Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Conflito en Euskal Herria

Os presos vascos Gisasola e Urrosolo instan a Batasuna a "falar claro"

Os dous históricos ex membros de ETA criticaron que a proposta da formación 'abertzale' non sexa máis explícita sobre a loita armada.

Redacción - 11:45 26/11/2009

Os históricos presos de ETA Joseba Urrosolo Sistiaga e Carmen Gisasola afirmaron que "a fin da loita armada" debe ser o "primeiro paso que hai que expor" para "abrir unha nova etapa e comezar a solucionar os problemas" de Euskal Herria.

Nunha carta remitida desde o cárcere de Zuera, en Zaragoza (onde o Ministerio do Interior agrupa os reclusos da organización armada críticos coa estratexia oficial), publicada esta quinta feira por Berria e os diarios do Grupo Noticias (como Deia, vinculados ao PNV), os dous presos criticaron tamén que a proposta da esquerda abertzale ilegalizada non sexa máis explícita e que non expoña "claramente o que quere dicir".

Por iso, instaron a Batasuna a "falar claro": "Cando se fala de 'cambio de ciclo e de estratexia' quérese dicir deixar de utilizar a loita armada e abrir unha etapa exclusivamente política".

"Non se pode seguir expondo vaguidades como que o cambio de ciclo se fará sobre unhas bases democráticas previas ou que para iso é necesario o compromiso previo doutros sectores políticos", engaden.

Ademais, realizaron un chamamento á base social da esquerda abertzale que "permanecen calados", para se pronunciaren claramente contra a loita armada, para que "non rematemos deixando uns poucos que sigan pedindo máis madeira e calcinando o propio tren".

Joseba Urrosolo Sistiaga e Carmen Gisasola foron expulsados de ETA, aínda que durante anos permaneceron no Colectivo de Presos Políticos Vascos, até que o ano pasado anunciaron a súa desvinculación.

"Continua substitución de dirixente de ETA"
A misiva dos dous reclusos é unha reacción á proposta política elaborada por Arnaldo Otegi e Rafa Díez, recentemente detidos, un documento que Urrosolo Sistiaga e Gisasola consideran repleto de eufemismos que evitan o núcleo da cuestión: o final da loita armada.

Urrosolo e Gisasola consideran que a resistencia de ETA a dar por rematado o ciclo da estratexia militar é consecuencia da continua substitución na súa dirección. Mentres o IRA mantivo na súa cúpula os mesmos homes durante todo o seu ciclo de actividade armada, non ocorreu o mesmo na organización vasca.


3.91/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: