Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Ramón Cabanillas, tractorada bravú e soberanía alimentar

09:35 21/05/2009

¡Irmáns! ¡irmáns gallegos! / ¡Dende Ortegal ó Miño / a folla do fouciño / fagamos rebrilar!

Estes versos, sintética arenga de combate agrario, volven á actualidade de xeito retorto, a ruda adversidade que bate contra nós. Retorna a estadea que aboura Europa e non é, non, o que Karl Marx pregoaba. Volve a Europa do mercado libre que favorece a competencia ruín malia supor a expiración do agro galego.

Son os versos do bo Ramón do Salnés, o Cabanillas que cumpre o 50 cabodano. Estes versos, que cantamos os máis novos cos acordes de Xenreira, encetaban o himno de Acción Gallega, a do crego de Beiro, si, o Basilio Álvarez de La Zarpa que dirixiu algún tempo o fusilado Roberto Blanco Torres, si, quen logo sería redactor xefe de Galicia, si, onde Antón Villar Ponte dixera aquilo de “Toda Galicia é Cambados” en loanza patriótica a Cabanillas, si, de quen se cumpren 50 anos da súa morte. Por iso estamos no Ano Ramón Cabanillas, segundo acordo municipal do concello de Cambados.

O movemento agrarista convertérase nunha sublevación popular naquela loita antiforal de inicios de século. Nos anos 60 e 70 os labregos volveron mobilizarse contra os encoros que asolagaron vales e terras expropiadas. Nos 90 volveron a protestar pola cota láctea e as restricións da Europa neoliberal. O 26 de maio de 2009 sairán os tractores ás rúas da nación continuando un calendario de accións na defensa do agro e reclamando medidas sistémicas que poidan garantir o prezo mínimo en orixe, cubrir os custos de produción e realizar modificacións no contrato homologado.

Que morre a aldea é tan certo como as palabras de Belén Regueira na gala Mestre Mateo: en vinte anos reduciuse nun 70% a poboación activa agraria; en seis anos (1999-2005) pecharon 178.000 explotacións agrogandeiras; máis da metade da actividade agraria é a tempo parcial; perda de superficie agraria útil; aumento da forestación e terras a monte; caída demográfica; emigración interna e externa… Se ao final van ter razón os Yellow Pixoliñas: “Plantar herba é a solución / agricultores salvade o sector / plantemos herba dabondo / pero con denominación”.

Mais tamén hai unha quebra lingüística, de comentarmos algo polo mes das Letras Galegas dedicadas a Ramón Piñeiro, si, que de pícaro aldeán recorda o conflito lingüístico ao saír de Láncara, si, abofellas, como tantos outros e moitos, sen saber pinga de castelán, ben puideron emigrar a Cuba, Suíza, Francia, Inglaterra ou Alemaña e aprender o seu idioma. E só sabían galego e viñan das aldeas! Os da zocas, que dicían e din os chips de Monforte.

O traballo do SLG de difusión dos principios da soberanía alimentar están ecoando. Unha proposta a longo prazo que as organizacións sociopolíticas están a escoitar (ou deberían) e que debería resoar no Hórreo, se algún grupo parlamentar fose quen de explicalo e pular por un debate social neses termos. Temos que gañar o futuro apuntalando a economía produtiva polo cal debemos falar de soberanía alimentar, si.

Os cartos anunciados da Xunta para o agro son a morfina dun enfermo terminal. Darlle liquidez ás explotacións sen asegurarlles a viabilidade da mesma é pan para hoxe e fame para mañá. Cómpre intervir nas marxes de distribución. Estes cartos parecen os dunha gala benéfica que os xenerosos homes-ricos urbanitas fan aos rústicos en ostentosa representación do máis nulo interese polo problema.

Se Cabanillas deu letra ao himno agrario de inicios de século, non che é mala cousa recuperar o himno agrario de finais de século, que cantaron Os Rastreros de Chantada, sob o título “Tractorada”: Ferro, barullo, caucho, remolques / mil tractores baixan do monte / pan, lacón e viño, paus e marras / ferve o sangue, barricada agraria.

4.21/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...