Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica en Suíza por un debuxo

"Cre que se deberían prohibir os minaretes das mesquitas?"

Lausanne e Basel vetan un cartaz polo 'Si' nun referendo o mes que vén, coa imaxe dunha muller completamente tapada e sete destes torreóns sobre a bandeira do país.

Fernando Arrizado - 12:05 14/10/2009
Variante do cartaz

Variante do cartaz

Un cartaz onde se representa unha muller musulmá vestida cun chador e rodeada por sete minaretes que semellan mísiles sobre a bandeira de Suíza está a provocar unha forte polémica no país de cara a outro controvertido referendo: deberíase prohibir a construción nas mesquitas deste tipo de torreóns desde os que se chama ao rezo?

Os cidadáns decidirán co seu voto o 29 de novembro se están de acordo con esta medida, que seguiría os pasos doutras leis similares en países como Arabia Saudita ou Afganistán onde as torres das igrexas están vetadas. O particular sistema político suízo permite que a maioría das decisións lexislativas se sometan a referendo popular. Calquera cidadán pode lanzar unha iniciativa para unha consulta se obtén máis de 100 mil sinaturas.

O cartaz forma parte da campaña da ultraconservadora Unión Democrática Federal (EDU-UDF, nas siglas en alemán e en francés), que mesmo incomoda algúns membros do xenófobo SVP, informa Die Spiegel, un partido que curiosamente sente debilidade polas campañas polémicas. Consideran que podería danar a reputación internacional de Suíza -paraíso fiscal das fortunas dalgúns dos culpábeis da crise económica mundial-, e temen que se produza unha reacción como a acontecida logo da publicación en Dinamarca das caricaturas de Mahoma hai catro anos.

Ante esta situación, as autoridades das localidades de Lausanne e de Basel decidiron vetar o cartaz -non a consulta-, por consideralo "racista, irrespectuoso e perigoso". "Estou a prol de prohibir este tipo de cartaces que crean problemas no país", declara un home a Euronews. "Vivimos en democracia polo que non vexo necesario que se prohiba. A xente debe ser intelixente e entender a mensaxe", retruca un mozo. "É normal prohibir un cartel en plena campaña?", pregunta a xornalista. "Se supera os límites do aceptábel, si", responde outra muller.

Sen recomendacións da Comisión Federal contra o Racismo
Outras grandes cidades agardaban pola recomendación da Comisión Federal contra o Racismo para adoptar unha decisión. O organismo mostrouse crítico co cartaz anunciador: Considera que a imaxe da muller é "xeneralizadora" e alimenta os prexuízos, ademais de "difamar a poboación musulmá pacífica" que vive en Suíza, e atentar "contra a cohesión social e a paz pública". Porén, renunciou a adoptar recomendación ningunha.

As enquisas prevén a vitoria do 'Non', mais non se desbota que a opción afirmativa gañe adeptos nas próximas semanas. Polo de agora, tanto o Consello Federal como o Parlamento pediron que se vote en contra, en defensa da igualdade e contra a discriminación.


4,7/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: