Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Academia da Lingua Vasca

Presentado na Euskaltzaindia a obra 'Cantigas para catro mortes'

O poemario tetralingüe (ademais de galego, castelán, catalán e éuscaro), de Xosé Sesto, homenaxea Bóveda, Companys, Gernika e Lorca.

Redacción - 13:00 17/11/2009
Capa do libro

Capa do libro

A sede da Euskaltzaindia, a Academia da Lingua Vasca, foi o escenario o pasado venres da presentación do poemario Cantigas para catro mortes, Poemas para cuatro muertes, Lau heriotzentzat kantak, Cançons per a quatre morts, Bóveda, Companys, Gernika, Lorca, do exiliado-emigrante galego-venezolano Xosé Sesto.

Este novo volume, editado por CIG-Migración en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados, recolle a tradición dos textos tetralingües (nas catro linguas oficiais do Estado), iniciada polo poeta vasco Gabriel Aresti coa súa editorial Kriselu en Euskal Herria e o libro Catro fábulas de Tomás Meabe.

"Eufemismo das nacionalidades históricas"

Precisamente foi Xurxo Martínez Crespo, de CIG-Migración e responsábel da sección Vieiros Venezuela, o encargado de lembrar esta tradición, que continuou coa editorial Akal en Madrid da man de Xesús Alonso Montero, no nacente sistema político após a ditadura.

"O esforzo non durou máis de tres libros. Gabriel Aresti morreu e o teórico Estado federal-plurinacional e plurilingüe rematou nunha descentralización con nome ridículo nun Estado que creou o eufemismo das nacionalidades históricas para non recoñecer a identidade nacional de galegos, cataláns e vascos", afirmou Martínez Crespo.

Felipe Senén López, técnico cultural e testamenteiro de parte da obra de Xosé Sesto, fixo un percorrido pola figura deste e pola cultura galega actual, así como as relacións de irmandade co pobo vasco.

"Macdonalización da cultura galega"

Falou da "macdonalización da cultura galega", da "excesiva identidade co castelán do galego normativo" e da "pobreza cultural da grella televisiva da canle pública galega" que cos seus "estereotipos do galego chocalleiro, aínda mergulla máis na indecencia e na pobreza mental a identidade como pobo das galegas e dos galegos".

O escrito vasco Edorta Jiménez, tradutor da biografía de Xosé Sesto para o éuscaro, fixo un percorrido pola figura do xa falecido académico da lingua vasca, tradutor á súa vez dos poemas de Sesto para o éuscaro, Juan San Martín.

Tamén estiveron presentes Raúl Río, directivo da Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo e Andrés Urrutia, presidente da Euskaltzaindia e tradutor para o éuscaro do libro de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego ('Mutiko baserritar baten oroitzapenak').

Alfabeto galego inédito
A tradución dos poemas para o catalán correu a cargo de E. Losada, e da biografía e do limiar foi traballo de Meritxell Romances Cuxart. A tradución dos poemas para o español pertencen ao fillo de Xosé Sesto, Farruco Sesto Novás, ex ministro de Cultura e de Vivenda de Venezuela.

Cantigas para catro mortes é un libro dunha gran sensibilidade artística, poética e patriótica. Está ilustrado cun alfabeto galego, inédito até a presente edición, debuxado polo propio Sesto, extraordinario debuxante alumno de Castelao.


4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Felipe Senén, Xurxo Martínez Crespo e Edorta Jiménez / Fotos: Raúl Río
Felipe Senén, Xurxo Martínez Crespo e Edorta Jiménez / Fotos: Raúl Río