Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PARTICIPA

Dez anos de 'Por conto alleo'

Camilo Franco fálanos de literatura e internet cando se cumpre unha década dunha experiencia literaria en liña pioneira en Galiza.

Moisés Álvarez - 17:10 23/10/2009

En outubro de 1999 arrancaba Por conto alleo, un experimento literario de Camilo Franco e Vieiros. Naquela experiencia pioneira, o escritor comprometíase a facer un relato cada noite a partir de dúas palabras enviadas polos lectores. Durante 50 xornadas, Camilo Franco fabricou 50 textos literarios que os usuario de Vieiros puideron ler, aínda frescos, á mañá seguinte.

En dez anos pasaron moitas cousas. Chegou a web 2.0, a rede encheuse de blogs, moitos deles de escritores, e multiplicáronse as redes sociais. Algo mudou nas formas de achegarse á rede, á lectura e ao lecer. Pola súa parte, Camilo Franco volveu neste tempo á creación en liña coa experiencia Necesariamente X, de novo en Vieiros, e levou o seu último libro, Palabras contadas, á Fundación Luis Seoane e a bares de toda Galiza. Este luns volve á Casa das Crechas, en Santiago, acompañado polo músico Magín Blanco.

Camilo Franco fálanos destes dez anos de literatura e web e agasállanos cun novo relato construído a partir das palabras que lle envíen os lectores. Aquí podes ler como.

Cúmprense agora dez anos de Por conto alleo, aquela panadería de contos. Que cre que quedou desa experiencia?
Para min como autor quedou a idea de que quizais o fixen demasiado pronto. Daquela na rede había menos xente e menos mala hostia. Internet ofrecía un número de ferramentas menor que hoxe e o concepto de banda ancha non era xenérico a nivel doméstico. Quizais hoxe tería incorporado máis elementos sonoros e visuais, porque daquela parecía un pouco complicado interromper o discurso textual con outras cousas que non foran ligazóns.

Hoxe faríao dunha forma diferente.
Probablemente construiría un texto que non fora exclusivamente textual. Naquel momento venceume a idea de escribir. Tamén os lectores estaban vencidos pola idea de que tiña que escribir máis e resolvelo dunha maneira máis ortodoxa. Daquela experiencia quedoume tamén que vin pouca xente despois usar o mesmo medio.

Cre que se fixeron neste tempo cousas interesantes na rede desde o punto de vista literario?
Teño visto máis traballo de web-art que de web-text, ou como se lle queira chamar. A rede cambiou moito coa aparición da web 2.0 e as redes sociais. O fenómeno dos blogs, que prendeu moitísimo en Galiza entre os escritores e os diletantes da escritura, calmou algunhas curiosidades que podía ter nese sentido. Cando finalizou aquel experimento, expliquei a maneira de conclusión que seguramente a narrativa da web no futuro non estaría baseada nas palabras. Nese aspecto creo que non se aclarou moito o panorama. Foi unha década perdida para a literatura, non para a narrativa, que en internet está funcionando nun sentido no que a palabra vai perdendo peso. A palabra foi a ferramenta fundamental na rede mentres non houbo capacidade técnica para atender outros medios. Agora que si a hai, a palabra retrocede unha vez máis.

Cre que a literatura en Galicia mudou algo desde que apareceu internet, ao igual que ocorreu na narrativa do século XX coa popularización do cine?
Creo que non, e se cambiou algo foi escapando. Efectivamente, a partir da década de 1940 case todos os escritores cambiaron a súa forma de contar porque cambiou a súa forma de retroalimentarse narrativamente: o relato oral cambiou e xa era relato cinematográfico. O problema é que non existe un relato web claro. Levando a auga ao noso muíño, poderíamos dicir que hai na literatura galega actual unha maior fragmentación, máis dispersión, e que isto pode ser un fenómeno relacionado coa lectura web, na que vas saltando de ligazón en ligazón por fíos caprichosos. Pero creo que isto procede máis do tempo no que vivimos, resultado de que a web é fragmentaria porque a sociedade tamén é fragmentaria.

E que achegaron os blogs á literatura galega?
Hai dúas cousas que me deixan un pouco frío: que case todos os blogueiros galegos e unha gran parte dos foráneos imitaron a maneira de escribir literaria, é dicir, parafraseando metáforas constantemente; e que moitos escritores e algúns editores pensaron que iso ía dar unha xeración ou algo novo, sen percibir que o que estaban facendo os blogueiros era copiar modelos literarios, e non precisamente os máis contemporáneos. Hai moitos blogs que se parecen aos libros e viceversa. Eu nunca esperei nada dos blogs, pero se había que esperar algo tiña que ser novidoso.

E en que cre que cambiaron os lectores, non tanto á hora de afrontar a lectura na rede senón ao enfrontarse aos libros?
Os lectores cambiaron moito, e non só pola rede. Nos últimos quince anos o ocio cambiou moitísimo. E ás veces esquecemos que a lectura forma parte do tempo de ocio, aínda que leas a Foucault. A partir dos 80 produciuse unha aceleración brutal na cantidade de oferta de ocio que hai, pero o tempo de ocio en cambio non foi a máis. E a lectura agora mesmo parece a menos atractiva das opcións de ocio. Os lectores son máis esixentes e quizais están menos concentrados. Xeneralizando, soportan moito peor os grandes esforzos da escrita novelística, do que soportan maneiras de ler que se corresponden cunha certa fragmentación e sintetización das historias.

Sen embargo, cada vez que un libro triunfa ao grande, ten máis de 500 páxinas.
Si, é un asunto estraño, aínda que aí teríamos que falar da profundidade de lectura. Libros como La catedral del mar ou O código da Vinci ofrecen unha experiencia de lectura moi suave, de baixa intensidade.

Quen lle gustaría que lle enviase un par de palabras para facer un conto?
Gustaríame ter as palabras da xente que non está iniciada, por exemplo, a pescantina; e por outra parte gústanme as palabras da xente que vai a pescarme, que mandan palabras complicadas, pero das que ao final saen os mellores relatos.

E ao revés, a quen lle poría dúas palabras para que escribise un relato dun día para outro?
Ao presidente da Xunta de Galicia.

E que palabras lle poría?
Buscaríalle dúas das palabras que citou máis durante a campaña electoral. “Austeridade” e “franqueza”, ou quizais mellor “Audi” e “propaganda”. Incluso retaría ao presidente, aínda que sei que é un brinde ao sol, a que me mandase el dúas palabras, e eu faríalle nunha noite un relato máis aproximado á realidade do que el conta nas rodas de prensa.


Ligazóns

4.31/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: