Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Manuel Abad, director de cine

“En Galiza empeza a despertar o sexo non baseado no diñeiro”

Cineuropa estrea 'Sexo, entre o ceo e a terra', o primeiro documental galego que se achega sen prexuízos ás moitas caras do sexo.

Moisés Álvarez - 10:00 08/11/2009
Manuel Abad

Manuel Abad

Todo comezou co Salón Seda, o festival erótico que en 2006 desembarcou en Vilagarcía de Arousa. “Queriamos ver como repercutía unha cousa tan moderna nun ambiente rural”, explica o realizador Manuel Abad. Daquel fío comezou a tirar para acabar compoñendo Sexo, entre o ceo e a terra, un documental que aborda desde diferentes puntos de vista a relación dos galegos e as galegas co sexo, e que se cerra co Eros 2009, o salón erótico da Coruña.

O documental estréase este mes en Cineuropa. É o último traballo dun director que se iniciou no vídeo experimental nos anos 80 para logo pasar á televisión. O ano pasado presentou Flores tristes, un documental sobre a represión franquista en Galiza. Sexo e represión, dous temas moi diferentes que desenvolveu en paralelo nos últimos catro anos. “Con esta última íame desintoxicando, porque co outro documental acababa feito pó”.

Cal é o enfoque de Sexo, entre o ceo e a terra: antropolóxico, social, lúdico?
Ten de todo, pero quedeime máis en xogar cos conceptos de ceo e inferno, na idea tántrica de que o sexo é un espazo entre o ceo e a terra. Gustoume esa idea, e dividín o documental entre o que consideramos ceo e o que consideramos inferno. Na parte do ceo falo con antropólogos, etnógrafos, andrólogos... e na parte do inferno aparecen clubs de intercambio de parellas, o incipiente cine porno galego, a primeira curtametraxe porno de Galiza, que gravou un camioneiro...

E en Galiza o sexo é máis celestial ou terreal?
Creo que estamos en fase de transición. De repente estamos entrando en todos os fenómenos. Porque ata agora só había luceciñas vermellas: prostíbulos e barras americanas. E agora por fin empeza a despegar o outro sexo, o que non está baseado no diñeiro. O documental fala desa alternativa, sexo de verdade e non sexo pagado, clandestino, en aparcamentos escondidos. É o despertar do sexo baseado nas relacións consentidas e libres, non en corpos explotados. Esa é a mensaxe que quero amosar.

Aínda que na cultura popular o sexo sempre estivo moi presente.
Iso analizámolo con Camilo Franco e cun antropólogo, que di que estivo en moitas culturas e en ningunha veu tratar con tanta naturalidade temas como o dos fillos de solteiras e dos fillos dos curas. É unha cousa asimilada na aldea. El considera que Galiza hai xa tempo que é sexualmente moi liberada.

Diría que os galegos e galegas somos en cuestión de sexo agora máis liberais que nunca?
Creo que si. Isto vai moi a presa. Por exemplo, en Galiza agora hai catro clubs de intercambio de parellas, e hai polo menos catro actores de cine porno, un deles internacional.

Aos lectores e lectoras que consideren que saben moito de sexo e saben moito de Galiza, que cre que lles pode sorprender no documental?
A historia de Tomás Fábregas. É un tío da Coruña que vivía en San Francisco e desafiou ao presidente Bush pai. Estaba prohibido que calquera seropositivo entrase nos Estados Unidos, e el desafiou a todo o mundo anunciando nun congreso en Amsterdam que era inmigrante e seropositivo e ía entrar en Estados Unidos. Non se atreveron a paralo, e entrou. Que Barack Obama revogara esta norma recentemente é en parte vitoria de Tomás. Unha loita tremenda e un personaxe interesantísimo. E logo está tamén a historia de Marcela e Elisa, a primeira parella homosexual en casar, no 1901.

Como cre que sairá a xente despois de ver a película, con ganas de pensar ou de practicar sexo?
Espero que divertida, porque queremos que sexa unha reivindicación gozosa do sexo.


4.88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: