está metida nunha reorientación da música celta, que estivo moi de moda nos anos 90. E acontece que o meu disco non só incorporou sons brasileiros, senón que opta por buscar a compoñente celta, medieval e europea no Brasil, e aos irlandeses fascínalles ver que teñen vías de conexión co mundo latino. Creo que esa é a gran baza de Galiza, ser a ponte entre a Europa atlántica e Latinoamérica.

Xa hai anos que nos seus discos busca outras influencias máis aló do celta.
Fíxeno desde o meu primeiro disco, A irmandade das estrelas. Apostei polo xénero celta, pero cunha visión persoal e propia dos galegos: atopar os vectores en común co resto do mundo. Nestes anos colaborei con músicos europeos, achegueime ás músicas peninsulares, ao flamenco, á música árabe, á clásica, a Latinoamérica...

E agora ao Brasil.
No caso do Brasil agardei, porque cando fun alá hai 10 anos pensei que non estaba preparado para unha empresa de tal envergadura. O meu avó, Albino Núñez, escribiu nos anos 50 un artigo en Vieiros no que dicía “unha nova alborada nacerá no Brasil”. Foron palabras case proféticas para min, sabía que tiña que iniciar esa aventura, pero antes debía pasar polas músicas da península. Logo da investigación cheguei á conclusión de que o Brasil é máis galaico que lusitano, porque o Portugal que levou a influencia alá no 1500 era o do norte, o miñoto. O primeiro instrumento europeo que chegou ao Brasil foi a gaita, alá se conservan vivos instrumentos que aparecen no Pórtico da Gloria, e hai trobadores urbanos que usan as mesmas técnicas que Martín Códax e Meendinho. Brasil garda a esencia da cultura galega en clave urbana e contemporánea.

Cara a onde irá no futuro a música de Carlos Núñez?
Quen sabe, porque desenvolver cada idea para un novo disco é un proceso que me leva moitos anos. Pero penso que o achegamento ao Brasil pode ser unha vía para reclamar a presenza galega en Latinoamérica. Teño a sensación de que o novo disco é só unha porta que se está abrindo e da que poden saír outras conexións.

Cando presentará o disco en directo en Galiza?
Oxalá que sexa pronto. Se non é este ano, é posible que co Xacobeo. De momento estou de xira por Europa. En setembro sae o disco no Brasil e en outubro xiraremos por Río de Janeiro, São Paulo e outras cidades.

E como cre que se recibirá o disco alá?
Vai ser moi forte. Porque non é o disco dun europeo que vai facerse a foto, senón a reivindicación dun Brasil galego que nunca foi recoñecido. O africanismo no Brasil é como o celtismo en Europa: atribúeselle toda a mitoloxía. Pero hai palabras como terreiro e pandeiro que eles relacionan con África e son palabras de orixe galega ou ibérica. Aos que participaron no disco atraeulles a idea de que a súa lingua poida vir dun sitio que non é Portugal.

De cara ao público brasileiro o disco poder ter un carácter didáctico.
Cando visitei a Ariano Suassuna, creador do Movimento Armorial, tiña na súa casa exemplares da revista Vieiros. É unha excepción, porque no Brasil só unha minoría intelectual minúscula coñece Galiza. Gustaríame que o disco fixese chegar Galiza a un público máis amplo, porque un pouco no Brasil é moitísimo para Galiza. Oxalá que a música galega pase a formar parte do acervo brasileiro. Nesta aventura redescubrín a importancia da nosa lingua. Cun pequeno esforzo na educación, podemos aprender grafía portuguesa, e iso permite que se nos abran grandes portas.

O premio en Irlanda súmase a outros moitos que conseguiu na súa carreira. Gustaríalle recibir en Galiza o Premio Nacional da Música?
Por suposto. Na casa as cousas saben dobremente ben.


Ligazóns

4.04/5 (27 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Carlos Núñez interpreta "Non te namores meniña" xunto á Real Filharmonía de Galicia

Carlos Núñez
Carlos Núñez