Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Informe anual de Médicos Sen Fronteiras

'As dez crises humanitarias máis desatendidas de 2009'

"Millóns de enfermos, e civís acosados pola violencia e excluídos da axuda humanitaria, volven ficar á marxe das axendas políticas e mediáticas".

Redacción - 13:10 26/02/2010
Nai, VIH positiva, e filla / Fotos: MSF

Nai, VIH positiva, e filla / Fotos: MSF

O informe As dez crises humanitarias máis desatendidas de 2009, publicado este venres por Médicos Sen Fronteiras (MSF), lembra que, "un ano máis", a comunidade internacional "volveu ignorar, ou foi incapaz de dar resposta, ao sufrimento de millóns de enfermos esquecidos e de civís acosados pola violencia en todo o mundo".

Milleiros de persoas morren cada día a consecuencia de enfermidades. Desde MSF, sinalan que, ao non afectar estas o mundo desenvolvido, non son negocio, nin os seus pacientes un mercado rendíbel, a investigación e desenvolvemento de novos tratamentos e métodos de diagnóstico non recibe o apoio económico necesario.
 
Ademais, din, que aínda que noutras ocasións, os medicamentos existen, os enfermos non teñen acceso a eles. "Só a malaria, a sida infantil, a tuberculose, a doenza do sono, a Chagas e a kala-azar cobran cada día oito mil vidas", destacan.

"Todas estas son crises desatendidas que provocan mortes na súa maioría evitábeis, e a pesar do devastador impacto que teñen nos países pobres, non vemos na comunidade internacional a mesma determinación demostrada en frontes como o da Gripe A", apunta a delegada de MSF para o noroeste do Estado, María Díaz.

O informe de MSF denuncia, ademais, a situación dos centos de miles de civís que ficaron atrapados en conflitos esquecidos como Paquistán, Sri Lanka, Afganistán, Somalia, Sudán ou República Democrática do Congo (RDC), onde a violencia foi indiscriminada, cando non expresamente dirixida contra a poboación. E tamén contra as organizacións humanitarias.

"A poboación civil no só é vítima dos conflitos, senón que ademais se remata a xogada impedindo que reciba asistencia de emerxencia, ben deixándoa atrapada en zona de combate, ben bloqueando o acceso á mesma das organizacións humanitarias", sinala Díaz.

"Esta inaceptábel dinámica estase a converter na norma", engade, lembrando que, en Kivu Norte (RDC), a axuda humanitaria chegou incluso a ser utilizada como cebo, ao atacar o Exército congolés os emprazamentos onde MSF estaba a desenvolver unha campaña de vacinación contra o sarampelo, e nos que había congregadas miles de persoas".

Crises esquecidas desde 1998

MSF comezou a publicar a lista d'As Dez Crises Máis Desatendidas en 1998, logo de que a devastadora fame no sur de Sudán pasou desapercibida para os medios de comunicación. A lista non só fala do esquecemento mediático, tamén do político, e baséase nos contextos en que MSF presta asistencia. A orde en que aparecen as crises no informe non constitúe unha valoración do seu nivel de gravidade.


3.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Desprazadas congolesas no campo de Kitchanga, Kivu Norte
Desprazadas congolesas no campo de Kitchanga, Kivu Norte
Labrego enfermo de 'kala-azar'
Labrego enfermo de 'kala-azar'
Cativo con desnutrición, en Wolayita (Etiopía)
Cativo con desnutrición, en Wolayita (Etiopía)
Hospital en Al Talh (Iemen)
Hospital en Al Talh (Iemen)
Meniño enfermo de cólera en Mardan (Paquistán)
Meniño enfermo de cólera en Mardan (Paquistán)