Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CULTURA E MEDIOS

A radio e a televisión galegas abandonan a música tradicional

A Asociación de Gaiteiros Galegos denuncia a eliminación de programas relacionados coa nosa cultura dos medios públicos.

Isabel G. Couso - 11:34 29/04/2010
Imaxe: Flickr: Trasancos

Imaxe: Flickr: Trasancos

“A música tradicional está presente nas parroquias, nas aldeas, mais non nos medios públicos galegos”. O que fala é Santiago Caneiro, presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), colectivo que suma máis de 30 anos traballando pola música galega e pola súa proxección. “Non se corresponde a presenza que a nosa música ten na sociedade co espazo que lle ofrecen os medios de comunicación”, asegura.

Despois de enfrontarse, durante anos, a “estratexias illantes” que reduciron a música galega á anécdota, os gaiteiros denuncian unha nova cambadela por parte do poder político. A través dun comunicado, fan pública a súa “preocupación pola diminución da presenza da música tradicional nos medios de comunicación públicos” e lamentan “os esforzos que se están a producir por parte do Goberno para eliminar os programas relacionados coa cultura tradicional das súas canles habituais”.

Refírense, en concreto, ao troco de horario do programa Alalá (TVG), que mudou de horario para ser emitido os xoves ás once da noite; ou tamén ao troco de emisora do programa Lume na Palleira, que emitía a Radio Galega (RG) e agora pasa e emitirse por Radio Galega Música (RGM), unha emisora que conta coa metade de oíntes e peor recepción. Ambos os dous programas “teñen como protagonistas a persoas, grupos ou asociacións que se adican á música tradicional ou folk galegas”,subliñan.

Malos precedentes
Estes últimos movementos na programación da televisión e da radio públicas engádense ás decisións tomada polo Goberno de eliminar o programa Aberto por Reformas, dirixido por Xurxo Souto, ou trasladar o espazo que presentaba Vituco Neira nas fins de semana a Radio Galega Música, cun novo nome (Planeta Furancho) mais co mesmo formato.

A maiores, como xa informaba Vieiros a comezos de lexislatura, a cultura galega sufriu outras mudanzas programáticas nos medios públicos: a eliminación de Miraxes, Libro Aberto ou Onda Curta da grella televisiva ou a retirada de Banda Curta da radiofónica. Estas decisións súmanse a outras non menos agresivas acometidas pola dirección de radio e televisión galega. Referímonos a acción da RG de tentarse apropiar do formato e da marca de “A polo Ghit”, impulsada por Vieiros.

Para que non desapareza
Dende a Asociación de Gaiteiros lamentan a actitude dos medios públicos galegos en xeral e da Xunta en concreto: “realmente sempre nos tiveron abandonados”, di Caneiro, “soamente se apuntan a apoiar a música tradicional cando algún grupo ou intérprete determinado xa acadou certo prestixio, mais tivo que gañalo a pulso”. Subliña que “o traballo que facemos dende a asociación, nos colexios, no ensino, vertebrando a música tradicional” lle corresponde en realidade ás administracións”.

Finalmente, dende a AGG recordan que “a música tradicional forma parte da identidade dun pobo, identidade que se debe resgardar, e con actuacións como as que se están a promover dende os medios públicos galegos, fan que o noso patrimonio cultural, que forma parte de todos os galegos e galegas, desapareza”.


4.79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O programa Alalá, presentado por Pilar García Rego, mudou o seu horario
O programa Alalá, presentado por Pilar García Rego, mudou o seu horario