Moitos miles de anos antes da existencia das parroquias, comarcas e concellos no que hoxe coñecemos como Pasarela (Vimianzo) e Traba (Laxe) a familia dos Penedos ergueu alí o seu fogar. Entre eles sempre houbo harmonía e democracia porque un penedo era igual a un voto nas asembleas. Non tiñan inimigos nin preocupacións.
Onte mesmo escoitaron falar dun novo virus mortal para as pedras chamado a peste das canteiras. Houbo varias reunións nas que os dous portavoces autorizados, Pena Forcada e Torre da Moa, coincidiron en que debían vacinarse axiña para se chegaba o virus que non fixese estrago ningún.
Hoxe hai festa rachada. A celebración é para recoñecer que a vacina funcionou perfectamente desque se inxectara o 15 de marzo de 2006 por medio dunha proposición non de lei pola que se instaba á incoación do expediente de declaración dos Penedos de Pasarela e Traba como espazo natural protexido.
Pasaron dous anos e agora a Dirección Xeral de Conservación da Natureza inicia o procedemento de declaración da paisaxe protexida que recoñecerá por medio dun decreto da Xunta de Galicia o que todos os veciños da contorna saben desde nenos: que os penedos teñen un valor singular, estético e cultural que os fai merecentes dunha protección especial.
A Costa da Morte avanza e progresa cando vai da man do medio natural. Se somos quen de recoñecer que “os penedos non son só pedras que se poden esnaquizar” entón estaremos diante dun vieiro cheo de futuro. O escenario singular de Pasarela e Traba simboliza o comezo dunha nova sensibilidade que substitúe o desprezo polo aloumiño sincero.
*Manuel Suárez é coordinador de “Amigos dos Penedos da Costa da Morte”
Vexo que S.Suárez ademais de defender aos emigrantes tamén se preocupa polos fermosos PENEDOS DA COSTA DA MORTE que estiveron ameazados pola ignorancia dun alcalde do PSOE (o tristemente célebre Rodríguez Lema)que quería esnaquizalos mediante a instalación dunha canteira. Moi ben todo o que escribe porque somos moitos os que queremos ser "amigos" dos penedos de Pasarela e Traba. Cando organizades unha marcha reivindicativa?
Cun grupiño de amigas e amigos da Coruña temos subido aos penedos un par de veces (unha desde pasarela e a outra desde Traba)para admirar e gozar cun monumento natural único. Os penedos son nosos porque os queremos e desde agora apoio todo o que fagan os AMIGOS DOS PENEDOS. Non sabía que tivesen por alí un alcalde tan malo e negativo. Convido a todos os sendeiristas para fagan o roteiro dos penedos. Parece que a Xunta tamén recoñece que aquel espazo natural singular debe ser protexido.
Non teño moi claro quen vota ao actual alcalde de Vimianzo sendo un mal-malísimo rexidor porque é inimigo do futuro. Cada vez que fala é para dicir parvadas ou ben atacar ao BNG. Ten un pacto co PP por medio do cal intenta aguantar na súa cadeira. Non hai PXOM porque sería enterrado polos veciños xa que nun avance secreto quedaban fóra máis de 700 casas do rural. Só era terreo urbanizable aquel da súa propiedade ou dalgún dos socios PP que o apoian. Non me extraña nada que quixese "cargarse" aos penedos porque ademais de ignorante é moi interesado polos euros.
Haberá que facer unha festa nos PENEDOS para celebrar que o alcalde foi derrotado por unhas pedras ás que despreza. Hai que ser burro ignorante para non entender que as industrias do futuro na Costa da morte son as que se relacionan en harmonía co patrimonio (natural e histórico). Os roteiros por Pasarela e Traba traerán riqueza e autoestima ás comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira. Haberá milleiros de visitantes que con sa envexa dirán "quen tivera esta marabilla". A festa reivindicativa xuntará arredor dos penedos aos AMIGOS ---que son moitos--- destas formacións nas que traballou con xeito o primeiro escultor da Costa da Morte (chamábase Vento).
Os Penedos teñen moitísimos outros valores, TAMÉN PRIMORDIAIS: quén recolleu entre as populacións maiores da zona (un neto ou algún fillo) as seguro existentes LENDAS e MITOLOXÍAS (Ratos, Bruxas, Pitas, etc.)?
Tais penedos tan "suxerentes" por sí mesmos, e mesmo polo enclave, non ían ser zonas de ANTIGOS CULTOS? Estaría por ver si queda pola zona algúns restos de valor ó respecto.
O Monte Xeixo, na Terra de Montes, o máis outo e RICAZ de Pontevedra, tras moitos reveses ben ás claras para quen alí vaia, tivo a sorte de ter un neto (Calros Solla) que recolleu da aboa "todo" o saber antigo, e hoxe os libros poden atestiguarnos os moitísimos OUTROS VALORES que encerran os montes e penedos "ó xeito". Porqué os de Traba non?
Desde aquela sabemos que os montes son moito máis que producción florestal (ideoloxía correlativa case á do progreso indefinido), e producción de BENEFICIOS PRIVADOS!!
Claro que os penedos de Pasarela e Traba son fonte de lendas e de antigos cultos. Agora ademais de organizar roeiros de sendeirismo os veciños daquelas parroquias recollerán os seus recordos por escrito. Aquí hai outra posibilidade de promoción dos PENEDOS PAISAXE PROTEXIDA que é a literatura arredor destas formas máxicas que un analfabeto local (o alcalde) quixo converter en anacos. Os penedos teñen nome e apelido e por tanto identidade propia desde antes que houbese DNI.
Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).