Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O 14 de novembro en Compostela

Galego, Patrimonio da Humanidade convoca un acto de reflexión arredor da lingua

A plataforma, con máis de cinco mil apoios, pretende "recuperar o consenso" sobre o galego. Tamén asistirá á manifestación do 18 de outubro.

Redacción / EP - 12:51 10/10/2009

A plataforma cívica Galego, Patrimonio da Humanidade, que xa recibiu máis de cinco mil apoios dende o mes de xuño, vai desenvolver un acto de reflexión en defensa da lingua o 14 de novembro. Será ao mediodía, no Teatro Principal de Santiago, e estará aberto ao público.

Galego, Patrimonio da Humanidade aspira a crear un espazo de debate para a "recuperación do consenso" e contará coa presenza de representantes políticos, sindicais, do ensino, da literatura ou da medicina. Así o anunciou no acto de presentación, que tivo lugar na compostelá Galería Sargadelos. Asistiron persoeiros como os deputados socialistas Francisco Cerviño e Xaquín Fernández Leiceaga; a ex-conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o escritor Suso de Toro; Antonio García e Ricardo Torres, de UXT, ou Xesús Penedo, de CC.OO, entre outros.

Un dos voceiros da iniciativa, Manuel Bragado, explicou que o evento contará coa participación de "diversas persoas que reflexionarán sobre a actual lexislación da lingua". Tamén confirmou o seu apoio a "outras iniciativas e outras plataformas" en defensa do idioma -como Queremos Galego ou ProLingua- e que participará na manifestación convocada o 18 de outubro contra a actual política lingüística da Xunta.

Outro dos membros da plataforma, Antón Baamonde, achacou a "ofensiva" contra o idioma do Goberno a unha intención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, por "agradar a Madrid", xa que ten "aspiracións fóra de Galiza" para "ascender" dentro do Partido Popular. Contra iso, avogou pola "restauración do consenso" e da normativa vixente nos "últimos 25 anos". Tamén lembrou que a lexislación que pretende modificar o Goberno "axústase ao dereito", segundo o Tribunal Constitucional.

Pola súa banda, o secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, enmarcou a iniciativa "fóra de calquera afán exclusivista ou de monopolio de defensa do idioma" e pediu que a manifestación convocada por Queremos Galego sexa "unha expresión de toda esa pluralidade". Así mesmo, criticou o "conflito" creado arredor das lingua, que xera "dúas Galizas en paralelo", ademais de lamentar a "dobre moral" da Xunta e de Galicia Bilingüe ao esgrimir ese bilingüismo e o "dereito a decidir" mentres "defende o monolingüismo en castelán".

"Non podemos aceptar de ningún xeito que se identifique o castelán coa liberdade e o galego coa imposición", aclarou, pois historicamente "foi ao revés". "É unha burla aos falantes, que merecen un respecto". Tamén fixo referencia a que existen "apoios" entre persoas do PPdeG que non comparten a política lingüística da Xunta, aínda que lamentou que só "o recoñecen no ámbito privado".


4.89/5 (35 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: