Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Toponimia deturpada

A Xunta volve meter a zoca: despois de 'Desván de los Monjes' chega 'Puentenuevo'

No mesmo día que o conselleiro de Cultura rectificaba o seu "Desván de los Monjes", a web do Goberno publicaba unha nota de prensa sobre a desconexión analóxica con formas castelanizadas.

Redacción - 10:35 09/03/2010

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, facía pública unha nota a última hora deste luns na que pedía desculpas por ter empregado de xeito disparatado os topónimos de Sobrado dos Monxes ('Desván de los Monjes') e Touro ('Toro'). Dende o seu gabinete aseguraban que todo se debía a unha tradución informática ao castelán que se fixo dun texto en galego. Mais a Xunta persiste no desleixo á hora de empregar a toponimia oficial (que segundo a lei só ten unha forma: a do idioma propio de Galiza).

Cando aínda non rematou a polémica sobre o "Desván de los Monjes", a Xunta volve demostrar o seu desleixo pola toponimia nunha nota de prensa publicada o mesmo luns pola tarde na súa páxina oficial. Nun anuncio dos próximos apagamentos analóxicos, faise alusión á desconexión dos centros de "Puebla", "Puentenuevo", "Puentenuevo II" ou "Sanpayo".

Resulta paradoxal que se faga uso desas formas deturpadas xusto a carón do nome oficial e correcto do concello, A Pontenova. En calquera caso, estas prácticas son o reflexo doutras tantas que se poden comprobar na web do Ministerio de Industria. Así, por exemplo, na listaxe de centros emisores da TDT pódense ver formas como "Puenteceso", "Ferreira Valle Oro", "Jove", "Nogales", "Carballino", "Ginzo Limia", "Orense-Barbadanes", "Creciente" ou "Domayo", ademais das reproducidas na web da Xunta. É sintomático que non aconteza o mesmo coas formas catalás, correctamente transcritas polo departamento do goberno español.

"Non che perdas"
A web de Turgalicia tamén se ve contaxiada polo uso da tradución automática sen revisión posterior. Grazas ao Tumblr As minhas historias, decatámonos de que ao pé desta páxina se pode ler: "Non che perdas: A Baixa Limia - Ou Courel - Vos Ancares - Ou Ribeiro - A Costa dá Morte".


2.76/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: