Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

O PAPA-TOUR 2010 PISA GALICIA

Chea de gozo e ledicia recibiu toda Galicia a confirmación da viaxe que o Santo Padre vai realizar o próximo 6 de novembro á nosa terra. Os nosos representantes políticos, xa de dereitas ou de esquerdas, estatais, autonómicos ou locais, por non dicir a xerarquía eclesiástica, aplaudiron o anuncio desta visita. A Galicia eclesiástica e a leiga fundíronse nunha aperta nisto que a Constitución deu en chamar Estado aconfensional, reafirmando, por outra banda, esa visión roucovareliana do difícil que é ser actualmente católico no noso país.

Redacción - 16:09 08/03/2010

Pero, para que vén un Papa? Por que é tan importante que veña? Pois se atendemos ao que se foi declarando dende moitos eidos e dende diversos medios de comunicación, podería resumirse en: “o Papa vende”. Unha frase que ao propio Bieito non lle agradaría, mais que o presenta como un motor de reactivación económica no medio da crise, nun momento no que o Xacobeo 2010 comezaba a dar mostrar de fraqueza. Desestimada por disparatadamente cara a visita dos U2, a presenza do Papa actuaría coma un revulsivo para unha hostalaría que clamaba por alternativas que desestacionalizasen a chegada dos visitantes. Mágoa que a insólita unanimidade política e social nestes tempos de crise, non se trasladase a outros eidos, como o da vila mariñeira que vai albergar o porto refuxio que evite un novo Prestige, ou o das novas instalacións do centro de tratamento e de incineración de residuos que vai ser necesario construír no sur de Galicia e que tantos problemas vai xerar!

  A visita do arcebispo de Santiago ao Vaticano, que confirmou a próxima chegada do Papa, tivo a súa natural controversia cando houbo quen quixo patrimonializar o éxito da misión. A presenza do presidente Feijóo dentro do séquito arcebispal, nunha audiencia privada a Barrio, amosa o difícil que é entender algunhas veces que vén sendo iso da separación Igrexa-Estado, salvo que pensemos que a presenza do presidente de todos os galegos e galegas responde a un novo xeito de entender un “aconfesionalismo harmónico e dialogante”.

  E sobre presenza da compañeira, colaboradora, ou como se dea en chamar, do noso presidente, deixemos falar á  prensa rosa, aínda que entendamos perfectamente que tivo o seu interese e mesmo que Bieito puidese chegar a exclamar: “eu non creo noutros modelos de familia, pero habelos, hainos”.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: