Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
EUROPEO DE TAEKWONDO SUB 21

Raúl Bouzas, campión de Europa

Turquía foi a gañadora do torneo, cun total de 12 medallas (seis de ouro). En segundo lugar quedou o equipo ruso e no terceiro posto o español.

Redacción - 10:35 09/11/2009

O galego Raúl Bouzas proclamouse campión de Europa na categoría de peso lixeiro (menos de 72 quilos) esta fin de semana en Vigo. O vilagarcián puxo a calidade galega sobre o torneo e conseguiu o ansiado ouro logo de meterse no combate final por un punto de ouro e demostrar unha gran profesionalidade no combate decisivo. Con todo, foi o único dos seis galegos presentes no campionato que conseguiu subirse ao podio. O conxunto do combinado español acadou 10 medallas (dúas de ouro, unha de prata e sete bronces).

Bouzas gañou a Mammadov (Azerbaian) por 5-4; logo superou a Hrabouski (Bielorusia), por 10-7 e en cuartos de final superou a Jankovic (Serbia) por 9-1. Xa en semifinais, gañou a Leewen (alemán) no punto de ouro, o que lle permitiu disputar a final. Co holandés Remark loitou nun combate espectacular e rápido, no que demostrou a súa frialdade e intelixencia, conseguindo o primeiro ouro para o combinado español.

Outros resultados
Doutra banda, o catalán Joel González proclamouse tamén campión en peso mosca (-58 quilos). Porén, o combate non tivo tanta emoción, porque o deportista xa é acredor do Campionato do Mundo Absoluto. A súa superioridade foi patente en todos os seus enfrontamentos: 12-0 contra o alemán Denis Roskoch; 13-1 contra o holandés Djordy Janmaat; e 8-5 contra o armenio Hajkaz Samvelyan. Xa na final, impúxose por 14-2 ante o ucraíno Shami Sadygov.


Ligazóns

4.6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: