Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Tempos de dimisión

09:58 05/01/2010

Rebentou un tubo na cociña. Meu pai chamou ao seguro e comprometeuse en enviar un fontaneiro. Logo o fontaneiro chamou a casa, en Coia. Colleu meu pai. Falaba castelán e contestoulle en castelán. Era de Vilagarcía. Non coñecía ben Vigo e precisaba indicacións para dar co noso enderezo. Unha longa conversa en castelán. Deu chegado.

Xa na cociña e revisando a avaría chamaron por min porque fun o primeiro en dar co estrago. Preguntoume en castelán. Respondinlle en galego. Retrucoume en galego e meu pai concretaba en galego. Miña nai tamén se sumou. De súpeto falabamos todos en galego. Dende aquel intre o fontaneiro, que tivo que volver máis veces, só falou galego. Era a súa lingua cotiá. Notábaselle de lonxe.

Esta anécdota real é unha perfecta mostra da situación sociolingüística do galego e a súa consideración nunha cidade. Por que o fontaneiro se sabía que chamaba a Vigo falou en castelán? Acaso pensaba que Vigo non era unha cidade galega, que aquí non se fala galego? Por que mudou a lingua habitual? Que o fixo trocar de rexistro? Non fai falla ter estudos para abesullar as causas daquela mudanza lingüística.

Hai milleiros de casos nos que o galego é considerado un idioma inferior fronte ao castelán. Tantos outros nos que falar galego na cidade pode ser síntoma de faltas de respecto ao considerar que é o castelán a lingua maioritaria. Cansariámonos de citalos.

Nesta conxuntura sociolingüística non é nada atinada a proposta do novo decreto. Os tecnócratas da Xunta xeraron un conflito lingüístico no discurso político que se trasladou ao pobo e agora estoupou de cheo con esta aberración pedagóxica. Nótase que Jesús Velázquez está incapacitado para comprender a educación e as súas funcións sociais. Inventar un decreto sen apoiarse nos profesionais da ensinanza denota actitudes nada éticas: eu conselleiro, eu decido. Un incapaz, un filisteo, un tecnócrata prosmeiro.

Agora, que? O discurso da imposición do galego fracasou. Non teñen aliados agás a galegofobia organizada, é dicir, á minoría ultra. Sabíano. Que esperaban? Os sectores sociais, culturais e educativos na súa contra, unidos e firmes na defensa do Plan Xeral, que algúns miraron de esguello noutrora e agora é bandeira común neste combate. O galego une; unidade e forza deica a vitoria!

Este goberno non sabe gobernar. Enfrontou á sociedade e recrúao nos centros. Toda a comunidade educativa na súa contra. Precisan máis feitos, máis declaracións ou máis manifestacións para saber que Jesús Velázquez debe dimitir e con el todos os responsábeis da política lingüística da Xunta?

Estes filisteos políticos son mariñeiros de auga doce.

4.55/5 (53 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...