Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Electores confusos

14:01 07/01/2008

A dous meses das xerais do 2008 os fundamentalistas católicos encheron Madrid con máis de cento cincuenta mil manifestantes, contra o Goberno de Zapatero. Esta manifestación, que pretende acosar á España democrática, non é máis que unha mostra de que a dereita radical tomou as nosas rúas, que non están dispostos a perder a hexemonía e o control político, aínda que perdan as eleccións como así aconteceu hai catro anos co triunfo socialista.

A isto súmase a confusión que desde a esquerda estase a vivir con esta fin de lexislatura, onde tras unha boa xestión progresista, produto do acordo básico dos socialistas con IU e as esquerdas dos nacionalismos, vense a evidenciar, outra vez, que a dereita logra marcarlle a axenda ao Goberno, cando este último está a facer propostas electorais, especialmente nunha redución insolidaria de impostos, xunto co anuncio dun xiro ao “centro político”. ¿Anúnciase a implementación dunha política económico – social neoliberal, onde os traballadores e as capas máis modestas paguen, aínda máis, o tan cacarexado déficit cero e o axuste económico derivado deste modelo de integración europea, que de xeito ostensible está a reducir o noso nivel de vida, visible sobre todo, tras a entrada do euro?

Ademais, parece ser que determinados socialistas como Solbes, Bono, Vázquez e algún outro, non saben que España é un país situado á esquerda. De feito, hai máis de millón e medio de votantes, que discorformes con políticas económicas neoliberais e considerando que Esquerda Unida non é unha alternativa, tende a optar pola abstención. Máis, o 14 de marzo de 2004 foron votar contra Aznar. O triunfo da dereita sempre estivo en que a esquerda quedara na casa.

Tamén, hai asentado un discurso que esconde a realidade social de España. É o famoso discurso das clases medias; que serve para ocultar que temos conflitos, produto dos diferentes e encontrados intereses de cada clase social.

Xogan, ademais, nesa nomenclatura con conceptos despectivos como “clase baixa”; incluso o concepto de “clase media” é traducido erroneamente por “xente corrente”. Pero, por se alguén ten dúbidas, para ser clase media hai que cumprir tres premisas: ter estudos universitarios, unha profesión liberal ou similar, e medios económicos para facer fronte ás inclemencias da vida. Senón se cumpren, utilizando esa mesma nomenclatura es “clase baixa”. Persoalmente, prefiro a tradicional de “clases traballadoras”, que realmente é o que se pretende ocultar. Aínda que sexamos moi maioritarios na sociedade española, non formamos parte do discurso dominante... máis existimos.

Base social

Sendo así, todo xiro ao centro político e non tendo asegurada a túa base social - xa que esta tende a castigarte coa abstención, ou cambiar en menor medida a outras opcións cercanas – o único que estás a conseguir é a facer confuso o teu propio discurso, cando non directamente a enfadar a unha boa parte do teu electorado. Resoan aquelas palabras de Indalecio Prieto que preguntado pola derrota da esquerda, respondía que era por imitar as políticas da dereita.

Se a isto lle sumamos que en Galicia, aínda que si é certo que os novos orzamentos da Xunta parecen querer abrir unha nova etapa máis social, choca cun discurso desde o bipartito bastante plano, asumindo acriticamente o submodelo clientelar do fraguismo, que fai que as súas herdanzas envelenadas (Reganosa, Monte Gaiás...) parezan ser intocables; e onde os representantes políticos do PSdeG – PSOE e do BNG, parecen se conformar con compartir fotos con empresarios do vello réxime de dubidosa traxectoria, que o único que fixeron foi manter a debilidade do noso tecido industrial. Todo apunta a que realmente, desde a esquerda gobernante, xogan a que lles votemos porque son menos malos ca dereita.

Pobre argumento. A estas alturas só fomenta o desencanto do electorado progresista. Abrindo así a posibilidade de que no Parlamento español poida haber un retroceso das diversas esquerdas, e facilitar un acordo das dereitas nacionalistas con Rajoy, aínda que o PSOE fose a lista maioritaria. Dito en prata, hai que mobilizar ao electorado de esquerdas para relanzar un goberno socialista en España con apoios de IU e do nacionalismo progresista.

4,43/5 (14 votos)


Comentarios (13)

terracha #1 7/Xaneiro/2008 terracha

"esquerda, dereita, centro" son todas palabras moi sonoras e fan quedar ó que as utiza como gran entendido na politica actual pero cal é o seu significado , podese definir un partido con elas .Esto é xogar algo tramposamente porque son conceptos indeterminados que se utilizan moitas veces sen rigor.Non se pode ser tan inconcluso tan astracto , poque parece que se dice moito e non se dice nada.
E de todas as palabras a mais abstracta é "progresista" é case ofensivo o que se repite ,case sempre como autodefinición por parte do PSOE, e nembargantes non sabemos que quererá decir, insinúa que hai partidos que non o son ,que non apostan por progresar.
Todos sabemos certamente , ou parécenos saber, a que se refiren pero eso non quita que se fagan as cousas algo seriamente , especificando os ámbitos concretos nos que se diferencia cada opción política (non se pode meter no mesmo saco PSOE, BNG ,IU... manteñen puntos de vista case antagónicos en certos aspectos), hai que

terracha #2 7/Xaneiro/2008 terracha

ser algo serio e non adicarse a vender fume.
Pobre argumentación a do artículo .

charino #3 7/Xaneiro/2008 charino

O artículista intenta meter medo. A frase "O triunfo da dereita sempre estivo en que a esquerda quedara na casa" é completamente desacertada. O triunfo da dereita, sempre estivo nas políticas de dereitas practicadas polo PSOE, que levaron ó descontento do seu electorado de esquerdas. Así, a comezo da lexislatura en Hespaña as promesas de Zapatero eran outras e en Galicia Touriño claramente virou de chaqueta. Se desde o goberno se fan políticas de dereitas -Igrexa, Facenda, Economía, etc.- para atraer os votos do centro dereita, pois que se queden con todos. Os que queremos unha política de esquerdas, non un goberno do PSOE, debemos absternos ou votar outras posibles alternativas aínda que fracasen.

Sabrexo #4 7/Xaneiro/2008 Sabrexo

Para Galiza a única posibilidade de que o asteleiro de Fene poida volver á construción civil ou de que siga avanzando o proceso de transferencias, por exemplo, é que o goberno español ("progresista", "de izquierdas" ou como queiran chamarlle os da nosa sucursal do PSOE) precise dos votos do nacionalismo galego.

Carbalho #5 7/Xaneiro/2008 Carbalho

Moito andan os do PSOE por aquí ultimamente: "Dito en prata, hai que mobilizar ao electorado de esquerdas para relanzar un goberno socialista en España con apoios de IU e do nacionalismo progresista."

Pois eu non teño tan claro que haxa que relanzar un goberno do PSOE, alomenos deste PSOE que está a facer unha política tan nefasta para o noso país. Que, por certo, o "O" xa llo podían ir quitando das siglas, e penso que o "S", pois tamén.

Concordo co último comentario, o mellor que pode pasarnos é que quen represente a Galiza en Madrid sexa o nacionalismo, e que ninguén teña maioría absoluta para que poidamos barrer algo para a casa. Polo demais, as políticas duns e doutros tampouco cambian demasiado, lamentabelmente, e o concepto que teñen de España, pois xa estamos a ver que tampouco, nin cuestións fundamentais (agora, por exemplo, quéixanse da manifa da igrexa do outro día, e levan todo o mandato facéndolles o xogo).

ranciadas #6 7/Xaneiro/2008 ranciadas

Outro socialisto máis en Vieiros. E para cando más nacionalistas galegos e doutras terras para lelos? Eu tamén quero saber que pensan e mira que hai.

ranciadas #7 7/Xaneiro/2008 ranciadas

Por certo, que é IU?

ranciadas #8 7/Xaneiro/2008 ranciadas

Por certo, que é IU?

Maiakovsky #9 7/Xaneiro/2008 Maiakovsky

De todas maneiras, ao césar o que é do césar. Malia que tente, lóxicamente, varrer para casa, sorpréndeme positivamente este tipo de lecturas da situación política dun militante do PESOE. A ver o Bloque se aplica tamén a lección e ou deixa de buscar o espazo de centro 'regionalista' ou fende dunha vez, e que os nostálxicos de Coalición Galega sigan o seu camiño e os que cren nun proxecto de esquerdas (sen medias tintas) e soberanista polo outro.

remexendo #10 8/Xaneiro/2008 remexendo

Manolo o Sabrexo haberá de indicar se defende a volta de Astano á construción civil como estaleiro PUBLICO ou o que apoia é o Plan do Conselleiro de Industria e de Pucho Viñas o de Barreras de privatiza-lo estaleiro

Sabrexo #11 8/Xaneiro/2008 Sabrexo

Eu creo no sector público, pero prefiro un asteleiro ABERTO con empresas privadas traballando nel que outro público PECHADO como hai agora (e que cando ten traballo subcontrata ás compañías privadas, con traballadores en condicións precarias e sen representación nos órganos sindicais da empresa). A escusa "es que tiene que seguir siendo público" é a que utiliza, por exemplo, a sucursal galega de Izquierda Unida, que curiosamente aplaude as privatizacións dos demais asteleiros da SEPI no Estado para que poidan seguir funcionando.

remexendo #12 8/Xaneiro/2008 remexendo

Se a campaña do BNG vai ter como un dos seus eixos que Astano volte a facer buques civís, pero sen defender a súa continuidade como estaleiro público. Se o que vai defender é o proxecto Barreras de Pucho Viñas, ex-director de Astano, e a privatización de espazos " ociosos" para Isidro Silveira e outros empresarios exemplares como él, como defende o Conselleiro de Industria, o batacazo do BNG vai ser sublime.

Por certo que opina Pepe Díaz desa proposta? Por que está tan calado?

Sabrexo #13 8/Xaneiro/2008 Sabrexo

Si que son ganas de remexer as de IU, si. Como outras veces, utilízase Galiza como moeda de cambio. Aos españolistas convenlles que o estaleiro siga pechado, por iso sacan o falso debate "público-privado" para mantelo sen funcionar.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Cendán

Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés.