Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Camiño da "gran caixa galega"

Inicio oficial das negociacións dunhas caixas que "non poden seguir como están"

Así o subliñou o presidente da Xunta ao tempo que facía público que o presidente de Caixanova e o director xeral de Caixa Galicia asinan o comezo oficial das conversas cara á fusión.

Redacción - 19:22 29/03/2010

"Un paso máis", insistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, á hora de definir o chanzo clave que o mapa financeiro do país viviu este luns. Logo das tensas negociacións dos últimos días, con ultimatos e ameaza de intervención incluídas, Caixa Galicia e Caixanova atoparon un punto de encontro. Sobre ese espazo de consenso apenas aclarou nada o presidente da Xunta na súa comparecencia esta tarde, pero insistiu en que se trata da fin dun proceso ao que se chega logo de centrar o debate "nos números"

"Non poden seguir como están", afirmou Alberto Núñez Feijoo ao respecto da situación das dúas caixas galegas na actual conxuntura económica e no escenario de concentracións impulsado a nivel estatal. Nese sentido referiuse Núñez Feijoo á súa comparecencia de comezos de decembro onde, subliñou, "concordamos en que o mellor era a unión a través da fusión". "Hoxe damos un paso máis", avaliou, logo do que cualificou de reunión "intensa e construtiva". Froito desa xuntanza é o documento asinado polo director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, o presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso, e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. Na práctica trátase da disposición a iniciar "oficialmente" as conversas cara a fusión e deberá someterse ao ditame positivo dos respectivos consellos de administración das dúas entidades antes da data límite do próximo 5 de abril.

En calquera caso, e toda vez que esas conversas entre os representantes das entidades coa mediación da xunta xa existían e se aceleraran durante a fin de semana, a saída ao público do documento significa que por vez primeira hai unha disposición real desde a cúpula das entidades a facilitar a fusión. No seu repaso do camiño deica este pacto, Feijoo referiuse, aínda que sen concretar números, aos "datos obxectivos" sobre a situación dunhas entidades que "non podían permanecer inmóbiles", citou a importancia de que o Banco de España admitise a posibilidade da fusión e valorou que as caixas "malia os seus receos" recoñeceron finalmente que a fusión é posíbel. "Posíbel e viábel", subliñou o presidente da Xunta, advertindo de que "malia todo aínda queda moito traballo". "Unha posibilidade aberta porque a inmensa maioría da sociedade galega traballou por ela", afirmou Feijoo. "Imos comezar unha nova etapa que pode levar a esa fusión ansiada que permita unha gran caixa galega", finalizou.



4.27/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: