Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Novas tecnoloxías

Os editores queren enchufarse ao libro electrónico

Analizan nun simposio o presente e futuro dos formatos dixitais, ao tempo que Galaxia e Xerais publica os seus primeiros ebooks.

Moisés Álvarez - 13:50 12/11/2009

Despois de moitos anos de dúbidas e especulacións, nos que se pasou de pensar que o libro electrónico mataría o papel a confiar en que o libro impreso sempre sería o rei das lecturas, parece que agora os editores galegos queren subir dunha vez ao tren do libro dixital. O sexto simposio da Asociación Galega de Editores (AGE) analiza o presente e futuro das novas formas de escribir, editar, vender e ler libros.

“Os editores e libreiros que non dean o paso á dixitalización van desaparecer”, advertiu Javier Celaya aos representantes do sector. Experto en dixitalización e comunicación cultural na rede e director do portal dosdoce.com, foi o encargado de pronunciar a primeira conferencia do simposio. Nela convidou ao sector galego á introducirse canto antes nas novas formas editoriais: “o mundo do libro ten que adaptarse á transformación social dos hábitos de acceso á información e o coñecemento”.

Libros nas nubes e nos móbiles
Celaya vaticinou que o 2010 marcará “un punto de inflexión nos contidos, a comercialización e os modelos de negocio arredor do libro”. Este especialista cre que o libro electrónico supón unha oportunidade para a difusión da lingua e a edición galegas fóra do país: “a dixitalización ofrece a posibilidade e ser máis lidos e comprados”. Cando están a aparecer no mercado un feixe de dispositivos específicos para ler libros electrónicos, Javier Celaya considera que no futuro os ebooks leranse sobre todo nos móbiles, e aposta polo concepto de “libros nas nubes”: “xa non imos descargar libros, senón que imos acceder e consumilos na rede”, tal como funciona na actualidade Google Books ou plataformas de distribución de música como Spotify.

Neste momento de cambios, tamén os escritores e editores terán que cambiar os seus papeis. “Imos cara a unha literatura plenamente dixital para unha xeración que quere que contemos historias multimedia”, sinalou Celaya a respecto dos autores. Aos editores auguroulles un regreso ao século XIX: “os editores crearán redes sociais para recuperar o contacto co cliente, que no século XX cederon a libreiros e bibliotecarios”.

A urxencia de adaptarse
Para os editores, a necesidade de adaptarse canto antes a este novo panorama que xa é presente vén dada polo risco de perder a súa posición a favor das empresas tecnolóxicas. “En Londres estiven nun congreso no que se presentaban 21 proxectos innovadores relacionados coa educación dixital, e ningún estaba liderado por editores”, advertiu Celaya. Alfonso García Sanmartín, presidente da AGE, admitiu a urxencia de poñerse ao día: “temos que prepararnos para asumir as posibilidades enormes que ofrece esta tecnoloxía. O problema non é crear documentos en PDF, hai que ir máis alá cun modelo editorial que nos axude a ofrecer novos servizos”.

Para o presidente da AGE, “debemos defender unha nova estrutura comercial que permita que a cadea do sector do libro sobreviva no novo panorama”. Parece que as editoriais agora si están convencidas de que a batalla se xoga no terreo dixital. A máis avanzada nese campo é a coruñesa Netbiblo, que lanzou o ano pasado os “bidibooks”, un formato específico para móbil no que o libro enlaza con imaxes, vídeos e textos en internet.

Galaxia e Xerais, dúas das editoriais de referencia en Galiza, acaban de dar pasos claros na aposta polo dixital. Na web Todoebook.com poden adquirirse dúas novelas de cada una destas editoriais. Galaxia abriu a súa oferta na rede cun clásico, A esmorga de Eduardo Blanco Amor, e a novela que Anxo Rei Ballesteros deixou inédita: A noite do moucho. A editorial xa anunciou que publicará en dixital antes de final de ano 50 títulos, e outros tantos ao longo de 2010.

De Xerais poden mercarse en formato Adobe DMR Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras, primeira medida dunha política editorial que vai apostar por editar as novidades simultaneamente en papel e dixital. Na mesma tenda na rede se poden adquirir unha ducia de títulos en castelán da editorial viguesa Ideas Propias, especializada en libro formativo.


3.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: