Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
"Cantos na maré", o sábado 19 en Pontevedra

Inxección musical lusófona para o derribo de fronteiras mentais

Tito Paris (Cabo Verde), Raquel Tavares (Portugal), Fred Martins (Brasil) e Uxía (Galiza), referencias no Festival Internacional da Lusofonía.

Redacción - 09:30 11/12/2009

Volve ter o obxectivo de "reivindicar o esmorecemento urxente desas fronteiras mentais que nos impiden achegarnos máis aos países lusófonos". Defíneo deste xeito a cantante galega Uxía, directora artística do espectáculo Cantos da Maré, que terá lugar o próximo sábado 19 de decembro en Pontevedra, e que foi presentado este xoves na cidade do Lérez. Unha nova travesía polo atlántico para decatarnos de que "temos unha lingua que nos abre posibilidades de comunicarnos sen complexos co mundo", engadiu Uxía.

"Son a lingua e a linguaxe musical as que conectan os artistas dos países que participan", apuntou ao respecto a concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico. "O festival ten como marca de identidade as sinerxias que se xeran entre os artistas ao longo dos ensaios, e que logo se transmite na actuación", engadiu, felicitando o esforzo persoal e profesional dos músicos para sacar adiante este proxecto. O evento deste 19 de decembro, ás 21 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, unirá a Tito Paris (Cabo Verde), Raquel Tavares (Portugal), Fred Martins (Brasil) e Uxía (Galiza). Unha combinación de artistas consolidados con novos talentos que será moito máis que a suma de catro concertos, xa que haberá colaboracións, duetos e interaccións "que o fan máis rico e expresivo e o converten nun evento único".

Un proxecto viaxeiro
Durante a presentación do espectáculo que se celebrará neste mes de Nadal, recordouse tamén o éxito do Cantos da Maré viaxeiro, que celebrou a súa primeira edición fóra de Galiza na localidade brasileira de Fortaleza, no marco do congreso que xuntou dous milleiros de empresarios da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

Un dos que atendeu á cita brasileira, o actor galego Carlos Blanco, destacou a oportunidade de "decatarnos de que temos o privilexio de entendernos perfectamente con xente de tantos países", e especialmente dun xigante emerxente como Brasil. Aló estivo tamén Tito Paris, "nome indiscutíbel da lusofonía", e Raquel Tavares, de quen Uxía falou como gran descubrimento, definíndoa como artista cunha voz fermosa, "toda emoción, que non escatima riscos". Ambos os dous estarán tamén desta volta en Pontevedra, onde os acompañará ademais o brasileiro Fred Martins, do que, avanzou Uxía, "os seus proxectos futuros pasan pola fusión dos seus referentes musicais cos nosos". Compositor de samba e bossa nova para grandes músicos do seu país, Martins está desde o verán en Galiza "experimentando esa proximidade cultural secular que Cantos na Maré vén actualizando cada ano".


4.76/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: