Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ARTES ESCÉNICAS

Blanca Cendán asumirá a dirección do Centro Dramático Galego

Adiantou que a súa primeira decisión será crear un gabinete de asesoramento con representantes de todos os eidos do teatro galego.

Redacción - 11:00 10/04/2010

Logo de sete meses sen liderado despois da destitución de Cristina Domínguez, o teatro público galego xa ten nova dirección. O Consello de Dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) resolveu o nomeamento da actriz Blanca Cendán como nova directora do Centro Dramático Galego (CDG).

Cendán foi a candidata máis valorada nunha decisión que, por vez primeira se decidiu en concurso público. O Consello, presidido polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, elixiuna entre os tres aspirantes que cumpriron os requirimentos, o escritor e director teatral Antonio Simón, o sociólogo e artista checo David Subik e a propia Blaca Cendán.

Novos retos
A nova directora asumirá atribucións artísticas e de xestión e a súa contratación realizarase baixo a modalidade de alta dirección, polo que percibirá unha retribución bruta anual de 39.400 euros. Entre as tarefas que terá que asumir atópanse as de exercer a dirección artística do CDG, coordinar e planificar a actividades das sedes, formular o plan de programación anual do CDG e do Salón Teatro e dirixir a xestión ordinaria desta unidade de produción.

Asemade, encargarase de todo o necesario para seleccionar e contratar as empresas encargadas da produción dos espectáculos programados, así como dos artistas vencellados a cada proxecto. Finalmente, terá que impulsar acordos de colaboración con outros centros e institucións públicas. Cendán xa adiantou que a súa primeira decisión será crear un gabinete de asesoramente, con representantes de todas as tendencias do teatro galego, o máis plural posíbel, para acordar as liñas mestras a seguir polo Centro Dramático.

Currículo
Blanca Cendán (Ares, 1956) ten unha traxectoria profesional de máis de 20 anos, dende que comezou na década dos 80 coa compañía Chévere. Especializada en cabaret e teatro musical, en 2002 fundou a compañía BB Producións, na que traballa como directora e produtora. Com o actriz, traballou en obras como 'Os vellos non deben de namorarse', de Teatro do Morcego; 'Eliana en ardentía', de Nordesía; ou 'A matanza dos Seixas', de Teatro alla Scala 1:5, entre outras. Xa na televisión, participou en numerosas series da TVG como Pratos Combinados, Galicia Express, Fíos, A Vida por Diante, Terras de Miranda ou Padre Casares, entre outras.


Ligazóns

2.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: